Páginas del blog Ría de Ribadeo

domingo, 22 de enero de 2017

Censo de aves acuáticas Ría de Ribadeo 2017

Coincidindo coas datas elixidas a nivel internacional para realizar o censo de aves acuáticas invernantes en humidais de todo o mundo, a pasada fin de semana fixen o meu particular censo da Ría de Ribadeo. En anos anteriores non puidera facelo exactamente nas mesmas datas, pero este ano por fin mo permitiron as circunstancias.



Ademáis, celebrouse tamén ese mesmo fin de semana, en concreto o sábado 14, o censo ibérico de aguia pescadora, organizado pola Fundación Migres - Amigos del Águila Pescadora, e coordinado en Galicia pola Sociedade Galega de Ornitoloxía. Coa especial vinculación que sinto con estas fermosas aves e en particular coa súa presenza como invernantes na nosa ría, pois apunteime ó censo, aquí sí que de forma "oficial". O día que o estaba facendo encontreime pola ría con Carlos Sanjurjo, outro namorado das pescadoras, así que acabamos os dous xuntos contándoas. Localizamos as 3 que me dicía Carlos que estaban este inverno aquí. A saber: Panchita (anela 82), Virgilia (anela LV) e outro exemplar sen anelar.





E sen máis dilación, imos cos datos do meu censo de aves acuáticas invernantes na Ría de Ribadeo:

Castellano / Nombre científico / Galego
Ánade silbón / Anas penelope / Asubiador - pato asubión 347
Ánade friso / Anas strepera / Pato frisado 21
Cerceta / Anas crecca / Cerceta 58
Ánade real / Anas platyrhynchos / Lavanco 184
Ánade rabudo / Anas acuta / Pato rabilongo 205
Porrón bastardo / Aythya marila / Pato bastardo - pato caribranco 1
Havelda / Clangula hyemalis / Pato rabeiro 2
Negrón / Melanitta nigra / Pentumeiro 9
Serreta mediana / Mergus serrator / Mergo cristado 1
Colimbo grande / Gavia immer / Mobella grande 2
Zampullín cuellinegro / Podiceps nigricollis / Mergullón de pescozo negro - mergullón orelleiro 9
Cormorán / Phalacrocorax carbo / Corvo mariño 54
Cormorán moñudo / Phalacrocorax aristotelis / Corvo mariño cristado 3
Garcilla bueyera / Bubulcus ibis / Garza boieira - garza mediana 20
Garceta / Egretta garzetta / Garzota 45
Garza real / Ardea cinerea / Garza real 16
Espátula / Platalea leucorodia / Cullereiro 20
Águila pescadora / Pandion haliaetus / Aguia pescadora 3
Ostrero / Haematopus ostralegus / Lampareiro (galego local) - gabita 20
Correlimos común / Calidris alpina / Pilro común - pilro curlibico 91
Zarapito trinador / Numenius phaeopus / Mazarico chiador 14
Zarapito real / Numenius arquata / Mazarico real 69
Archibebe común / Tringa totanus / Bilurico patirrubio - bilurico común 11
Archibebe claro / Tringa nebularia / Bilurico pativerde - bilurico claro 44
Andarríos chico / Actitis hypoleucos / Bilurico das rochas - bilurico bailón 1
Aguja colinegra / Limosa limosa / Mazarico rabinegro 55
Gaviota reidora / Chroicocephalus ridibundus / Gaivota chorona x
Gaviota sombría / Larus fuscus / Gaivota escura x
Gaviota patiamarilla / Larus michahellis / Gaivota patiamarela x
Gavión atlántico / Larus marinus / Gaivotón x
Charrán patinegro / Sterna sandvicensis / Carrán cristado 9
Martín pescador / Alcedo atthis / Picapeixe - martiño peixeiro 1

x- Especie observada pero non censada

Como sempre me gusta aclarar, estos son os datos das aves que eu observei e puiden contar, o que non quere dicir que sexan datos absolutos, como ben saben os censadores.



Pasemos a analizar agora algunhas conclusións que se poden sacar dos datos. Gústame comezar sempre polas anátidas, o grupo de aves polo que a Ría de Ribadeo obtivo o seu recoñecemento internacional coma humidal Ramsar. Ainda que desgraciadamente, e como xa falei aquí moitas veces, o descenso da poboación invernante de anátidas nas últimas dúas décadas foi tremendo na nosa ría. Pois ben, en liñas xeráis, continuamos en valores semellantes ós dos últimos anos. O que máis se sae do normal é a cifra de lavancos, só 184, a cifra máis baixa para esta especie no que levamos de século. Xa me chamou a atención mentres censaba, e quero pensar que se me tivo que escapar algún grupo por algún lado, porque senon a cifra é baixísima (a media dos últimos 15 anos é duns 430 exemplares). Agardemos ós resultados doutros censos para corroboralo.

Tamén cifras moi baixas para as cercetas (onde van aquelas máis de 500 que puiden contar en xaneiro do 2011), e para os asubiadores. Sen embargo, tanto o pato rabilongo coma o pato frisado pode dicirse que se manteñen na media das últimas décadas. E falando de anátidas, non podemos pasar por alto as estrelas deste ano na Ría de Ribadeo, os dous exemplares de pato rabeiro (haveldas) que saen por primeira vez no censo de acuáticas invernantes no noso estuario. Mencionar ademáis a presenza tamén dun eider (Somateria mollissima), que non inclúo no censo porque eu non o localicei. Pero sei que segue na ría, según me confirmou Gilberto S. Jardón, con quen me encontrei en Castropol un día.

Grupo de patos rabudos (Anas accuta)

Asubiadores (Anas penelope)


Deixando xa as anátidas, un dos datos máis positivos do censo é o de mazarico rabinegro (Limosa limosa), que cos 55 exemplares censados constitúe o récord de toda a serie histórica dos censos na ría. Unha especie que parece adaptarse ben ós cambios que sufriu o noso estuario desde fai anos. Igual que os cullereiros (Platalea leucorodia) que cos 20 exemplares deste inverno, segue aumentando a súa presenza ano a ano. No lado negativo volven situarse de novo os pilros comúns, cunha cifra inferior ó centenar, cando a media histórica supera cómodamente os dous centenares.

Cullereiros e mazaricos rabinegros



Cullereiros


E con isto remato o artigo. Aí quedan as cifras que saquei. E como dicía anteriormente, haberá que estar atentos ós datos doutros censos que se relizan na ría (SEO, SGHN, COA...) para ver qué números recolleron.

Bilurico das rochas


Garza real



Saúdos e ata a próxima.

Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

domingo, 8 de enero de 2017

Invasión de ostra rizada na Ría de Ribadeo

As famosas “Ostras del Eo” que cultiva e comercializa unha empresa do veciño Castropol, esténdense coma unha praga por toda a Ría de Ribadeo. Probablemente moitos de vosoutros xa vos tedes fixado na propagación desta especie por toda a costa rochosa da ría. E os que non o tiñades feito, seguro que a partir de agora o faredes, porque a súa presenza é escandalosamente visible. E resulta estraño que ante algo tan evidente, pouco se teña escrito ou falado do tema. Ou polo menos eu nada teño visto. Así que desde o blog quero dar a coñecer esta situación.

Cassostrea gigas nos penedos da Ría de Ribadeo




Comecemos por analizar o molusco en cuestión, a coñecida coma “Ostra del Eo”. O primeiro que quero dicir é que pouco ten do Eo. Máis alá de que sexa o seu nome comercial, nin se cría no Eo (críase na ría, non no río), nin procede de aquí, nin o seu cultivo é exclusivo de aquí. Todo o contrario. Trátase da Cassostrea gigas, unha especie de ostra procedente dos mares de Xapón, China e Corea, e que debido á súa boa adaptación a unha gran variedade de condicións ambientais, así como ó seu rápido crecemento, converteuse desde fai décadas na especie de ostra máis cultivada do mundo. En España coñécese cos nomes de ostra rizada, ostra xaponesa, ostra do pacífico, ostra portuguesa ou ostión. Os seus inicios coma especie comercial fora da súa zona de orixe remóntanse a principios do século XX, na costa pacífica dos EE.UU. Posteriormente a súa produción estendeuse polos mares de todo o planeta, desde o Reino Unido ata Australia, pasando por practicamente tódolos países de Europa, así como África ou Sudamérica. Polo tanto, trátase dunha especie que coñece como poucas o significado da palabra globalización.





E como non podía ser doutro xeito, unha especie que se adapta e resiste tan ben diferentes condicións e ambientes mariños, é unha candidata perfecta para escapar ó control humano e comezar a súa propia expansión coma especie, invadindo lugares que non lle son propios e competindo polo hábitat coas especies autóctonas de cada zona. É o que ocorreu en moitos dos lugares onde a ostra rizada se cultiva, e que está levando nalgúns lugares a tomar medidas para tentar controlar a súa expansión. En España sen embargo, non está incluída no catálogo de especies invasoras, o que non quere dicir que non o sexa. Como moitos saberedes, a elaboración do Catálogo español de especies exóticas invasoras, aprobado por Real Decreto no ano 2013, estivo desde o primeiro momento sometido a unha forte presión. Hai moitos intereses económicos involucrados e afectados, o que a piques estivo de botar para atrás a aprobación do decreto. A pesar diso, finalmente saíu adiante, pero moitas especies exóticas invasoras quedaron fora do catálogo, e polo tanto, libres polo momento de ser afectadas. Pero isto non quere dicir que deixen de ser especies invasoras, xa que de feito o son. Por definición, as especies exóticas invasoras son “especies foráneas (exóticas) que foron introducidas de forma artificial, accidental ou voluntariamente, e que despois de certo tempo conseguen adaptarse ó medio e colonizalo. As especies nativas, ó non ter evolucionado en contacto con estas novas especies, non poden competir con elas, polo que son desprazadas”. O Real Decreto aprobado no noso país establece para as especies incluídas no Catálogo, a prohibición “de posesión, transporte, tráfico e comercio de exemplares vivos ou mortos”. E aquí radica o quid da cuestión, xa que estas tan estritas coma necesarias medidas, van en contra dos enormes intereses creados en torno a varias especies invasoras. Achegándonos ó caso do que falamos, é doado imaxinar o que sucedería si a ostra rizada fora incluída no citado catálogo. Automaticamente a súa produción e venda sería completamente ilegal.

Cassostrea gigas nun penedo xunto con outras especies autóctonas: lámparas (Patella vulgata), mexilóns (Mytilus edulis), chícaros (Littorina littorea) e arneiróns (Chthamalus montagui).



A ostra propia da ría é a ostra común (Ostrea edulis), da que xa había unha poboación moi escasa na ría. Non dispoño de datos da súa evolución poboacional na Ría de Ribadeo, nin do impacto que sobre ela está a ter a súa curmá invasora. Pero atreveríame a dicir que a expansión da invasora debe prexudicar sen dúbida á autóctona, coa que compite en espazo e alimento. E seguramente non será a única especie á que prexudique. Segundo os datos de varios estudos científicos “o impacto biolóxico máis evidente da ostra do Pacífico é o cambio da arquitectura do substrato onde se establecen as súas poboacións e a modificación da estrutura e dinámica das comunidades que invade, o que xenera respostas diferentes segundo o grupo taxonómico considerado. No ambiente onde se establecen alteran o substrato, a dispoñibilidade de nutrientes na columna de agua, modifican a dinámica sedimentaria costeira e aceleran o reciclado de nutrientes”. Para máis información sobre este tema, podedes ler este interesante estudo realizado en Uruguai:
http://www.smdu.org.uy/93/dosSantos_Fiori_245-252_CSMU93.pdf

Así pois, non cabe dúbida de que a expansión desta especie invasora pola nosa ría está a alterar a dinámica natural propia do ecosistema local, como o altera a introducción de calquera especie invasora. A clave está en saber si esta alteración pode ser asumida polo ecosistema sin que produza nel unha alteración demasiado grave, ou si pola contra, terá efectos nefastos para algunha especie autóctona, o que sería máis grave.


Non pretende ser este un estudo sobre tal impacto, senón simplemente un artigo co que quero dar a coñecer esta situación a quen non a coñeza. E como máis vale unha imaxe ca mil palabras, aquí vos deixo unhas cantas fotos sacadas na praia do Cargadeiro, onde se pode apreciar ata que punto chega a colonización desta especie foránea sobre os penedos da ría. Dicir ademais que as fotos son do Cargadeiro, pero en calquera outro lugar se poden ver por todas partes.













Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com