Páginas del blog Ría de Ribadeo

jueves, 7 de noviembre de 2019

19 gansos biquicurtos na ría

O pasado fin de semana, aproveitando a ponte festiva, estiven de novo por Ribadeo. E claro, non podía pasar sen a rutinaria visita ornitolóxica pola ría. O máis destacado era a presenza dun sorprendente bando de 19 gansos biquicurtos (Anser brachyrhynchus), toda unha rareza no noso estuario.



O certo é que andaban por alí tan tranquilos, movéndose dun lado a outro pola enseada da Lieira, coma se dun grupo de anátidas dos que invernan na ría se tratara. Non desentoaban para nada... En fin, unha agradable visita a destes gansos pola Ría de Ribadeo.

Polo demáis, nótase que imos entrando xa na tempada de invernantes no estuario, e a pesares de que ainda faltan aves por chegar, a cousa está xa moi animada. Hai moitas mais, en variedade e cantidade, que na miña anterior visita tres semanas atrás (ver). Por facer un reconto de especies, na enseada da Lieira, ademáis dos biquicurtos, había lavancos, asubiadores, frisados, mazaricos reais, mazaricos chiadores, garzas, garzotas, cullereiros, biluricos pativerdes, pilros comúns, corvos mariños, gaivotas patiamarelas, escuras e choronas.











Dalí fun á Punta de Castropol, a ver si había sorte e podía ver algunha mobella. Pero non houbo sorte. Probablemente nestes días, co temporal de norte que está a chegar, poida entrar algunha. Pero eu terei que agardar á miña próxima visita para poder velas. O que sí vin foi un par de mariñeiros coidando das súas chalanas, este picapeixe e esta garzota.




Achegueime logo ó Muro de Lamas, onde engadín á lista de especies este grupo de biluricos patirrubios, que andaban xunto a outras limícolas como pilros e mazaricos.





Polo medio da ría un abondante grupo de anátidas, de catro das principais especies de invernantes que temos no estuario: lavancos, asubiadores, rabilongos e frisados.


Patos asubiadores

E cómo non, tamén as tres aguias pescadoras, cada unha no seu pousadoiro preferido. Esta é Virgilia.




Pois así estaba a cousa pola ría. Como vedes, con moito ambientiño. E seguro que a próxima vez que volva por alí, estará aínda mellor. Déixovos para rematar o listado completo de especies observadas:




Castellano / Nombre científico / Galego
Ánsar piquicorto / Anser brachyrhynchus / Ganso biquicurto
Ánade silbón / Anas penelope / Asubiador - pato asubión
Ánade friso / Anas strepera / Pato frisado
Ánade real / Anas platyrhynchos / Lavanco
Ánade rabudo / Anas acuta / Pato rabilongo
Cormorán / Phalacrocorax carbo / Corvo mariño
Garcilla bueyera / Bubulcus ibis / Garza boieira - garza mediana
Garceta / Egretta garzetta / Garzota
Garza real / Ardea cinerea / Garza real
Espátula / Platalea leucorodia / Cullereiro
Aguilucho lagunero / Circus aeruginosus / Tartaraña das xunqueiras
Águila pescadora / Pandion haliaetus / Aguia pescadora
Correlimos gordo / Calidris canutus / Pilro gordo
Correlimos común / Calidris alpina / Pilro común - pilro curlibico
Zarapito trinador / Numenius phaeopus / Mazarico chiador
Zarapito real / Numenius arquata / Mazarico real
Archibebe común / Tringa totanus / Bilurico patirrubio - bilurico común
Archibebe claro / Tringa nebularia / Bilurico pativerde - bilurico claro
Andarríos chico / Actitis hypoleucos / Bilurico das rochas - bilurico bailón
Gaviota reidora / Chroicocephalus ridibundus / Gaivota chorona
Gaviota sombría / Larus fuscus / Gaivota escura
Gaviota patiamarilla / Larus michahellis / Gaivota patiamarela
Martín pescador / Alcedo atthis / Picapeixe - martiño peixeiro

Saúdos, e ata a próxima.

Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

domingo, 20 de octubre de 2019

Vídeo de Virgilia, a segunda das pescadoras invernantes

Fai uns días colguei aquí mesmo unha serie de fotos das tres aguias pescadoras invernantes que temos actualmente na ría. E hoxe déixovos unhas imaxes en vídeo grabadas a unha delas, Virgilia. Este exemplar foi o segundo en chegar á nosa ría, no ano 2013, e desde entón regresa cada ano ó noso estuario a pasalo inverno. Foi anelada na súa pata esquerda con anela de PVC de cor amarela, co código LV. Ainda que recentemente perdeuna, e só conserva a anela metálica da pata dereita. Aquí vos deixo as imaxes.




Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com