Páginas del blog Ría de Ribadeo

martes, 17 de mayo de 2011

"Paxariños" no Día das Letras Galegas

Neste 17 de maio, Día das Letras Galegas 2011, quería adicar unha entrada á miña lingua nai, lingua na que me eduquei e criei, e que tanto significa na miña vida. E para iso non encontrei mellor forma que traer aquí un poema de Rosalía de Castro, a nosa grande poetisa de tódolos tempos. Trátase quizáis do seu poema máis coñecido e máis lido, pero non por repetido deixa de emocionar cada vez que se le ou se escoita. 

Rosalía de Castro
No poema están presentes os "paxariños", un dos motivos polos que escollín este poema para poñelo neste blog adicado ás aves, pero tamén a paisaxe, a emigración, a morriña... en fin, toda unha síntese da idiosincrasia galega.  Trátase, cómo non, de "Adiós ríos, adiós fontes".

Aquí podedes escoitar a magnífica versión de Amancio Prada:

 

E esta é a letra completa do poema publicado por Rosalía de Castro en Cantares Gallegos:


Adios, ríos; adios, fontes;
adios, regatos pequenos;         
adios, vista dos meus ollos:     
non sei cando nos veremos.    
           
   Miña terra, miña terra,         
terra donde me eu criei,          
hortiña que quero tanto,          
figueiriñas que prantei, 
           
   prados, ríos, arboredas,       
pinares que move o vento,      
paxariños piadores,     
casiña do meu contento,          
           
   muíño dos castañares,          
noites craras de luar,   
campaniñas trimbadoras          
da igrexiña do lugar,    
           
   amoriñas das silveiras           
que eu lle daba ó meu amor,   
camiñiños antre o millo,           
¡adios, para sempre adios!      
           
   ¡Adios groria! ¡Adios contento!       
¡Deixo a casa onde nacín,       
deixo a aldea que conozo        
por un mundo que non vin!      
           
   Deixo amigos por estraños,  
deixo a veiga polo mar,           
deixo, en fin, canto ben quero...          
¡Quen pudera non deixar!...    
           
   Mais son probe e, ¡mal pecado!,     
a miña terra n'é miña,  
que hastra lle dan de prestado 
a beira por que camiña
ó que naceu desdichado.         
           
   Téñovos, pois, que deixar,   
hortiña que tanto amei,
fogueiriña do meu lar,  
arboriños que prantei, 
fontiña do cabañar.     
           
   Adios, adios, que me vou,    
herbiñas do camposanto,        
donde meu pai se enterrou,     
herbiñas que biquei tanto,        
terriña que nos criou.   
           
   Adios Virxe da Asunción,    
branca como un serafín;          
lévovos no corazón:    
Pedídelle a Dios por min,        
miña Virxe da Asunción.         
           
   Xa se oien lonxe, moi lonxe, 
as campanas do Pomar;          
para min, ¡ai!, coitadiño,         
nunca máis han de tocar.         
           
   Xa se oien lonxe, máis lonxe
Cada balada é un dolor;          
voume soio, sin arrimo...         
Miña terra, ¡adios!, ¡adios!     
           
   ¡Adios tamén, queridiña!...   
¡Adios por sempre quizais!...  
Dígoche este adios chorando  
desde a beiriña do mar.           
Non me olvides, queridiña,      
si morro de soidás...    
tantas légoas mar adentro...     
¡Miña casiña!,¡meu lar!



Imágenes y texto propiedad de:
Enrique Sampedro Miranda
Ría de Ribadeo: http://ria-de-ribadeo.blogspot.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario