Onte pola tarde fun dar un paseo pola costa desta nosa comarca asturgalaica, comezando na praia de Penarronda (Asturias) e rematando ó chegar a Rinlo (Galicia). Botei aproximadamente unhas tres horas, en coche, parando moito tempo nos sitios nos que atopaba algo co que entreterme a sacar algunha foto e disfrutar das paisaxes, da fauna e da natureza. E son moitos os puntos nos que un se pode deter a observar calquera cousa, si se pon un pouco de atención e se abren ben os ollos.
Illas Pantorgas |
Nas illas Pantorgas, situadas ó Este de Penarronda, existe unha das escasas colonias de cría de corvo mariño cristado (phalacrocorax aristotelis) do Cantábrico. Tamén crían nelas as gaivotas.
Colonia de gaivotas nas Pantorgas |
Desde os cantís pódense observar con facilidade aves mariñas, coma os propios corvos mariños, ou os mascatos (morus bassanus), cos que hoxe me deleitei contemplando os seus espectaculares picados para mergullirse e capturar as súas presas. Mentres, nos prados próximos abundaban as garzas boieiras (bubulcus ibis), que se localizan fácilmente por atoparse preto das vacas, xa que se aproveitan dos insectos que éstas levantan, alimentándose deles.
Outras especies que vin preto de Penarronda foron garza real (ardea cinerea), miñato (buteo buteo) ou o abundantísimo estornino negro (sturnus unicolor). O que non vin foi rastro dos mazaricos mouros ou “moritos” (plegadis falcinellus), que fai uns días viu Pablo García González aquí, e que onte mesmo me avisou de que observou outros 6 exemplares en vo pola zona. Desta especie estanse producindo moitas citas noutros lugares de Galicia e do Cantábrico nestas últimas semanas.
Praia de Penarronda |
Pero aínda que as aves son os animais máis fáciles de observar, tamén con algo de sorte se poden ver mamíferos, coma estes corzos que pastaban nun prado. Unha fermosa estampa coas gaivotas e as boieiras nos prados de detrás.
Seguindo pola costa cara ó Oeste, desde Penarronda fun ata a charca de Arnao. Neste pequeno humidal son abundates as galiñolas (gallinula chloropus) e anátidas coma estes patos culler (anas clypeata).
Humidal de Arnao |
Estes prados pegados ó mar, bordeados por matorrais e pequenas arboredas, son lugares óptimos para observar paseriformes coma a papuxa das amoras (sylvia atricapilla), os confiados paporrubios (erithacus rubecula), chascos (saxicola torquatus), rabirrubios (phoenicurus ochruros), xílgaros (carduelis carduelis)... Pero sen dúbida a estrela nesta época é a pica de richard (anthus richardi), que ten en Ribadeo unha das mellores zonas para observala en toda Galicia e no Cantábrico, e que ata fai poucos anos estaba considerada unha rareza a nivel estatal.
"Rasa" cantábrica |
Outro dos mamíferos que habita estes lares é o xabarí, e aínda que nesta ocasión non o vin, sí que é fácil distinguir a súa firma.
Rastro de xabarí |
E para rematar o día, nada mellor que un bonito atardecer á beira do Cantábrico, na costa de Ribadeo.
Imágenes y texto propiedad de:
Enrique Sampedro Miranda
Ría de Ribadeo: http://ria-de-ribadeo.blogspot.com
No hay comentarios:
Publicar un comentario