Páginas del blog Ría de Ribadeo

miércoles, 2 de julio de 2014

Gaivotas patiamarelas criando nos tellados de Ribadeo

Estamos en plena época de cría das gaivotas patiamarelas (Larus michahellis) e en Ribadeo, coma noutras tantas vilas e cidades mariñeiras galegas, estas astutas aves aproveitan calquera espazo para instalar o seu niño e tentar sacar adiante a súa prole. Os tellados das nosas casas son un bo lugar para este propósito, xa que neles os ovos e os polos atópanse máis protexidos da presenza de depredadores que noutros lugares máis accesibles, sobre todo falando de depredadores terrestres. Así, escenas coma esta, captada fai uns días nun tellado do casco urbano de Ribadeo, son moi frecuentes na nosa vila.



A gaivota patiamarela é a máis abundante das gaivotas da nosa costa, e está presente todo o ano. A súa identificación é doada: cuberta dunha capa de cor gris clara, coa cabeza e partes inferiores brancas e “cola” negra con pintas brancas, presenta as patas amarelas (rasgo característico) e bico da mesma cor, cunha pinga vermella case na punta.
Gaivota patiamarela no peirao de Ribadeo
A base do seu éxito radica na enorme adaptabilidade que presenta, tanto a nivel de hábitat coma a nivel alimenticio. En canto ó hábitat, pode criar en lugares tan variados coma cantís mariños, illotes, marismas, praias ou humidais interiores, e ata nos propios asentamentos urbanos, como vemos aquí. E non menos adaptable é a súa dieta, xa que é capaz de alimentarse de case calquera cousa comestible, dende moluscos ou peixes, ata restos vexetais, carroñas, ou aproveitalo lixo dos vertedeiros (unha das súas principais fontes de recursos en moitos lugares, como as grandes cidades).
Gaivota patiamarela comendo un descarte no porto pesqueiro de Ribadeo
A gaivota patiamarela é monógama, emparellándose de por vida e tentando sacar adiante ano tras ano as súas niñadas. O período reprodutor comeza nos meses de marzo-abril, cando a parella se adica á construción ou adecuación do niño, que consiste nunha pequena superficie formada por algas, herbas, ramas ou outros restos vexetais. Ademais, soen aproveitalos de ano en ano. Posteriormente á preparación do niño ven a posta, que polo xeral consta de 2 ou 3 ovos, normalmente de cores oliváceas e moteados. Tras unha incubación de ó redor dun mes, nacen os polos, que permanecerán no entorno do niño ata entorno os 45 días de idade, momento no cal serán capaces de voar e independizaranse.

Esta parella que nos ocupa, leva criando neste niño durante varios anos, e polo que se ve, non deben ser malos pais, xa que como se pode apreciar nas imaxes, os tres polos deste ano por agora estanse a criar en boas condicións.
Aínda que o noso clima non os libra nin no verano de levarse unha boa molladura de vez en cando, coma esta que lles caeu outro día.
Seguirei atento ás evolucións desta familia, e se cadra, ó mellor vos podo traer novas súas máis adiante. En calquera caso, agardo que rematen con éxito a súa cría, e que os tres polos poidan voar en breve.

Saúdos e gracias por seguilo blog.

Imágenes y texto bajo licencia Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario