Páginas del blog Ría de Ribadeo

miércoles, 11 de febrero de 2015

Actividades do Día Mundial dos Humidais 2015 en Ribadeo

A pasada fin de semana celebramos en Ribadeo o Dia Mundial dos Humidais, por cuarto ano consecutivo. Coma ven sendo habitual desde que comezamos a organizar estas xornadas de divulgación medioambiental, os actos dividíronse en dúas partes: unha charla e unha ruta guiada pola Ría de Ribadeo para observar aves.

Este ano a charla correu a cargo de José Mª Fernández Díaz-Formentí, autor do libro A Ría de Ribadeo. Natureza entre dúas augas. Desde aquí quero a gradecerlle o detalle de colaborar voluntariamente nestas xornadas, e desprazarse expresamente desde Oviedo para vir pasar este día con nós. A súa charla tivo lugar na mañá do sábado, na Casa da Xuventude. Alí, un nutrido grupo de asistentes puido disfrutar da exposición de José María, titulada Las aves en la naturaleza cantábrica. A través das súas fantásticas fotografías, foinos explicando as distintas especies de aves que podemos atopar na cordilleira cantábrica, partindo da costa e das rías (moitas das súas fotos están feitas na Ría de Ribadeo) ata chegar ós cumios máis altos dos Picos de Europa.

Todo preparado para comezar
De esquerda a dereita: José Mª Fernández (ponente), Enrique Sampedro, Horacio Cupeiro (concelleiro de Medio Ambiente) e Ana Martínez (concelleira de Turismo)
Comeza a charla
Algunha das súas magníficas fotografías


Xa pola tarde veu a segunda parte das actividades, que foi a tradicional ruta guiada pola ría. Nesta ocasión, ademáis da compaña de José Mª Fernández, contamos por segundo ano coa colaboración tamén desinteresada de Óscar Chao, a quen tamén quero agradecer a súa completa disposición. O autocar foinos levando pola estrada que rodea o estuario, facendo parada en tres puntos especialmente interesantes para a observación de aves: a praia de Salías, a Punta de Castropol e o observatorio de Reme. No primeiro lugar puidemos ver gran variedade de limícolas, coma mazaricos, pilros, zaconelas (Vanellus vanellus), biluricos... Tampouco faltaron os cullereiros, garzas reais e garzotas, así como varias especies de patos e gaivotas.

Na praia de Salías
Aves en Salías


Xa na Punta de Castropol, as estrelas foron sen dúbida os mergullóns. Primeiro os de pescozo negro, pero logo nos decatamos que entre eles había un especial, un mergullón real (Podiceps auritus).

Mergullón de pescozo negro (esquerda) e mergullón real (dereita)
Na Punta de Castropol


E non podía faltar a parada no observatorio de Reme, desde onde observamos a pracer diferentes especies de patos que temos na ría: rabilongos, asubións, lavancos, cercetas e frisados. E cómo non, tamén alí estaban para dárnola despedida as nosas queridas aguias pescadoras, cada unha na súa estaca preferida.

No observatorio de Reme
Unha das "nosas" pescadoras


Para mín é un pracer poder colaborar na organización destas xornadas, das que podemos dicir que xa están consolidadas coma un día especial para os amantes da natureza e das aves en Ribadeo. Así o acredita a presenza ano tras ano de numerosos participantes, moitos deles repetidores, e dos que podemos dicir que son xa novos aficionados á ornitoloxía. Desexamos que esta semilliña que estamos prantando, teña os seus froitos no futuro, arraigando na poboación de Ribadeo e arredores (moitos participantes veñen doutras partes da Mariña e da veciña Asturias) e creando unha conciencia en defensa das aves e da Ría de Ribadeo, que é o que pretendemos.

Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

2 comentarios:

  1. Hola Enrique.

    Enhorabuena por esas jornadas divulgativas, veo que hubo muy buena asistencia.

    Un saludo.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Gracias Rafa. Pues sí, da gusto ver cómo la población local participa y se involucra en estas jornadas.
      Un saludo

      Eliminar