Páginas del blog Ría de Ribadeo

miércoles, 13 de mayo de 2015

Mazcatos, os torpedos do mar

O mazcato (ou "mascato" noutras zonas de Galicia, "alcatraz" en castelán) é unha fermosa ave que podemos observar durante case todo o ano desde a costa de Ribadeo. Aínda que en determinadas épocas, coincidindo cos pasos migratorios pre e posnupcial, os exemplares que pasan diariamente por aquí poden contarse por miles. Esta foto foi tomada fai poucas datas coincidindo precisamente co paso prenupcial. Este día, cunhas condicións favorables para que as aves pasasen moi preto da costa (vento forte do nordés) en escasos minutos puiden ver centos de exemplares pasándome por diante. Esta foto que vos mostro a continuación foi tomada en Rinlo, aínda que podería tela feito en calquera punto de Piñeira, Vilaselán, a Isla Pancha ou a Punta da Cruz, por exemplo.



Este exemplar é un individuo case adulto, como se pode ver pola súa plumaxe. Esta é de cor branca, coas puntas das ás negras, e unha tonalidade amarela sobre a cabeza. Aínda non é adulto completamente, xa que se lle aprezan cores escuras sobre a cola. En idades xuvenís as cores van desde unha tonalidade agrisada dos máis novos, pasando por unha especie de combinación branca agrisada nos seguintes anos, ata chegar á plumaxe madura, que sería coma a do seguinte deseño.

Debuxo: www.seo.org


É unha especie propia do océano atlántico, onde se reproduce en colonias ó norte do mesmo. En Europa, estas atópanse en Gran Bretaña, Irlanda, Islandia, Francia e Noruega. A máis famosa de todas elas e a colonia situada nun pequeno illote escocés chamado Bass Rock, onde se concentran por milleiros. E precisamente dese illote é de onde toma o seu nome científico a especie: Morus bassanus. Gran parte da poboación europea inverna fronte ás costas atlánticas africanas, o que fai que teñan que pasar pola península. Fundamentalmente estes pasos son visibles desde a costa cantábrica e atlántica, aínda que tamén se introducen no Mediterráneo, e parece que cada vez en maior número.

Costa de Ribadeo







A poboación de mazcato sufriu un gran declive ata o século XIX, debido fundamentalmente á explotación das colonias de cría por parte do home, xa que os seus ovos e polos eran capturados para consumir (estaban considerados un gran manxar). Moitas destas colonias chegaron a desaparecer por completo, e a especie chegou a estar nunha situación de perigo. Por fortuna, esta práctica foi desaparecendo, e a tendencia poboacional recuperouse, considerándose na actualidade que está fora de perigo e goza de boa saúde.

As súas presas favoritas son peixes de non moito tamaño. E a súa técnica de pesca consiste en localizar os bancos de peixe sobrevoando o mar. Cando os atopa, elévase lixeiramente para posteriormente deixarse caer en picado a gran velocidade, entrando no mar en forma de torpedo para atrapala súa presa. Nesta manobra pode chegar a alcanzar os 100 km/h, e resulta impresionante contemplala. Si nos apostamos nalgún lugar da costa cuns simples prismáticos, resulta moi doado poder contemplala. Pero para non ter que esperar a ese momento, aquí podedes vela neste pequeno vídeo con espectaculares imaxes.




Para aqueles que nunca reparástedes na presenza desta fermosa especie nas nosas costas, espero que este artigo vos anime a facelo. E ó resto, pois que sigades facéndoo.

Saúdos e ata a próxima entrada.

Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

2 comentarios:

  1. Hola Enrique.

    Muy bonitas las fotos y estupenda entrada; tengo pendiente acercarme a verlos en los pasos, he visto juveniles en Baldaio pero jamás obtuve una toma como la primera de las tuyas. ;)

    Un abrazo.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Hola Rafa. Pues ya sabes, cuando puedas acércate a algún cabo para verlos bien y seguro que alguno se te pone a tiro de cámara. Es un espectáculo verlos.
      Un saludo.

      Eliminar