Este verano entrou en funcionamento o Plan de Conservación do Monumento Natural da Praia das Catedrais. A medida tivo un amplo eco nos medios de comunicación, non só galegos, senón a nivel estatal. O foco da nova estivo sobre todo posto na medida “estrela” do plan, a limitación de acceso á praia, establecendo un límite diario de visitas en tempada alta (verano e Semana Santa) de 4.812 persoas. Pero detrás desta cifra, hai un extenso plan de conservación que tratará de levar a cabo nos próximos anos unha serie de medidas para evitar o que todos estábamos temendo, a degradación da Praia das Catedrais. Ou “a morte da galiña dos ovos de ouro”, coma tan descritivamente se ten dito. Levábase tempo reclamando que había que actuar urxentemente, xa que a situación era insostible. Recordemos só unhas cifras, facilitadas polo Concello de Ribadeo. No verano de 2014, visitaron a praia no mes de xullo unhas 150.000 persoas, con picos diarios de ata 14.000 persoas (23 de xullo). En agosto a cifra foi aínda máis escandalosa: 270.000 persoas. Pero é que xa o venres santo dese mesmo ano houbo, nun só día, 20.000 visitantes. Como todos concordaremos, estes datos son completamente inasimilables para un espazo que está catalogado coma Monumento Natural, ademais de ser Zona de Especial Conservación dentro da Rede Natura 2000.
Pois ben, para paliar esta situación a Xunta de Galicia elaborou un Plan de Conservación que tratará de ordenar e regular o uso público deste espazo natural, co obxectivo principal posto na súa protección. Loxicamente, detrás deste plan hai unha compoñente política (a Xunta non deixa de ser un ente político). E como todo na política, hai defensores e detractores, moi relacionados tamén coa cor desde a que se mire. Ademais lembremos que nas Catedrais teñen competencias tres organismos diferentes, coma son o Concello de Ribadeo, a Deputación Provincial de Lugo e a Xunta de Galicia. Pero eu quero dar a miña opinión, que pode ser máis ou menos acertada, procurando fuxir desta compoñente, e guiándome unicamente polo meu criterio, polo que penso, polo que saquei en conclusión da lectura detida do plan, e pola comprobación “in situ” das medidas na propia praia. Como poderedes imaxinar, a miña opinión vai ir mais orientada cara á conservación, que cara ó aproveitamento turístico do recurso. Penso que aquí está a clave, en ver que é o que se quere primar. En función disto, a uns pareceralles que o plan é esaxerado, a outros que é positivo, e a outros quizais que se queda curto. Cuestión de opinións…
Entrando en materia, o plan considera que a principal ameaza para a conservación do Monumento Natural da Praia das Catedrais é sen dúbida a masiva afluencia de visitantes en determinadas épocas do ano. O que conleva isto sabémolo todos: residuos, colapso de vehículos nos accesos e aparcadoiros, pisoteo continuado e destrución da cuberta vexetal, destrución dos cantís (comezaban a verse xa pintadas e amoreamentos de pedriñas), invasión de tódalas zonas da praia e dos cantís sen ningún control, desbordamento dos aseos públicos e verquidos á praia, etc. Así pois, unha das primeiras e polémicas medidas era valorar a limitación de acceso á praia.
Cuberta vexetal completamente degradada no entorno dunha das furnas da parte superior dos cantís |
A miña opinión a este respecto é clarísima, un rotundo si a impor un límite, como existe en numerosos espazos naturais con problemas similares. Por sorte, e non sen polémica, como dicía, os responsables do plan tamén pensaron que era necesario, e introduciron esta medida. Agora, aquí viña a seguinte polémica, ¿como establecer un cupo de visitas, e en que basearse? Pois ben, para isto decidiron basearse nun traballo redactado por Gómez-Limón García, J. e García Ventura, D. (2014) que adapta ás singularidades dos parques nacionais españois unha metodoloxía empregada en América. Segundo este traballo a chamada “capacidade de carga” dun espazo natural pode valorarse basicamente en dúas vertentes, unha capacidade de carga física, e unha capacidade de carga ecolóxica. Das dúas, como se pode deducir, a segunda é máis restritiva ca primeira, e afortunadamente foi a que se decidiu empregar. Dentro disto, tivéronse logo en conta varios criterios de diversa índole para establecer unhas cifras concretas, que si estades interesados podedes ler no Anexo do Decreto 80/2015. Destes criterios, e con varias fórmulas matemáticas, saíron finalmente tres cifras, en función a tres capacidades de carga ecolóxica:
Criterio de ocupación intensivo: 9.625 persoas ó día
Criterio de ocupación medio: 4.812 persoas ó día
Criterio de ocupación baixo: 1.925 persoas ó día
Así que aquí temos a famosa cifra das 4.812 persoas, da que todo o mundo fala, e da que moitos se preguntan que por que non 5.000 ou 4.750. Porque o criterio de ocupación medio foi o elixido. Xa vedes, non é unha cifra caprichosa, senón baseada nunha serie de fórmulas polas que se lles da peso a diversos factores para establecer a cifra final. En fin, cousas das matemáticas.
Pero a parte do anecdótico da cifra, detrás dela agóchase algo que me sorprendeu enormemente, e que non tivo eco nos medios de comunicación, e penso que tamén pasou desapercibida para os ribadenses. Ou polo menos eu non escoitei nin unha soa palabra en ningún lado nin a ninguén sobre isto. Quizais sexa porque o documento completo do Anexo ó Plan de Conservación (non o Decreto polo que se aproba, senón o Anexo) ten 130 páxinas cargadas de datos, táboas, gráficos, planos, etc., que non son doados de ler. E seguramente a maioría da xente coñece o plan só en base ás informacións recollidas nos medios, e non por telo lido. Pois ben, resulta que lendo detidamente o plan (eu lino varias veces) conclúese que as famosas 4.812 persoas de límite establécense como a medida óptima de persoas que visiten nun día todo o espazo do Monumento Natural. Repito, todo o espazo. É dicir, non só o areal e a zona dos famosos arcos. ¿E por que insisto neste punto? Porque o cupo finalmente estase aplicando exclusivamente ó acceso ó areal, quedando a parte superior dos cantís e o resto de zonas accesibles (sendeiros, aparcadoiros, etc.) fora desta cota e completamente libres para o acceso de cantas persoas queiran. E o curioso é que no propio plan, despois de establecer este criterio como aplicable a todo o Monumento Natural, establécese que se aplicará exclusivamente á zona da praia. Ou sexa, calcúlase unha cota tendo en conta os factores que afectan a todo o espazo natural, e logo resulta que se aplica só para unha parte. Conclusión, a medida que establece a capacidade de carga está mal establecida, e debería recalcularse polo tanto tendo en conta exclusivamente a zona da praia, que é a onde se aplica. Atrévome a aventurar que deste modo a cifra de visitantes permitidos sería aínda máis baixa.
Á marxe do límite diario de visitas, que foi o máis noticiado, o Plan contempla moitas máis medidas que son de gran importancia para a conservación das Catedrais. Así, fíxose un primeiro estudio da fauna e flora presentes no espazo, detectando a presenza de 13 especies vexetais invasoras, e propón medidas para a súa eliminación. Tamén se fai moito énfase na degradación da cuberta vexetal da parte superior dos cantís, e tomaranse medidas de restauración e protección para devolvelos ó seu estado orixinal e evitar que sigan degradándose. Prohíbense tamén actividades que poidan alterar o medio ou que sexan molestas, e regúlanse aquelas que se queiran facer dentro do espazo (carreiras, competicións, uso de embarcacións colectivas de recreo, etc.). Prohíbese radicalmente calquera construción dentro dos límites do Monumento Natural - quen nos dera ter este plan fai uns cantos anos, cando se fixo o desafortunado restaurante-. Non obstante, e para esta construcción en concreto, levaranse a cabo medidas para mitigar o seu impacto visual, actuando sobre a súa terraza, o valado que a rodea, eliminación de setos e plantas invasoras coas que adornan o xardín, etc. Establécese un servizo de control, xa en funcionamento, para vixiar o cumprimento da nova normativa, así coma regular o acceso á praia. E así varias medidas máis que na miña opinión son moi positivas.
Outra das propostas, que tamén me sorprendeu gratamente e da que tampouco escoitara nada por ningún lado ata que lin o plan completo, é a creación dunha ruta ornitolóxica coa instalación de observatorios de aves. Enmárcase dentro das medidas propostas para a desestacionalización das visitas.
En resumo, trala análise detallada do Plan de Conservación, atrévome a dicir que é un plan ambicioso, que recolle numerosas medidas e que aborda a problemática surxida neste particular espazo natural durante os últimos anos desde varios puntos de vista. Penso que ten aspectos que se poden mellorar, e que ten tamén varios fallos no seu plantexamento. Organismos coma o Concello de Ribadeo protestaron publicamente por considerar que non se tiveron en conta moitas das súas reclamacións. Pero por outra banda, o Plan ven a dotar por fin dunha regulación a esta marabillosa praia, que temos que ser conscientes delo, deixou de ser fai moito tempo patrimonio dos ribadenses, para converterse nun espazo recoñecido internacionalmente e visitado por milleiros de persoas de todo o mundo.
Para non estenderme demasiado, remato aquí a primeira parte deste artigo, que continuará cunha segunda (ver Parte II). Nela falarei de cómo está sendo o comezo da aplicación práctica destas medidas. E traerei tamén a opinión de cómo está sendo visto este proceso por parte dos propios implicados: visitantes, traballadores do Concello na praia, traballadores da Xunta, socorristas, guías, etc.
Imágenes y texto bajo licencia Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com
Gracias Enrique por esta clarificadora entrada, hacía falta.
ResponderEliminarUn abrazo,
Rafa.
Gracias Rafa. Me alegro de que me digas eso. Era justo lo que pretendía.
EliminarAbrazos
Estupendo análisis, Quique, gracias por compartirlo con nosotros. Sin duda el plan será mejorable, pero como primer paso seguro que marcará un antes y un después.
ResponderEliminarEn mi opinión, en un “mundo perfecto” la limitación de acceso no debería aplicar a los vecinos de Ribadeo (ni, si me apuras, a los de Barreiros), que siempre han sabido disfrutar de la playa sin degradarla. Pero entiendo que es inviable en la práctica distinguir a los visitantes “locales” de los “foráneos”.
Me surgen dos dudas: 1) ¿Cuándo entró/entrará el plan en vigor?; y 2) Entiendo que no se contempla la posibilidad de cobrar una tasa por acceder a la playa, de modo que se puedan obtener recursos para a su vez invertirlos en su conservación. ¿Es correcto?
Un abrazo
Manu
Hola Manu. Pues entró en vigor el 1 de julio. De momento ya se está restringiendo el acceso al cupo diario restringido. Y el resto de medidas se irán implantando progresivamente. Y en cuanto a la tasa, no se cobra, el acceso es gratuito. Aunque sí que hay una tasa municipal para el uso de los baños públicos. En breve publicare la segunda parte del artículo, en la que explicaré todos estos detalles sobre la puesta en práctica de las medidas.
EliminarGracias por el comentario Manu. Un abrazo.