Páginas del blog Ría de Ribadeo

martes, 15 de agosto de 2017

Agosto na Ría de Ribadeo

Aquí van unhas fotos da miña última saída para observar aves pola Ría de Ribadeo. Foi o pasado 7 de agosto, acompañado de Fran Tornero, que se achegou desde San Cibrao a dar unha voltiña comigo pola ría.

O bo de madrugar, aínda estando de vacacións, é que che permite ver o amencer, e este día, con bastantes nubes pola mañá, foi ben fermoso. Así o vimos desde a praia de Salías.




A marea estaba xa bastante baixa cando chegamos, así que a falta de limícolas, o que había eran gaivotas choronas (Chroicocephalus ridibundus), lavancos (Anas platyrhynchos), garzas (Ardea cinerea) reais e garzotas (Egretta garzetta). Perdoade pola última destas fotos, que é malísima, pero serve para ver o que había.









De aí pasamos á Punta de Castropol, coa esperanza de ver algo interesante no tesón ou na enseada da Lieira. Pero non foi así. Apenas unhas gaivotas patiamarelas (Larus michahellis), gaivotóns (Larus marinus) e uns corvos mariños (Phalacrocorax carbo) no tesón da Berlinga.




Así que seguimos cara á Veiga, e alí sí que puidemos ver os limícolas que non estaban en Salías. Uns 15 biluricos pativerdes (Tringa nebularia), varios biluricos bailóns (Actitis hypoleucos) e un mazarico rabinegro (Limosa limosa).





A última parada fixémola no Muro das Lamas. Desde alí pódense ver varios dos pousadoiros colocados para as aguias pescadoras, pero estaban baleiros ou ocupados por outras especies. Así que este día ningunha sinal de pescadoras na ría. Sen embargo onte mesmo, Carlos Sanjurjo mandábame un whatsapp cun vídeo de Panchita recén chegada. Supoño que chegaría polo tanto durante estes últimos días. Como Carlos me dicía, parece que a nosa amiga cada ano chega máis cedo. Os primeiros anos facíao a primeiros de setembro, ultimamente a finais de agosto, e este ano semella que se superou chegando a principios de mes.
E hoxe Carlos avisábame da chegada da outra pescadora anelada que inverna na nosa ría, Virgilia. Asi que xa están as dúas.
O que si que puidemos ver desde aquí foron uns 20 mazaricos (Numenius spp). Diría que mazaricos reais, pero estaban demasiado lonxe como para poder aseguralo.
E isto foi todo nesta xornada de agosto pola Ría de Ribadeo. Saúdos e ata a próxima.

Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

2 comentarios:

  1. SIENTO DECIRTE que ese paraje maravilloso es la RIA DEL EO, ya les gustaría a los de Ribadeo que se llamara como tu lo escribes pero NO es RIA DEL EO, Por cierto la mayoría de las fotos son del termino de Castropol -ASTURIES-

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. http://1.bp.blogspot.com/-YKn_CCCncC0/T7qGBUto2PI/AAAAAAAABlM/McgRvXy08bk/s1600/Dictamen+r%25C3%25ADa+de+Ribadeo.jpg
      Sin más que decir por mi parte... ;)

      Eliminar