| Zona media da ría, con Ribadeo ó fondo |
Pois aquí van os resultados do meu censo de aves acuáticas invernantes 2020 na ría. As cifras son o resultado de varios días de observacións. Nestes días encontreime tamén cos encargados de elaborar os censos para a Xunta de Galicia e o Principado de Asturias, así coma con outros aficionados á ornitoloxía que viñan pola súa conta. Así, en diferentes xornadas coincidín con xente coma Gustavo Martínez Lamas, Jilberto S. Jardón, Pablo Fernández ou Luis Mario Arce. Como digo sempre, a Ría de Ribadeo debe ser o humidal mellor censado, xa que ademais dos censos das dúas administracións autonómicas, normalmente veñen tamén censar membros da SGHN, nalgúns anos a COA, e nos últimos anos súmase tamén o censo deste blog. Así que entre todos, malo será que se quede algo sen censar, digo eu... En fin, imos cos meus números:
| 3 | Gavia immer | Colimbo Grande | Mobella grande |
| 1 | Tachybaptus ruficollis | Zampullín Común | Mergullón pequeno |
| 1 | Podiceps cristatus | Somormujo Lavanco | Mergullón cristado |
| 1 | Podiceps auritus | Zampullín Cuellirrojo | Mergullón real |
| 15 | Podiceps nigricollis | Zampullín Cuellinegro | Mergullón de pescozo negro |
| 40 | Phalacrocorax carbo | Cormorán Grande | Corvo mariño |
| 3 | Phalacrocorax aristotelis | Cormorán Moñudo | Corvo mariño cristado |
| 68 | Bubulcus ibis | Garcilla Bueyera | Garza boieira |
| 32 | Egretta garzetta | Garceta Común | Garzota |
| 30 | Ardea cinerea | Garza Real | Garza real |
| 25 | Platalea leucorodia | Espátula Común | Cullereiro |
| 244 | Anas penelope | Silbón Europeo | Pato asubiador |
| 16 | Anas strepera | Anade Friso | Pato frisado |
| 95 | Anas crecca | Cerceta Común | Cerceta |
| 512 | Anas platyrhynchos | Anade Azulón | Lavanco |
| 27 | Anas acuta | Anade Rabudo | Pato rabilongo |
| 2 | Melanitta nigra | Negrón Común | Pentumeiro |
| 18 | Haematopus ostralegus | Ostrero Común | Lampareiro - gabita |
| 17 | Pluvialis squatarola | Chorlito Gris | Píllara cincenta |
| 75 | Calidris alpina | Correlimos Común | Pilro común |
| 3 | Limosa limosa | Aguja Colinegra | Mazarico rabinegro |
| 13 | Numenius phaeopus | Zarapito Trinador | Mazarico chiador |
| 58 | Numenius arquata | Zarapito Real | Mazarico real |
| 7 | Tringa totanus | Archibebe Común | Bilurico patirrubio |
| 43 | Tringa nebularia | Archibebe Claro | Bilurico pativerde |
| 19 | Actitis hypoleucos | Andarríos Chico | Bilurico das rochas |
| 225 | Chroicocephalus ridibundus | Gaviota Reidora | Gaivota chorona |
| 130 | Larus fuscus | Gaviota Sombría | Gaivota escura |
| 40 | Larus michahellis | Gaviota Patiamarilla | Gaivota patiamarela |
| 2 | Larus marinus | Gavión | Gaivotón |
| 10 | Sterna sandvicensis | Charrán Patinegro | Carrán cristado |
| 2 | Circus aeruginosus | Aguilucho Lagunero | Tartaraña das xunqueiras |
| 3 | Pandion haliaetus | Águila Pescadora | Aguia pescadora |
| Zona externa da ría |
| Pena furada e praia de Arnao ó fondo. Zona externa da ría |
Co censo na man, un dos primeiros indicadores nos que nos fixamos sempre é nas anátidas. E este ano os datos son moi chamativos, xa que o descenso no número de exemplares invernantes é considerable. Por exemplo, no caso do pato asubiador (Anas penelope), falamos de que hai case a metade de exemplares que nos últimos tres anos. Ocorre algo similar coas cercetas (Anas crecca), ainda que é certo que estas teñen maior variabilidade no noso estuario ó longo dos anos. Pero, sen dúbida, o dato máis chamativo de todo o censo e o do pato rabilongo (Anas acuta), do que temos a cifra máis baixa desde que existen rexistros, fai mais de corenta anos. E aínda que o descenso da súa poboación invernante é unha tendencia na Ría de Ribadeo, este ano o dato é extraordinariamente baixo. A presenza de tan só 27 exemplares, fronte á media de máis de douscentos da última década, é realmente chamativo. Ainda que hai que dicir que debeu haber un desprazamento de exemplares a outro lugar, xa que a comezos de decembro había 80 exemplares. De tódolos xeitos estes datos van acordes ós de outros humidáis peninsulares, nos que a invernada de anátidas este ano está sendo moi pobre. Coma sempre, os datos dos censos hai que analizados a medio prazo, coa perspectiva de varios anos, para poder sacar conclusións.
Tamén son baixos os números para as limícolas, sendo especialmente destacable a escasa presenza de mazarico rabinegro (Limosa limosa) acostumados ás cifras dos últimos anos. Do mesmo xeito, o pilro común presenta unha cifra moito máis baixa do habitual. Os mazaricos real e chiador, pola contra, están en cifras similares ó ano pasado, mentres que este ano o que aumentou a súa presenza de xeito destacable foi a píllara cincenta, que fluctúa moito dun ano para outro.
| Lampareiros - Ostreros |
Para finalizar con esta pequena análise dos datos resaltar, cómo non, a presenza das tres aguias pescadoras invernantes, repetindo así a cifra dos últimos catro anos. Unha especie que, por certo, cumpre 10 anos coma invernante no noso estuario. Tamén destacable a presenza este ano de mergullón real (Podiceps auritus) e de mergullón cristado (Podiceps cristatus), especies que chaman a atención na nosa ría.
| Zona interna da ría |
Para unha próxima entrada deixo as fotos que tiven tempo de sacar estes días entre conteo e conteo.
Saúdos e ata a próxima.
Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com
No hay comentarios:
Publicar un comentario