Páginas del blog Ría de Ribadeo

miércoles, 12 de agosto de 2020

Chega a primeira das aguias pescadoras á ría

O pasado 31 de xullo avisábame Carlos Sanjurjo de que xa estaba de volta na ría unha das pescadoras invernantes, presumiblemente Panchita. Así que despois dunha primeira semana de agosto cun tempo estupendo pola Mariña, que aproveitei máis para ir á praia que outra cousa, estes días nos que o tempo empeorou,  saín dar unha volta para observar aves pola ría. E desde o Muro de Lamas non me custou nada localizar a pescadora, pousada no seu lugar preferido.


A medida que se vai facendo maior, Panchita parece ser cada ano máis madrugadora. Lembro os primeiros veranos cando chegaba a Ribadeo no mes de setembro. Logo foi adiantando a chegada a finais de agosto, e cada ano un pouco mais. O ano pasado chegou o día 8 de agosto (observación tamén de Carlos Sanjurjo), sendo a data na que ata o de agora chegara máis cedo. Pero este ano batiu o seu propio record, voltando á ría no mes de xullo por primeira vez.

Mentres estaba no observatorio de Reme, buscando precisamente a Panchita que se levantara do pousadoiro, vin pasar algo que pensei que era ela, pero para a miña sorpresa resultou ser un miñato negro.

 

Estamos en datas de migración posnupcial, nas que moitas aves recalan na ría para facer unha parada de descanso e alimentación antes de proseguir a súa viaxe cara ós seus lugares de invernada. As limícolas son unhas destas aves, así que nesta época hai que estar atento ó que se pode ver. E a praia de Salías na preamar en un bo lugar facelo. Alí coincidín con Jilberto S. Jardón, e ó principio non vimos nin unha soa limícola. Pero despóis de que él marchara, achegueime camiñando á beiramar para botar unha última ollada, e apareceron dúas píllaras reais, un bilurico das rochas e un mazarico chiador.




Tamén no Muro de Lamas había mazaricos chiadores, en torno a 25.


Seguindo co que había en Salías, o habitual. Garzas reais, garzotas e lavancos, que se atopan agora en plumaxe de eclipse. 


















Tamén Salías é un bo lugar para observar gaivotas de perto, e poder comparar diferentes especies e plumaxes, o que aproveito para deixar aquí estas fotos comparativas entre elas. Nesta primeira podemos ver unha gaivota patiamarela, digamos que a gaivota máis coñecida, a que se pode ver con máis facilidade nos nosos peiraos, a que cría nos tellados das nosas casas e edificios, ou se achega ós contenedores de lixo das nosas vilas e cidades en busca de comida fácil.

 

Nestoutra foto podemos ver a gaivota patiamarela xunto cunha gaivota escura, que é similar en tamaño e forma, pero cunha cor máis escura e as patas dunha cor menos viva.

 

Voltando coa gaivota patiamarela, aquí temos un exemplar xuvenil, que estaba tomando un bo almorzo, por certo.


 

Aquí vai agora a comparación da patiamarela con outra das gaivotas máis abondantes na ría, a gaivota chorona. Como podemos ver, a diferenza de tamaño e forma é evidente.

 

A gaivota chorona ten xa a sú plumaxe de inverno (a de verán é con toda cabeza de cor marrón chocolate).

 

Pero os exemplares xuvenís, nacidos esta primavera, teñen aínda esta plumaxe, diferente á dos adultos, como podedes ver.

 

 Por último, a máis grande das gaivotas que podemos ver, o gaivotón. Similar en cores a unha gaivota escura, pero dun tamaño moito maior. Na foto, coas gaivotas choronas.

 

Para rematar, deixo a lista de especies observadas:

Castellano / Nombre científico / Galego
Ánade real / Anas platyrhynchos / Lavanco
Cormorán / Phalacrocorax carbo / Corvo mariño
Garceta / Egretta garzetta / Garzota
Garza real / Ardea cinerea / Garza real
Milano negro / Milvus migrans / Miñato negro
Águila pescadora / Pandion haliaetus / Aguia pescadora
Chorlitejo Grande / Charadrius hiaticula / Píllara real
Zarapito trinador / Numenius phaeopus / Mazarico chiador
Andarríos chico / Actitis hypoleucos / Bilurico das rochas
Gaviota reidora / Chroicocephalus ridibundus / Gaivota chorona
Gaviota sombría / Larus fuscus / Gaivota escura
Gaviota patiamarilla / Larus michahellis / Gaivota patiamarela
Gavión atlántico / Larus marinus / Gaivotón
Martín pescador / Alcedo atthis / Picapeixe





Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons

Enrique Sampedro Miranda

Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

 

Saúdos e ata a próxima.


No hay comentarios:

Publicar un comentario