Páginas del blog Ría de Ribadeo

domingo, 16 de enero de 2022

Censo de aves acuáticas invernantes na ría (inv. 2021-2022)

Os pasados días 6 e 8 de xaneiro estiven facendo o meu particular censo de aves acuáticas invernantes na Ría de Ribadeo. O ano pasado non puiden facelo, debido as restriccións de mobilidade provocadas polo COVID, que impedían o paso a Asturias. Pero este ano por sorte a situación mellorou bastante, e xa non existen esas restriccións, así que me puiden mover libremente, coma sempre.

O que non acompañou demasiado foi o tempo neses días, con ceos toldados, chuvascos ocasionais, e unha mala visibilidade. Por iso tiven que ir en dous días diferentes, aproveitando ventás de certa melloría.


Sen mais, aquí vai o que conseguin ver e contar nestes dous días. Hai especies que, ainda que sei que están a invernar na ría, como non vin ningún destes dous días, pois loxicamente non aparecerán neste censo.

N. científico N. común N. galego CONTEO
Podiceps nigricollis Zampullín Cuellinegro Mergullón de pescozo negro 12*
Phalacrocorax carbo Cormorán Grande Corvo mariño 25
Bubulcus ibis Garcilla Bueyera Garza boieira 1
Egretta garzetta Garceta Común Garzota 22
Ardea cinerea Garza Real Garza real 30
Platalea leucorodia Espátula Común Cullereiro 31
Plegadis falcinellus Morito Mazarico mouro 33
Anser brachyrhynchus Ánsar piquicorto Ganso bicocurto 3
Anser anser Ansar Común Ganso bravo 1
Mareca penelope Silbón Europeo Pato asubiador 434
Mareca strepera Anade Friso Pato frisado 13
Anas crecca Cerceta Común Cerceta 123
Anas platyrhynchos Anade Azulón Lavanco 373
Anas acuta Anade Rabudo Pato rabilongo 163
Aythya ferina Porrón común Pato chupón 1
Aythya marila Porrón Bastardo Pato caribranco 1
Melanitta nigra Negrón Común Pentumeiro 1
Mergus serrator Serreta Mediana Mergo cristado 5
Haematopus ostralegus Ostrero Común Lampareiro - Gabita 6
Calidris alpina Correlimos Común Pilro común 294
Limosa limosa Aguja Colinegra Mazarico rabinegro 9
Numenius phaeopus Zarapito Trinador Mazarico chiador 6
Numenius arquata Zarapito Real Mazarico real 38
Tringa totanus Archibebe Común Bilurico común 5
Tringa nebulariaArchibebe ClaroBilurico pativerde37
Actitis hypoleucos Andarríos Chico Bilurico das rochas 5
Chroicocephalus ridibundus Gaviota Reidora Gaivota chorona x
Larus fuscus Gaviota Sombría Gaivota escura x
Larus michahellis Gaviota Patiamarilla Gaivota patiamarela     x
Larus marinus Gavión Gaivotón x
Thalasseus sandvicensis Charrán Patinegro Carrán cristado 4
Buteo buteo Busardo ranotero Miñato 1
Pandion haliaetus Águila Pescadora Aguia pescadora 2
Pluvialis squatarola
Chorlito gris
Píllara cincenta
        17*
Gavia immer
Colimbo grande
Mobella grande
        1*
Alcedo atthis
Martín pescador
Picapeixe
        2*

 

x - Especie observada pero non censada.

*- cifra modificada, con observacións de datas posteriores.

E tralos números, imos coma sempre con algúns pequenos comentarios de análise.

Comezo por un dos indicadores principais cos que medimos a importancia da nosa ría para a invernada de aves acutáticas, as anátidas. E entre elas, como especie que poderiamos dicir que é a abandeirada da ría, o pato rabilongo. Con 163 exemplares, remonta un pouquiño os números dos últimos dous anos, nos que foran cifras baixísimas (especialmente o 2019 con só 87 exemplares). E queda un número na liña da media dos censos da última década. Ainda que claramente por debaixo da media dos últimos 20 anos, e moito máis por debaixo da espectacular década dos 80.

Na mesma liña está o pato asubiador, con números na media da última década, e superando os dous últimos anos. Pero a cifra tamén queda por debaixo da media se temos en consideración os últimos 20 anos. E, a grandes rasgos, o mesmo ocorre no caso das cercetas.


 

Se miramos os datos das limícolas, vemos como no caso dos pilros, por exemplo, este é un bo ano para eles na ría. Temos que remontarnos ata o 2015 para atopar un número superior ó deste inverno, que está por riba da media dos últimos 20 anos.

Especialmente baixo é o número de mazaricos reais, pero penso que aquí se me escapou algún grupiño, xa que neste mesmo inverno teño contado sobre os 50 exemplares. Ainda que de igual xeito é unha cantidade moi baixa para o que era antes na ría, cunha media de 100 individuos na última década, e de en torno a 150 en décadas anteriores. E algo similar ocorre cos biluricos pativerdes, que mostran unha clara tendencia á baixa.

Outra das especies icónicas da ría nos últimos anos é a aguia pescadora, da que este ano só temos dous exemplares invernando (había 3 dende o ano 2017). A baixa foi unha vella coñecida, Virxilia, a quen este inverno botamos en falta. Todo apunta a que lle pasou algo, xa que as pescadoras son fieis ós seus lugares de invernada. 

E por poñer unha nota positiva, a mesma dos últimos anos, está o caso dos cullereiros. Especie invernante de xeito ininterrompido no noso estuario dende o ano 2005, cada tempada comprobamos como vai aumentando o seu número. Pasou de só un ou dous exemplares nos primeiros anos, ata os máis de 30 deste inverno, o que o converte no rexistro máis alto de toda a serie histórica.

Para rematar, a nota exótica desta invernada póñena algúns exemplares de especies coma os gansos (1 bravo e 3 bicocurtos), ou os mazaricos negros, que coa asombrosa cifra de 33 exemplares, entran por primeiro ano nos rexistros dos censos da ría. Esta última cita adicada a Adrián, seguidor do blog que está sempre moi atento a esta especie.

E reseñar tamén a observación dunha lontra (Lutra lutra / nutria) nadando no medio da ría, observada dende o Muro de Lamas.

Mazaricos negros

Ganso bravo e gansos bicocurtos

 

Saúdos e ata a próxima.

 

Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons

Enrique Sampedro Miranda

Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com


4 comentarios:

  1. Semella que tedes pequenos "brotes verdes" nesas especies importantes. A ver se continúa a recuperación (hai que ter en conta que tivemos un inverno moi suave tamén). O declive do mazarico real si que é surpredente.
    Apertas, Quique.

    ResponderEliminar
  2. Sí, é certo, o inverno foi moi suave este ano. Seguramente iso explique tamén a ausencia de especies habituais como as mobellas, ou maiores números noutras coma os mergullóns de pescozo negro. Xa se sabe, todo isto hai que analizalo con mais perspectiva e periodos mais longos de tempo. Iremos vendo.
    Apertas Xabi.

    ResponderEliminar
  3. Moitas grazas pola dedicatoria Quique :) A verdade que é unha marabilla velos voar espallados entre as garzas boieiras cando anoitece e van cara os seus refuxios nocturnos semellan un xadrez flotante :). Un deses refuxios é un ciprés dos palacetes Penalba, parece que teñen gusto pola arquitectura modernista hehehe
    Apertas.

    ResponderEliminar
  4. Pois non teñen mal gusto, non :) Estiven estes días de novo por Ribadeo, e cómo non, pasei polas Figueiras para percorrer a ría. E vexo que de momento seguen por aquí. Xa non lles quedará moito, pero mentres tanto, a seguir gozando da súa estancia.
    Apertas Adrián.

    ResponderEliminar