Achégase o inverno e comeza a aumentar a densidade de especies e exemplares na ría de Ribadeo. Hoxe deixo por aquí as fotos da miña última saída, hai un par de semanas.
Estaba a marea chea e, nesta situación, as maiores concentracións de aves danse na praia de Salías (Castropol) e no Muro de Lamas (Ribadeo).
O Muro de Lamas estaba sorprendentemente tranquilo esta vez. Apenas un bilurico pativerde, e a presenza de Panchita. Puiden vela tanto desde o observatorio de Reme como desde o propio Muro de Lamas, en distintos pousadoiros, xa que cambiou de lugar nese intervalo de tempo.
Despois fun directamente a Salías. E, efectivamente, alí estaba o batallón: mazaricos reais, chiadores, rubios, garzas, garzotas, cullereiros, pilros, píllaras... E todos moi a tiro de cámara, por certo. Así que aquí van máis fotos.
Aquí vai a relación de especies observadas:
Castellano / Nombre científico / Galego
Ánade real / Anas platyrhynchos / Lavanco
Cormorán / Phalacrocorax carbo / Corvo mariño
Garcilla bueyera / Bubulcus ibis / Garza boieira - garza mediana
Garceta / Egretta garzetta / Garzota
Garza real / Ardea cinerea / Garza real
Espátula / Platalea leucorodia / Cullereiro
Águila pescadora / Pandion haliaetus / Aguia pescadora
Chorlitejo grande / Charadrius hiaticula / Píllara real
Correlimos común / Calidris alpina / Pilro común - pilro curlibico
Zarapito trinador / Numenius phaeopus / Mazarico chiador
Zarapito real / Numenius arquata / Mazarico real
Archibebe claro / Tringa nebularia / Bilurico pativerde - bilurico claro
Aguja colipinta / Limosa lapponica / Mazarico rubio - mazarico rabipinto
Gaviota reidora / Chroicocephalus ridibundus / Gaivota chorona
Gaviota patiamarilla / Larus michahellis / Gaivota patiamarela
Desexando volver para ver cómo vai chegando o resto da poboación de aves invernantes.
Saúdos e ata a próxima.
Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com














