Páginas del blog Ría de Ribadeo

lunes, 19 de julio de 2010

Sobre o posible centro de interpretación da Ría de Ribadeo

Comezo esta entrada co adxectivo “posible”, porque polas novas que puiden atopar en Internet non está aínda moi claro que este sexa o destino definitivo da antiga fábrica de algas da Vilavella. Como se pode ler na anterior entrada, o Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (MARM) iniciou as obras para a rehabilitación ambiental da enseada da Vilavella. Segundo o comunicado de prensa recollido na propia páxina web do MARM, entre as actuacións previstas está a “restauración do primitivo edificio coñecido como a fábrica de algas, de alto valor cultural, que permitirá a súa posterior utilización como centro de interpretación da ría”. Desta e doutras informacións que puiden recoller nos últimos días, o que parece é que a actuación na antiga fábrica de algas consistirá nunha rehabilitación que permita o seu futuro uso como espazo público, non estando este aínda claramente definido. É dicir, que despois desta primeira actuación, sería necesaria unha segunda centrada exclusivamente nesta edificación para adaptala ó uso que no seu momento se decida. Nalgunhas novas anteriores falábase tamén da posibilidade do seu uso como museo antropolóxico, aínda que o certo é que en moitas outras (incluída a última nota de prensa do MARM) fálase do posible centro de interpretación. Para procurar ter unha información oficial por parte do concello, escribín ó concelleiro de medio ambiente Horacio Cupeiro, do que espero obter pronto unha resposta que poder colgar neste blog.
Antiga fábrica de algas - Foto: Teté Soto (atalaiaasocvecinos.blogcindario.com)

Dende aquí quero mostrar o meu total apoio a que o uso final das citadas instalacións sexa o dun centro de interpretación da ría. Esta instalación sería unha peza clave para o turismo ornitolóxico e de natureza da comarca, equiparando Ribadeo e a ría a outros importantes enclaves ornitolóxicos como poden ser as lagoas de Villafáfila en Zamora, a de Fuentes de la Nava en Palencia, Gallocanta en Zaragoza, etc. Todos estes lugares, ademais de contar con humidais de gran valor para as aves, dispoñen de centros de interpretación que actúan como receptores e atraíntes de visitantes. Con centros deste tipo conséguese que o enclave sexa valorado e visitado non só por aficionados á ornitoloxía, senón tamén por todo tipo de persoas que unha vez informadas no centro de interpretación, mostran moito máis interese por visitalo e por respetar o entorno. E precisamente esta sería a outra gran función dun centro de interpretación da ría, que ademais da función turística, tería unha función educativa. Isto suporía a medio e longo prazo un beneficio para a ría, xa que se a poboación que convive en torno a ela coñece os seus valores e aprende a respetalos, o ecosistema sería o principal beneficiado. Todo isto sería fácil de conseguir si, unha vez funcionando o centro, se organizan visitas por parte dos colexios da zona, asociacións, etc. Pero isto é xa mirar moi lonxe... Polo momento, esperemos só que a idea dun posible centro de interpretación da ría de Ribadeo na Vilavella se concrete e poida ser algún día realidade.

Obras de demolición de antigas construccións - Foto: Antonio López (El Progreso)




8 comentarios:

  1. Hola de novo, Enrique. Cando falas do centro como motor do turismo verde, non sei eu se son comparables esas localidades que citas (Villafáfila, Gallocanta,..) e Ribadeo. Aparte da enorme diferenza de riqueza entre elas e Ribadeo hai outro aspecto importante:
    Neses lugares, onde hai centros de interpretación e presenza regular de visitantes, as aves están presentes en gran cantidade ao longo de todo o ano. Eu só coñezo Villafáfila (moi ben) e La Nava. E a Primavera é probablemente o período máis espectacular, para mín. Ou mesmo nos veráns de anos húmidos, tamén hai unha diversidade de bichos impresionante. Por iso hai milleiros de visitantes en Semana Santa, nas vacacións de verán, no outono (polos Grous) e no inverno.
    Pola contra as nosas rías quedan baleiras durante a Primavera e Verán, como ben sabes. Desde logo o período no que Ribadeo ten un maior atractivo coincide coa estación fría (e chuviosa). A posible cría dunha Porzana sp ou dunha parella de C.aeruginosus son valores que o gran público non percibe en absoluto.
    A xente de fóra escolle para estas visitas a semana santa e as pontes festivas. No inverno, cos días tan curtos e chuviosos, moito me temo que os únicos visitantes ao centro habíamos de ser xente coma nós, os catro pelegatos que censamos a ría.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  2. Hola Xabi. Estes lugares mencionábaos como exemplo de humidais ben conservados nos que os centros de interpretación xogan un papel moi importante. Non pretendía comparalos coa Ría de Ribadeo en canto a importancia. No aspecto que ti comentas, en canto á presenza de aves todo o ano, tés toda a razón. Pero este feito na miña opinión tampouco condiciona a presenza de visitantes. Outro dos exemplos que citaba era Gallocanta, onde a afluencia de visitantes concéntrase case exclusivamente en dúas datas claves do ano: a chegada dos grous (grus grus) á península, facendo alí parada milleiros de exemplares, e a saida a finais do inverno para os seus lugares de cría. Grazas a estas dúas concentracións puntuais de grus, desenvolveronse unha serie de pequenas infraestructuras turísticas nas poboacións lindantes á lagoa (casas rurais, albergues, dous centros de interpretación, observatorios...) que están a supor un importante pulo á economía local, de base tradicionalmente agrícola e en claro declive.
    Está claro que o caso de Ribadeo é distinto, pero creo que tería tamén un impacto positivo.

    ResponderEliminar
  3. Como dís estas actuacións xeneran alternativas económicas no entorno desas localidades, ligadas básicamente á hostalería e servizos. No caso concreto de Villafáfila mesmo conseguíu invertir a tendencia poboacional, e convertir unha comarca en declive nunha comarca en crecimento.
    Pero para que isto sexa así hai que ter en conta que son milleiros os visitantes que anualmente visitan a reserva (e excursións, institutos, etc). O mellor é que supera os beneficios que deixaba a caza (algo a ter moi en conta!!) que debía ser moito máis estacional. Pero tampouco debemos subestimar os ingresos que os cazadores deixan nestas reservas.
    No caso de Ribadeo, creo que quizá fose mellor enfocar o tema como parte da reserva da biosfera Oscos-Eo. Como un todo diverso. Non tanto na riqueza ornítica da ría, que é bastante modesta. Importante a nivel galego, por suposto, pero lonxe dos grandes humidais ibéricos nos que as acuáticas son un valor seguro e permanente.
    Un pracer compartir ideas sobre a ría, Enrique.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  4. Ola a todos, non pretendo entrar en debate sobre a importancia da Ría a nivel estatal ou local, pero o que si me gustaría aportar é a miña opinión sobre o tema. O caso é que se de algo podemos presumir nas nosas terras é de riqueza e espectacularidade natural, polo que creo que todas as iniciativas que fomenten este aspecto deberían ser ben acollidas. Solo espero que a iniciativa non sexa demasiado pretenciosa nin política, pois o risco que pode surxir é que unha idea que pretende dar pulo á potencialidade da Ría de Ribadeo, poida convertirse nuha iniciativa de carácter dañino e desmotivador.
    Un saúdo a todos os que gozan con espacios naturais coma este. E que todo vaia a mellor.

    ResponderEliminar
  5. Xabi, totalmente dacordo contigo no de enfocarse máis no tema da reserva da biosfera. E o pracer é meu de que un experto coma ti deixe os seus comentarios no meu blog.

    Moitas gracias Carmen tamén polo teu comentario. Os teus desexos de que esta iniciativa sexa para ben compartímolos todos.

    Saudos.

    ResponderEliminar
  6. Boas, Carmen: muller, tanto como presumir...Certo que en Galiza temos lugares de certo interese local e rexional, nos que unha persoa afeizoada á Natureza pode atopar motivos de desfrute do máis diverso: botánico, entomolóxico, mastozolóxico, etc. Pero o nivel de humanización e degradación do espazo é tal que carecemos de bosques de verdade, de lagos de verdade e de montañas de verdade. Temos espallados por todo o territorio pequenos sucedáneos, modestos exemplos do que en tempos deberon ser os nosos bosques, pero todo altamente degradado.
    Unha vez discutín sobre isto nun foro galego. Creo que por estas terras somos tremendamente esaxerados sobre o que temos. As poucas veces que saio por aí fóra e vexo os Arribes do Douro, a Cantábrica, Pirineos, o Delta do Ebre, Villafáfila e outros sitios así, teño claro do que podemos presumir...e do que non.
    Hai pouco falábame meu irmán da visita a Galiza dun prestixioso fotógrafo de talla mundial. Cando lle preguntaron sobre as nosas paisaxes o fotógrafo respostou que estaban ben....pero que "non aguantaban un primeiro plano".
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  7. Boas, somos alumnas dun instituto de aqui de Ribadeo, e estamos facendo un traballo para o que necesitamos os censos das aves da ría de Ribadeo, sabedes donde podemos atopalos?
    Moitas Gracias.

    ResponderEliminar
  8. Hola. Podedes acceder a unha recopilación de censos entre 1991 e 2007 no libro "A Ría de Ribadeo. Natureza entre dúas augas", de José María Fernández-Díaz Formentí, editado no 2008 polo CEDER Oscos-Eo e a Asociación Puente de los Santos. Foi unha publicación oficial que non se encontra á venda, pero o Concello de Ribadeo distribuiu exemplares entre os centros educativos, polo que no voso instituto seguro que haberá varios exemplares. Senon, tamén podedes pedilo no Concello. Tamén eu vos podo facilitar máis datos que non están aínda publicados. Si estades interesadas podedes escribirme un correo a quique_ribadeo@eresmas.com
    Saudos.

    ResponderEliminar