Recentemente volveron sair novas na prensa a raiz dunha visita das autoridades provinciais ás obras que se están levando a cabo no entorno da enseada da Vilavella. Entre outras actuacións, estase a facer unha primeira intervención sobre a antiga fábrica de algas, que estaba en estado de abandono, para rehabilitar a edificación e algunhas das súas antigas instalacións. Pero como xa se comentou neste blog, ainda non está definido o fin que se lle dará no futuro a este espazo gañado para uso público.
Estado actual das obras na Fábrica de Algas - Ribadeo |
Desde este foro defendemos que sería unha boa oportunidade para dotar a Ribadeo dun centro de interpretación da ría como este espazo e noso concello se merecen. Ainda que xa existe a "Casa da Ría", no monte de Santa Cruz, trátase dun centro moi modesto e cunhas instalación obsoletas, que non teñen nada que ver cos modernos centros de interpretación de hoxe en día. Este tipo de centros actúan como puntos de recepción de visitantes e poñen en valor os espazos naturais nos que están ubicados. Ademáis de dinamizar as localidades nas que se ubican, supoñen un pulo para o turismo ornitolóxico e de natureza, cunha conciencia ambiental que acaba revertendo no propio espazo natural, xa que canto máis se conserve e protexa, máis atractivo será para este tipo de visitantes. O veciño concello de Castropol conta xa cun centro destas características, e Ribadeo non debería deixar pasar a oportunidade de ter tamén un, aproveitando a inmellorable situación na que está a antiga fábrica de algas para poder ser utilizado con este propósito.
Enseada da Vilavella |
A este respecto, fai unhas semanas tiven a oportunidade de ter unha conversa co concellal de medio ambiente do Concello de Ribadeo, Horacio Cupeiro, a quen transmitín as miñas ideas. Polo que me comentou, sigue sin estar definido o uso definitivo que se lle dará, e baráxanse varias opcións. Todo parece indicar que as próximas eleccións á cámara municipal poden marcar o futuro do centro. Algunhas forzas políticas xa fixeron tamén unha declaración de intencións sobre posibles usos, pero son só ideas, sen ter nada definitivo. Por iso desde aquí gustaríanos facer unha proposta a tódolos grupos municipais a que teñan en conta esta proposta, que estou seguro tería unha gran aceptación por parte de toda a cidadanía, e quen sairía gañando sería a vila e a Ría de Ribadeo.
Outra das actuacións que se está a levar a cabo é a realización dunha senda que unirá a praia dos Broques coa enseada das Aceñas.
Plano das actuacións na Vilavella |
Este tipo de sendas poden ser moi interesantes para observar de perto a natureza, pero tamén poden acabar sendo perxudiciais se non se fan coas debidas precaucións. Neste senso, as especies de aves que habitan na ría poderían verse molestadas pola actividade humana si a senda non leva unhas adecuadas medidas de aillamento acústico e visual, ou si invade en exceso os lugares que as aves frecuentan. Sobre este aspecto puiden falar tamén co técnico de sostibilidade do concello, Iván Rodríguez, quen se mostra sempre moi receptivo con todo o que a conservación da ría e da súa riqueza ornitolóxica se refire. Por desgraza, según me comentou, as obras son totalmente dirixidas e coordinadas desde o Ministerio, e o Concello non ten a máis mínima posibilidade de participación nas actuacións que se están a facer. Así que, unha vez máis, a natureza queda a expensas do que unhas obras poidan impactar sobre ela. Agardemos a ver o resultado final para dar unha opinión ó respecto.
Pego aquí os enlaces das últimas novas saidas na prensa:
Imágenes y texto propiedad de:
Enrique Sampedro Miranda
Ría de Ribadeo: http://ria-de-ribadeo.blogspot.com
No hay comentarios:
Publicar un comentario