Estos días volve a ser noticia a antiga fábrica de algas da Vilavella, que como xa se ten comentado neste blog en varias ocasións, está sendo restaurada xunto coas obras de construcción dunha senda pola beira da Ría de Ribadeo. A actualidade nesta ocasión ven dada por ser os dous partidos da oposición no concello de Ribadeo os que acaban da facer públicas as súas propostas para o futuro uso destas instalacións, ante o próximo remate das obras e a entrega das mesmas ó concello.
Estado das obras ó comezo do verán |
O primeiro en facer pública a súa proposta nos medios foi o Partido Popular de Ribadeo, quen opta por facer destas instalacións a sede permanente do futuro organismo xestor da Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón. Xunto con este uso, engade ademáis o de que se convirta nun centro de interpretación da ría. E unhas horas despois era o PSdG-PSOE local o que expoñía a súa idea, inclinándose neste caso en que se aproveite esta edificación para instalar un museo centrado en temas marítimos e navais.
A través deste blog expuxen xa en varias ocasións a oportunidade que con estas instalacións se lle presentaba a Ribadeo para poder dispor dun centro de interpretación da natureza como a ría e a vila de Ribadeo se merecen. E unha vez máis, gustaríame romper unha lanza aquí a prol desta utilización. Ainda que a priori a proposta do PP é a que máis se asemella á que aquí se ven defendendo, polo cal a apoio públicamente, calquera das dúas propostas serían perfectamente compatibles con este uso. E do mesmo xeito que digo que estas propostas dos dous partidos da oposición son positivas, tamén recordo que fai meses tiven a oportunidade de expoñerlle persoalmente as miñas ideas ó concellal de medio ambiente do concello de Ribadeo, quen se mostrou receptivo e interesado nesta idea. Así pois, quero deixar clara a miña independencia política en todo momento, e si estou a falar aquí de partidos políticos, é porque o asunto así o require, e porque como digo está de actualidade política.
Dito isto, paso a repetir algúns dos argumentos que utilicei noutras ocasións cando escribín sobre a idoneidade de establecer na antiga fábrica de algas un centro de interpretación da ría de Ribadeo.
En primeiro lugar, a ría de Ribadeo carece dun centro de interpretación como se merece un humidal da súa importancia. E digo isto, porque os dous centros que existen na actualidade non teñen os recursos que este espazo natural require. Así, a "Casa da Ría" do monte de Santa Cruz, é un centro moi modesto e cunhas instalacións obsoletas, que non teñen nada que ver cos modernos centros de interpretación de hoxe en día. Pola súa banda, o denominado "Centro de Interpretación" da ría que hai en Castropol, non é realmente tal, como calquera que o visite pode ver e como alí mesmo aclaran ós que se esperan atopar outra cousa. Trátase máis ben dun punto de información turística con algunhas indicacións sobre a ría, pero moi lonxe de ser un centro de interpretación dun espazo natural coma este. Lembremos algunhas das figuras de protección coas que está distinguida a ría, como son: LIC-ZEPA da Ría de Ribadeo, segundo a directiva Habitat da Unión Europea; Humidal de Importancia Internacional segundo o convenio Ramsar; Zona de Especial Protección dos Valores Naturais e Humidal Protexido segundo a rede galega de espacios naturais; ou Reserva Natural Parcial segundo o Plan de Ordenación de los Recursos Naturales de Asturias.
Ubicación das instalacións, na enseada da Vilavella
Así pois, Ribadeo non debería deixar pasar a oportunidade de ter un centro de interpertación da ría, aproveitando a inmellorable situación na que está a antiga fábrica de algas para poder ser utilizada con este propósito. Este tipo de centros actúan como centros de recepción de visitantes e poñen en valor os espazos naturais nos que están ubicados. Ademáis de dinamizar as localidades nas que se ubican, supoñen un pulo para o turismo ornitolóxico e de natureza, axudando tamén a crear unha conciencia ambiental que acaba revertendo no propio espazo natural, xa que, canto máis se coñeza, máis se conservará e máis atractivo será. Isto podería combinarse no mesmo centro cunhas instalacións adicadas ó conxunto da Reserva da Biosfera, a un museo etnográfico marítimo, ou a outras interesantes opcións.
O beneficio que centros deste tipo teñen para as poboacións e para os espazos naturais son moi coñecidos e variados, e vaian como exemplo os casos de Villafáfila en Zamora, Fuentes de la Nava en Palencia, Gallocanta en Zaragoza ou o máis próximo das lagoas de Cospeito na nosa propia provincia. Con centros deste tipo conséguese que o lugar sexa visitado non só por aficionados á ornitoloxía, senon tamén por todo tipo de persoas, que unha vez informadas no centro de interpretación, mostran moito máis interese por visitalo e por respetar o seu entorno. E esta sería precisamente a outra gran función dunha entidade así, a súa función educativa. Unha vez funcionando o centro, pode ser visitado por colexios, asociacións, etc., nos que se sementaría o xerme da educación ambiental.
Queda pois exposto unha vez máis o meu interese en que os amantes da natureza, os aficionados á ornitoloxía, e os ribadenses en xeral poidamos contar algún día cun centro de interpretación da ría, semellante ó doutros espacios naturais e outras poboacións non máis importantes ca Ribadeo
Imágenes y texto propiedad de:
Enrique Sampedro Miranda
Ría de Ribadeo: http://ria-de-ribadeo.blogspot.com.
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario