Páginas del blog Ría de Ribadeo

domingo, 9 de febrero de 2014

Crónica do Día Mundial dos Humidais 2014

Fai una semana celebramos en Ribadeo o Día Mundial dos Humidais, por terceiro ano consecutivo. Como xa ven sendo habitual, organizamos varias actividades para conmemorar esta data. Nela rememórase a firma do tratado internacional polo que os países firmantes se comprometeron á protección dos humidais acollidos a esta convención. A ría de Ribadeo entrou a formar parte do listado de humidais de importancia internacional  amparados baixo o tratado en 1994, polo que é unha data importante para o noso estuario.

Centrándonos nas actividades realizadas este ano, comezamos cunha charla a cargo do naturalista ferrolán Xabier Prieto Espiñeira, gran coñecedor da ría, membro da Sociedade Galega de Historia Natural e autor do blog Bichos de demais familia. Na súa presentación "A ría de Ribadeo, un refuxio para as aves migratorias" fixo un repaso polas diferentes especies de aves que usan a ría para invernar, e a importancia que o humidal ten para elas. Apoiándose nas súas fotografías de aves, durante algo máis de hora e media fíxonos unha interesantísima exposición sobre a riqueza da ría, que rematou cun pequeno coloquio entre asistentes e ponentes.

De esquerda a dereita: Xabier Prieto (ponente), Enrique Sampedro (blog Ría de Ribadeo) e Horacio Cupeiro (concelleiro de Medio Ambiente de Ribadeo).




Xa pola tarde, a segunda das actividades, unha ruta guiada pola ría para observar aves. Debido á gran demanda de prazas, e para provocar o menor impacto posible na fauna, dividimos en dous grupos a visita, cada un deles levado por un minibus ós distintos puntos da ría óptimos para a observación de aves. Ambos grupos saímos á vez de Ribadeo, pero en sentidos opostos, un comezando pola beira galega da ría e outro pola asturiana. 

Un dos grupos en plena observación de aves na praia de Salías (Castropol)


Coma en anos anteriores, a variedade e cantidade de especies observadas non defraudou ós participantes, que aprenderon a identificar as diferentes aves coa axuda dos "guías" que participamos na ruta: Xabier Prieto (Bichos e demais familia), Óscar Chao (O Pailebote branco) e eu mesmo, Enrique Sampedro (Ría de Ribadeo). Así, axudados de prismáticos e telescopios puidemos observar mazaricos reais (Numenius arquata), biluricos pativerdes (Tringa nebularia), lampareiros (Haematopus ostralegus), pilros comúns (Calidris alpina), garzas reais (Ardea cinerea), garzotas (Egretta garzetta), cullereiros (Platalea leucorodia), patos rabilongos (Anas acuta), patos asubiadores (Anas penelope), mergullóns de pescozo negro (Podiceps nigricollis), pentumeios (Melanitta nigra), mobellas (Gavia immer)... E cómo non, tamén unha das aves máis buscadas polos participantes, a aguia pescadora (Pandion haliaetus), que non fallou á cita.






Ó día seguinte, domingo 2 de febreiro,  fixemos a última das actividades, que consistiu en subir algunhas das fotos sacadas durante a ruta do sábado á plataforma Biodiversidad Virtual. Foi así porque aproveitando o Día Mundial dos Humidais celebramos tamén o Primeiro Testing Fotográfico da Ría de Ribadeo, en colaboración coa citada plataforma, e este día realizamos a posta en común e subida de fotografías.

Así pois, foi unha fin de semana chea de actividades relacionadas coa ría, a natureza e as aves. Con elas pretendemos axudar a crear conciencia na poboación local sobre a importancia dun rico ecosistema como é a ría de Ribadeo. Agardamos que teñamos contribuido a elo, e que cada vez sexamos máis os amantes das aves e da ría, o que sen dúbida redundará na súa protección.

Imágenes y texto bajo licencia Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com


4 comentarios:

  1. Unha mágoa o tempo tan malo. Espero que o próximo ano teñades máis sorte. Ese ceu azul que aparece nas fotografías dá lugar a engano da climatoloxía tan horrorosa que tivemos a maior parte do tempo (non farías "fotoxop", verdade Quique?).
    Pero é o que correspón nestas datas. Supoño.
    Unha aperta

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Veña home, que non foi tan mal tempo. Tivemos algunha chuvieira polo medio, pero tamén claros. ¡Na túa charla ata tivemos que pechar as contras da sala porque deslumbraba a luz do sol! Qué menos ca iso, caendo o Día dos Humidais na data que cae. A milagre é que de tres anos seguidos, os tres se puido facer. Iso sí que é boa sorte. Algún ano chegará que o tempo sí que nolo impida.
      Moitas gracias pola túa participación desinteresada, Xabi. A xente quedou moi contenta tanto da charla coma da ruta, e todo foron bos comentarios cara a ti. Si sabíamos ben a quén traíamos ; )

      Eliminar
  2. A verdade é que vendo as fotos parece que tivechedes un tempo marabilloso. Se non chego a ler antes o comentario de Xabi, xa os felicitaba por poder disfrutar dun ceo tan azul, jeje. Unha pena non poder achegarme ata aló...a ver se as cousas melloran e para o ano que ven podo apuntarme
    Apertas

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Pois xa ves Inés, as fotos non teñen trampa nin cartón (respondendo tamén a Xabi, por certo). A ver logo si para outro ano te podes achegar e compartir con nós estas actividades. Seguro que che gustan.
      Graciñas por comentar e unha aperta.

      Eliminar