Páginas del blog Ría de Ribadeo

jueves, 20 de marzo de 2014

A galiñola negra: ave do ano 2014 en Galicia e desaparecida na ría de Ribadeo


A Sociedade Galega de Ornitoloxía fixo público a comezos do pasado mes de febreiro o nome da ave do ano en Galicia para este 2014: a Galiñola negra (Fulica atra), focha en castelán. A elección desta especie coma ave do ano na nosa comunidade débese segundo a S.G.O. a que "está a sufrir nos últimos anos un declive das súas poboacións en Galicia". Esta situación coñecémola mellor que en ningunha parte na propia ría de Ribadeo, onde este declive foi catastrófico para a especie a nivel local. Así, pasou de ser abundante na nosa ría en décadas pasadas, a desaparecer por completo, xa que na actualidade leva anos sen haber ningún exemplar (salvo algunha observación esporádica de individuos divagantes). Aquí van algúns datos dos censos de invernantes na ría que mostran ás claras o declive da especie:
- 1991: 201 exemplares
- 1995: 62 ex.
- 1997: 28 ex.
- 1999: 4 ex.
E na última década, salvo algunha observación esporádica, coma comentaba antes, non se rexistra a presencia da especie na ría de Ribadeo.



Así pois, cun exemplo tan plausible coma o que temos na nosa ría, está claro que a elección da galiñola negra coma ave 2014 en Galicia está máis que xustificada, co fin de chamar a atención sobre a súa preocupante situación. A continuación déixovos a nota de prensa publicada pola propia S.G.O. ó facer pública a elección:

A Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) ven de elixir á Galiñola negra (Fulica atra, focha en castelán) como Ave do Ano 2014. Esta especie característica dos nosas zonas húmidas, de aspecto inconfundible grazas ao seu corpo totalmente negro e o peteiro branco que se continúa cun visible “escudete” frontal, está a sufrir nos últimos anos un declive das súas poboacións en Galicia. As causas da súa diminución relaciónanse cos problemas de conservación que están a sufrir as zonas húmidas galegas nos últimos tempos, polo que esta especie é un bo indicador da calidade e problemas de conservación dos nosos humidais.
A proliferación de especies exóticas invasoras, como o cangrexo americano e certos peixes de auga doce que compiten coa galiñola polo alimento, ou o visón américano que depreda directamente sobre a especie; as alteracións na dinámica natural de certas rías e outros humidais costeiros debido á construción de infraestruturas e a falta de xestión na maioría das zonas húmidas galegas, son as principais ameazas as que se enfronta a especie.
Durante o ano 2014 desenvolveranse diversas actividades para avaliar o seu estado de conservación e coñecer as posibles causas que operan no seu declive. Para elo solicitarase a colaboración de todos os socios e entusiastas das aves en Galicia.





Imágenes y texto bajo licencia Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

5 comentarios:

  1. Discrepo un pouco con este parágrafo: "A proliferación de especies exóticas invasoras, como o cangrexo americano e certos peixes de auga doce que compiten coa galiñola polo alimento, ou o visón américano que depreda directamente sobre a especie; as alteracións na dinámica natural de certas rías e outros humidais costeiros debido á construción de infraestruturas e a falta de xestión na maioría das zonas húmidas galegas, son as principais ameazas as que se enfronta a especie", pero bueno...
    Hai localidades onde a poboación nidificante (que é do que se trata básicamente) diminuíu ata a extinción, coma Doniños, e nas que non existe case ningunha desas ameazas citadas. Curiosamente si teñen presenza en Doniños a Lontra (lutra lutra, con predación comprobada in situ por un servidor) ou o Xabalí (Sus scrofa) que me parece que si debera nomearse coma ameaza de carácter xeral en todos os humidais galegos. Pero "non sei por qué" parece que custa moito dicir esa palabra.
    Ímola repetir todos xuntos, veña que podemos: "xa-ba-lí".

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Seguro que hai varios factores implicados neste declive da especie, e o xabalí pode ser un deles. Realmente habería que estudar a fondo o caso concreto da galiňola para saber mais. Porque tamén surxe inmediatamente a cuestión de por qué todos estos factores non provocan os mesmos efectos sobre outras especies de hábitos e dieta similares. Non debe ser tan sinxelo atopar unha única causa, por iso penso que pode ser un cúmulo delas.

      Eliminar
    2. Ollo, Quique, que o feito de que "discrepe" co parágrafo mencionado non significa que o considere incorrecto, senón máis ben incompleto. Ben sei o dano terríbel provocado, por exemplo, polo maldito Procambarus clarkii nos encoros (Sabón, Cecebre, A Rúa,...) e que creo perfectamente que acabou afectando ás poboacións de acuáticas fitófagas. E obviamente non adxudico ao Xabalí a condición de "extermidador absoluto da fauna mundial". Simplemente, opino que hai unha alarmante falta de opinión ao respecto do dano que ocasiona por parte de colectivo ecoloxista que coñezo (que quizá non é representativo). E no se trata de facerlle o caldo gordo a Eloi e o resto de cazadores. Pero é que o Porco bravo é un super-depredador dos hábitats de canaveira-xunqueira galegos. E o mesmo lle vale unha rá que un niño de rálido, ou unha orquídea ameazada nos sistemas dunares de Vilarrube.
      Obviar este feito paréceme algo moi grave cando se fala de problemas de conservación relacionados con humidais.
      Semella que a "compoñente cinexética" está pesando moito á hora de catalogar ao Xabalí coma ameaza para os humidais.
      PD: E, por Dios, que non me comparen o dano que poida ocasionar en marismas da taiga siberiana co que ocasiona nas mini-lagoas galegas, de acceso extraordinariamente doado para este animal anfibio (e moi bon nadador)

      Eliminar
  2. Me resulta curioso porque las causas de su declive que comentáis se dan también en otros sitios donde, sin embargo, es muy abundante. No puedo opinar al respecto porque no conozco vuestras circunstancias, simplemente me ha llamado la atención.
    Saludos y ojalá que se recupere la población.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Pues sí, llama mucho la atención, desde luego. Al igual que comentaba que estos mismos factores podrían afectar también a otras especies del mismo modo y no lo parece, lo que comentas es totalmente lógico Jesús. El asunto sería merecedor de un estudio en profundidad, ya que parece haber detalles que se nos escapan.
      Un saludo.

      Eliminar