Páginas del blog Ría de Ribadeo

viernes, 17 de octubre de 2014

Chegan as invernantes á ría





Estamos xa inmersos en pleno outono, e a Ría de Ribadeo comeza a encherse de aves. Moitas delas están aínda de paso cara ós seus lugares de invernada, pero outras tantas ficarán con nós durante todo o inverno, xa que a ría é o seu destino definitivo. É o caso das aguias pescadoras (Pandion haliaetus), que coma ben sabedes os seguidores deste blog, levan desde fai uns anos quedándose aquí durante a época non reprodutora. Primeiro foi a famosa “Panchita”, logo “Virgilia” e quen sabe se este ano teremos outra invernante máis. Sabemos xa que as dúas primeiras están aquí desde comezos do mes de setembro. E sabemos tamén que ademais destas dúas, pasaron varios exemplares máis polo noso estuario. Agora mesmo hai tres individuos na ría, polo menos. E en concreto falo do domingo 12 de outubro, cando observei ó mesmo tempo estes tres exemplares. Dúas pescadoras estaban nos pousadoiros instalados fronte ó observatorio de Reme, e a terceira nun instalado na Xunqueira. 




Esta última cambiou logo de ubicación, para acomodarse no pousadoiro do niño artificial situado moi preto, e que recentemente foi instalado no lugar pola organización FAPAS. Esta vez si, fixérono tras solicita-lo correspondente permiso á Xunta de Galicia, xa que, aquí non hai dúbida, esa parte da ría pertence administrativamente a Galicia.



Pero non só de pescadoras vive a Ría de Ribadeo, nin moito menos. Por comezar polo menos habitual por aquí, observei tamén tres garzotas grandes (Egretta alba), primeiro unha soa na enseada da Lieira, e logo dúas xuntas fronte ó Puntal. Como foi en momentos distintos, non sei realmente se eran polo tanto dúas ou tres as que había na ría.




E seguindo coas garzas, non podían faltar as garzas reais (Ardea cinerea) e as garzotas (Egretta garzetta). Entre elas chamaban a atención os tamén habituais cullereiros (Platalea leucorodia), dos que puiden ver 10 exemplares.

Garzotas, xunto ós mazaricos

Cullereiros e unha garzota

En canto a limícolas, non vin demasiada variedade. O máis destacado un bando de 36 mazaricos reais (Numenius arquata), un par de pilros comúns (Calidris alpina), un mazarico rubio (Limosa lapponica) e dous biluricos bailóns (Actitis hypoleucos), todos eles na praia de Salías.

Mazaricos

Pilro común


Tamén alí había máis de 150 gaivotas choronas (Chroicocephalus ridibundus). En varias delas apreciábanse claramente uns tons rosados na súa plumaxe, especialmente na zona do peito. Sobre a orixe desta coloración das plumas xa falei aquí nalgunha ocasión, e parece estar causada pola dieta. Concretamente esta teoría o que di é que a cor rosada débese a un carotenoide presente en determinadas especies de cangrexos que comen. Este carotenoide deposítase posteriormente nas plumas das aves, dándolles esta cor rosada a determinados individuos. Así pois, a súa coloración máis ou menos rosada, depende da presenza destes cangrexos en maior ou menor medida na súa dieta.


Na foto non se aprecia moi ben, pero en varios destes exemplares víase claramente a coloración rosada

Seguindo coas gaivotas, ademais das choronas había tamén gaivotas escuras (Larus fuscus) e algunha patiamarela (Larus michaellis). E aínda que primeiramente me pasou desapercibida por asemellarse a súa plumaxe ó dunha chorona, había tamén entre elas unha cabecinegra (Larus melanocephalus), con plumaxe de primeiro inverno.

Gaivotas escuras

Gaivota patiamarela

Gaivota cabecinegra

Cambiando de rexistro, temos tamén xa a moitas das especies de anátidas habituais na Ría de Ribadeo durante o inverno. Así, están xa por aquí, ademais dos lavancos (Anas platyrhynchos), os rabilongos (Anas acuta), frisados (Anas strepera) e asubiadores (Anas penelope).

Anátidas
E para rematar esta entrada, citar tamén a observación de dous picapeixes (Alcedo athis), un miñato (Buteo buteo), un falcón peregrino (Falco peregrinus) que levaba unha presa nas garras -penso que un pilro-, numerosos corvos mariños grandes (Phalacrocorax carbo) e unha lavandeira branca (Motacilla alba) que captou a miña atención pousada no foraborda dun bote.




Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

8 comentarios:

  1. Guapísima a foto da Garza branca coas garzotas, Quique!
    Unha aperta
    PD: "fixérono tras solicitalo correspondente permiso". Para evitar este tipo de erros gramaticais o mellor é obviar a segunda forma do artigo e pór, directamente "solicitar O correspondente permiso". Vexo que moitos vos facedes a picha un lío e quitades o trazo (guión) aínda sendo artigo e non pronome que é cando se debe suprimir. Falando sempre segundo a lamentábel normativa antiga.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. No meu caso é a falta de práctica, asegúrocho. Cando vivía en Galicia lía e escribía moito máis en galego. E agora o blog é o único lugar no que o fago. Noto ademáis cómo van cambiando moitas normas gramaticais desde que estou fora, e non me entero en moitos casos. É o que ten estar na diáspora. Así que se agradecen as axudas.
      Apertas.

      Eliminar
  2. Hola Enrique.

    Muy buena entrada, buenas fotos. Te envidio el tener a mano a las águilas pescadoras y a ese grupo de los zarapitos reales.

    Un abrazo,

    Rafa.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Gracias Rafa. Las pescadoras están siempre bastante lejos, por eso las fotos son peores. Pero los zarapitos sí que se tienen muy cerca en esa zona, y se nota en las fotos.
      Un abrazo.

      Eliminar
  3. Hola Enrique.
    Como siempre magnifica entrada. Nos has mostrado lo maravillosa que es la ria de Ribadeo. Pena no estar un poco mas cerca para ver las pescadoras!!.
    Un saludo
    Juanjo

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Muchas gracias Juanjo. Pues sí, la ría de Ribadeo es una maravilla, y más en esta época. Y si quieres ver pescadoras, ya sabes a dónde tienes que venir ; )
      Un saludo

      Eliminar
  4. Bonita y completa entrada, el blog de lujo, me hago seguidor. Saludos desde Cantabria.
    Fauna Compacta blogspot

    ResponderEliminar