Páginas del blog Ría de Ribadeo

domingo, 22 de enero de 2017

Censo de aves acuáticas Ría de Ribadeo 2017

Coincidindo coas datas elixidas a nivel internacional para realizar o censo de aves acuáticas invernantes en humidais de todo o mundo, a pasada fin de semana fixen o meu particular censo da Ría de Ribadeo. En anos anteriores non puidera facelo exactamente nas mesmas datas, pero este ano por fin mo permitiron as circunstancias.



Ademáis, celebrouse tamén ese mesmo fin de semana, en concreto o sábado 14, o censo ibérico de aguia pescadora, organizado pola Fundación Migres - Amigos del Águila Pescadora, e coordinado en Galicia pola Sociedade Galega de Ornitoloxía. Coa especial vinculación que sinto con estas fermosas aves e en particular coa súa presenza como invernantes na nosa ría, pois apunteime ó censo, aquí sí que de forma "oficial". O día que o estaba facendo encontreime pola ría con Carlos Sanjurjo, outro namorado das pescadoras, así que acabamos os dous xuntos contándoas. Localizamos as 3 que me dicía Carlos que estaban este inverno aquí. A saber: Panchita (anela 82), Virgilia (anela LV) e outro exemplar sen anelar.





E sen máis dilación, imos cos datos do meu censo de aves acuáticas invernantes na Ría de Ribadeo:

Castellano / Nombre científico / Galego
Ánade silbón / Anas penelope / Asubiador - pato asubión 347
Ánade friso / Anas strepera / Pato frisado 21
Cerceta / Anas crecca / Cerceta 58
Ánade real / Anas platyrhynchos / Lavanco 184
Ánade rabudo / Anas acuta / Pato rabilongo 205
Porrón bastardo / Aythya marila / Pato bastardo - pato caribranco 1
Havelda / Clangula hyemalis / Pato rabeiro 2
Negrón / Melanitta nigra / Pentumeiro 9
Serreta mediana / Mergus serrator / Mergo cristado 1
Colimbo grande / Gavia immer / Mobella grande 2
Zampullín cuellinegro / Podiceps nigricollis / Mergullón de pescozo negro - mergullón orelleiro 9
Cormorán / Phalacrocorax carbo / Corvo mariño 54
Cormorán moñudo / Phalacrocorax aristotelis / Corvo mariño cristado 3
Garcilla bueyera / Bubulcus ibis / Garza boieira - garza mediana 20
Garceta / Egretta garzetta / Garzota 45
Garza real / Ardea cinerea / Garza real 16
Espátula / Platalea leucorodia / Cullereiro 20
Águila pescadora / Pandion haliaetus / Aguia pescadora 3
Ostrero / Haematopus ostralegus / Lampareiro (galego local) - gabita 20
Correlimos común / Calidris alpina / Pilro común - pilro curlibico 91
Zarapito trinador / Numenius phaeopus / Mazarico chiador 14
Zarapito real / Numenius arquata / Mazarico real 69
Archibebe común / Tringa totanus / Bilurico patirrubio - bilurico común 11
Archibebe claro / Tringa nebularia / Bilurico pativerde - bilurico claro 44
Andarríos chico / Actitis hypoleucos / Bilurico das rochas - bilurico bailón 1
Aguja colinegra / Limosa limosa / Mazarico rabinegro 55
Gaviota reidora / Chroicocephalus ridibundus / Gaivota chorona x
Gaviota sombría / Larus fuscus / Gaivota escura x
Gaviota patiamarilla / Larus michahellis / Gaivota patiamarela x
Gavión atlántico / Larus marinus / Gaivotón x
Charrán patinegro / Sterna sandvicensis / Carrán cristado 9
Martín pescador / Alcedo atthis / Picapeixe - martiño peixeiro 1

x- Especie observada pero non censada

Como sempre me gusta aclarar, estos son os datos das aves que eu observei e puiden contar, o que non quere dicir que sexan datos absolutos, como ben saben os censadores.



Pasemos a analizar agora algunhas conclusións que se poden sacar dos datos. Gústame comezar sempre polas anátidas, o grupo de aves polo que a Ría de Ribadeo obtivo o seu recoñecemento internacional coma humidal Ramsar. Ainda que desgraciadamente, e como xa falei aquí moitas veces, o descenso da poboación invernante de anátidas nas últimas dúas décadas foi tremendo na nosa ría. Pois ben, en liñas xeráis, continuamos en valores semellantes ós dos últimos anos. O que máis se sae do normal é a cifra de lavancos, só 184, a cifra máis baixa para esta especie no que levamos de século. Xa me chamou a atención mentres censaba, e quero pensar que se me tivo que escapar algún grupo por algún lado, porque senon a cifra é baixísima (a media dos últimos 15 anos é duns 430 exemplares). Agardemos ós resultados doutros censos para corroboralo.

Tamén cifras moi baixas para as cercetas (onde van aquelas máis de 500 que puiden contar en xaneiro do 2011), e para os asubiadores. Sen embargo, tanto o pato rabilongo coma o pato frisado pode dicirse que se manteñen na media das últimas décadas. E falando de anátidas, non podemos pasar por alto as estrelas deste ano na Ría de Ribadeo, os dous exemplares de pato rabeiro (haveldas) que saen por primeira vez no censo de acuáticas invernantes no noso estuario. Mencionar ademáis a presenza tamén dun eider (Somateria mollissima), que non inclúo no censo porque eu non o localicei. Pero sei que segue na ría, según me confirmou Gilberto S. Jardón, con quen me encontrei en Castropol un día.

Grupo de patos rabudos (Anas accuta)

Asubiadores (Anas penelope)


Deixando xa as anátidas, un dos datos máis positivos do censo é o de mazarico rabinegro (Limosa limosa), que cos 55 exemplares censados constitúe o récord de toda a serie histórica dos censos na ría. Unha especie que parece adaptarse ben ós cambios que sufriu o noso estuario desde fai anos. Igual que os cullereiros (Platalea leucorodia) que cos 20 exemplares deste inverno, segue aumentando a súa presenza ano a ano. No lado negativo volven situarse de novo os pilros comúns, cunha cifra inferior ó centenar, cando a media histórica supera cómodamente os dous centenares.

Cullereiros e mazaricos rabinegros



Cullereiros


E con isto remato o artigo. Aí quedan as cifras que saquei. E como dicía anteriormente, haberá que estar atentos ós datos doutros censos que se relizan na ría (SEO, SGHN, COA...) para ver qué números recolleron.

Bilurico das rochas


Garza real



Saúdos e ata a próxima.

Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

6 comentarios:

  1. Antes de nada, grazas polo esforzo Quique. Tanto o traballo do censo como o de publicación. Xa sabes que son un gran amante destas cousas e sempre mola ver resultados totais dunha localidade.
    Os censos dos censadores han ser diferentes con bastante probabilidade, pois moitos deles son xente veterana que leva anos censando e o normal é que saquen cifras mellores. Pero xa che digo que vexo que vas aprendendo moi rápido desde aquel día en que nos coñecimos e te animei a facelo.

    Como sabes estes datos han ser máis importantes a medida que vaia aumentado a túa "serie" de conteos. Pero xa noto que a tendencia para Anas crecca e Anas platyrhynchos é de un ano moi pobre, igual que en Ortigueira.

    Apertas e de novo grazas por este post.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Gracias Xabi, faise o que se pode. Non é fácil, pero un vaille collendo o gusto. O dos censos é moi difícil que todos saquemos as mesmas cifras, como ben sabes. A Ría de Ribadeo outra cousa non, pero censada debe estar como poucas. Con isto de ser interautonómica, aquí ven censar a SEO, a COA, a SGHN, a Xunta... Teño unha boa bibliografía dos censos, e resulta moi curioso ver cómo moitas veces os censos varían bastante nalgunhas especies. Mira, por poñer un par de exemplos, no último censo que eu fixen da ría anterior a este (2015) saquei 50 garzotas, mentres que no da SGHN sairon 20 e no da SEO 34. Sen embargo, nese mesmo ano, eu saquei 213 rabilongos, a SGHN 222 e a SEO 261. Qué che vou contar a ti que non saibas sobre censos...
      Apertas Xabi.

      Eliminar
  2. Ola Quique.
    Onte estiven con Pablo Miki, que estaba censando para a Consejería de Asturias, e inda que non coñezo as cifras exactas, adiántoche que apareceron as cercetas que "me faltaban", hai algo máis dun cento, e rabilongos uns 230, cifra que puiden corroborar eu hoxe, porque estiven media mañá observando e gravando o bando.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Ola Carlos. Gracias polos datos. Mira, eu ó día seguinte vin máis cercetas que as que víramos o sábado. Pero non cheguei a contar ese cento do que falas. Xa me parecían a min poucas... Os rabilongos sí que andaba por aí o número. A ver logo si Pablo nos da datos do seu censo. Xa che digo que outra cifra que estou case seguro que ten que ser máis alta é a dos lavancos.
      Apertas.

      Eliminar
  3. Olá de novo aos dous.

    Como ben di Quique é moi difícil que as cifras dos censos coincidan ao 100% entre distintos censadores, pero tamén é raro que coincidan en conteos distintos do mesmo censador, sobre todo cando son grupos moi grandes ou de aves activas/en vóo.
    No caso desas discrepancias que dabas entre os teus datos, os da SGHN ou os da SEO en 2015 hai varias causas que poden explicalas. As garazas, por exemplo, poden cambiar os reposadeiros de preamar dependendo das circunstancias (mareas, vento, etc). En Ferrol gostan de xuntarse en masas de eucaliptal próximas á ribeira, pero fuxen deles con vento forte. En Ortigueira acostuman xuntarse en xunqueiras, das que fuxen cando hai mareas vivas, por exemplo. Para este tipo de censos os censadores locais deberían ter sempre certa vantaxe ao coñecer mellor a xeografía do humidal e os costumes das súas aves.
    Outro caso diferente é a de grandes bandadas de aves ou as especies que se censan sempre a gran distancia, nos intermareais de alimentación ou nadando no medio da ría. Nestes casos os censadores con experiencia van axustar moito mellor os números, sobre todo con vento e chuvia. Nestes casos debemos considerar as súas cifras como as máis realistas (se son censadores de calidade contrastada, por suposto).

    E xa que falades de patos, un consello tanto para Carlos como para Quique. Como norma xeral, as anátidas como a Cerceta tenden a meterse moito dentro das xunqueiras, na parte máis interior dos "estuarios" que forman as rías ou mesmo remontando os ríos un pouco. Sen embargo ao baixar a marea diríxense case todas aos intermareais para alimentarse. O caso da Cerceta (Anas crecca) en Ribadeo ou o do Cullerete (Anas clypeata) obedecen moi ben a este padrón. OUtras especies como o Asubión (Anas penelope) ou o Rabilongo (Anas acuta) gostan máis de formar grandes balsas no medio da ría durante a preamar. Nesas circunstancias o censo vólvese máis difícil, ao mesturarse as especies e estar movédose e cruzándose entre elas. Por ese motivo sempre recomendo, se é posíbel, os conteos destas dúas especies con baixamar. Falo de Ribadeo, xa que en Ortigueira é mellor a preamar para censar os rabilongos.

    As visitas regulares durante o inverno son importantes para coñecer estes movimentos. Logo será máis doado escoller o momento axeitado para realizar un censo con precisión.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. * ou o do Cullerete (Anas clypeata) en Ortigueira obedecen moi ben a este padrón

      Eliminar