Páginas del blog Ría de Ribadeo

sábado, 11 de febrero de 2017

18 de febreiro: Día Mundial dos Humidais na Ría de Ribadeo




Outro ano máis celebraremos na Ría de Ribadeo o Día Mundial dos Humidais, realizando unha serie de actividades pola súa contorna. Estas actividades son completamente gratuitas e abertas ó público en xeral. Terán lugar o vindeiro sábado 18 de febreiro, son as seguintes:

- 10:00. Ruta ornitolóxica pola Ría de Ribadeo. Acompañados por Óscar Chao e por min mesmo, faremos unha ruta pola ría en autocar, parando nos mellores lugares para observar aves e aprender a distinguilas. Haberá dous puntos de saída. O primeiro na Oficina de Turismo ás 9:45, para aquelas persoas que non teñan coche e que non se queden a comer en Santa Cruz. E ás 10:00 recollerá en Santa Cruz ás persoas que suban en coche e que logo se van quedar a comer alí. Resulta imprescindible facer reserva previa no teléfono 982 128 689 (prazas limitadas).

- 14:00. Xantar no Monte de Santa Cruz. Ó finalizar a ruta, o autocar pasará primeiro por Santa Cruz para deixar ós que se quedan a xantar. E logo deixará ó resto de persoas fronte á Oficina de Turismo. Os que se queden, comerán nos merendeiros de Santa Cruz, coas mellores vistas que hai sobre a ría. A comida irá pola conta de cada asistente, así que ide preparados cos bocatas, tarteiras, ou o que gostedes!

- 16:00. Conferencia "Os humidais: educando na contorna natural" a cargo de Óscar Chao, na Casa da Ría de Ribadeo (Monte de Santa Cruz). Será o remate desta xornada adicada por completo ó noso mellor humidal. Óscar Chao, biólogo especializado en bioloxía mariña e responsable da páxina de Facebook "Aves e Natureza de Ribadeo", daranos a súa particular visión sobre a importancia dos humidais.

Así que xa sabedes, animádevos e participade con nosoutros nesta xornada na que gozaremos cos valores naturais da nosa ría, das aves, e de boa compaña!


Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com


No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada