Estamos a finais de outubro e pouco a pouco comezan a chegar as aves invernantes á Ría de Ribadeo. Xa temos aquí, por exemplo, as tres pescadores habituais no estuario nos últimos anos. As dúas aneladas, Virgilia e Panchita, máis outra sen anelar, e que parece ser a mesma do ano pasado. Virgilia estaba no seu pousadoiro favorito, fronte ó observatorio de Reme. Mentres a segunda e a terceira ocupaban ramas varadas na ría.
Virgilia |
Exemplar sen anelar |
En canto ás anátidas, falta por chegar o groso da poboación, pero hai xa pequenos grupos de rabudos (Anas acuta) e asubiadores (Anas penelope), así como un número máis grande de lavancos (Anas platyrhynchos).
Tamén hai xa un número grande de cullereiros (Platalea leucorodia), cerca da quincena, ademáis de garzotas (Egretta garzetta), garzas reais (Ardea cinerea) e garzas boieiras (Bubulcus ibis) nos prados colindantes.
Por último, no que a limícolas respecta, o máis abundante nestes momentos son os biluricos pativerdes (Tringa nebularia). En menor número hai tamén mazaricos chiadores (Numenius phaeopus), uns poucos pilros comúns (Calidris alpina) e algunha píllara real (Charadrius hiaticula).
Biluricos pativerdes no Muro das Lamas |
Praia de Salías |
Gaivota patiamarela |
Biluricos pativerdes |
Píllara real |
E ata aquí este breve repaso á situación da ría nestas datas de finais de outubro. Nuns días volverei para ver cómo vai aumentando o número de especies e de efectivos de aves acuáticas invernantes.
Pecho a entrada de hoxe con este gracioso paporrubio que se me achegou nun momento do paseo.
Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
No hay comentarios:
Publicar un comentario