Páginas del blog Ría de Ribadeo

jueves, 27 de septiembre de 2018

Subida ó Pico Mustallar (Lugo - Os Ancares)

Si no mes de agosto subín o pico Capeloso, no Courel, esta vez tocoulle ó Mustallar, nos Ancares. Cos seus 1.934 m. , trátase da cima máis alta da provincia de Lugo. Desde que subira a Pena Trevinca anos atrás, o teito de Galicia con 2.127 m., parecíame que subir o Mustallar era algo que me quedaba pendente. E tocou por fin facelo.

Foi o 15 de setembro, nunha espléndida xornada de sol e calor, acompañado de novo pola miña irmá Carmen, a quen ando metendo nas miñas andainas montañeiras ultimamente. Fixemos a subida clásica desde a fermosa aldea de Piornedo, coñecida pola súa gran concentración de pallozas, que os habitantes coidan e conservan en moi boas condicións, a verdade.




Tras cruzar Piornedo deleitándonos con estas fermosas construcións tradicionais, comezamos a ruta. Pártese desde a pequena capela de San Lourenzo, onde hai un panel informativo sobre o percorrido. Aquí deixo unhas fotos da altimetría, mapa e descrición da ruta, que poden ser de utilidade para quen estea buscando información.







O primeiro tramo de ascensión é por unha pista ben marcada, e con bastante pendente, para superar o coñecido como Teso do Campo. Neste tramo pasamos por una fonte, pero nesta época está seca, así que hai que telo en conta. Logo de superar esta primeira pendente, o camiño descende ata o Campo Redondo, unha fermosa pradería de montaña orixinada polo antigo circo glaciar.



Campo Redondo


Por todas partes se aprecia o impresionante traballo que no seu día fixo aquí o glaciar, arrastrando penedos, erosionando o val, e deixando a súa pegada na orografía. Un claro exemplo son as estrías glaciares, marcas provocadas polo rozamento que as rochas arrastradas polo xeo na súa base, provocan sobre as que están no chan:


Estrías glaciares. Ó fondo, o Mustallar.

Tamén o regato Veiga Cimeira pode considerarse unha reminiscencia glaciar. Hoxe en día, e sobre todo nesta época, leva pouca auga. Pero noutrora o seu caudal foi moitísimo máis abundante e rápido, como se aprecia nos numerosos cantos rodados que quedaron á vista en moitas zonas.




Superado o Campo Redondo, e tras outro tramo de pendente, chegamos a outra pequena zona chá, onde están os restos de dúas construcións de antigos pastores, coñecidas como a cabana dos extremeños.





Desde aquí o camiño continúa pouco máis de medio quilometro en lixeira ascensión, ata chegar á parte máis dura da subida. Unha primeira rampla ascende ata a Mallada do Mustallar, coiado situado a 1.699 m. entre os picos de Penalonga e o propio Mustallar. Ó chegar aquí, as vistas son impresionantes. Estamos xusto sobre o límite entre Galicia e León, e fronte a nós, xa en León, ábrese o val do Buria. Á nosa dereita uns profundos barrancos baixan desde o Mustallar ata o val, mentres que á nosa esquerda podemos ver as cimas de Penalonga (1.881 m.) e o Cuíña, que cos seus 1.992 m. é o pico máis alto dos Ancares.






Despois dun pequeno descanso gozando das vistas, hai que continuar a ascensión, enfrontándonos agora ó último tramo, e máis duro, para salvar o desnivel final que nos levará ata os 1.934 metros do Mustallar. Isto é, gañar unha altitude de 235 m., nun percorrido duns 800, o que nos da un desnivel do 29,37%. Neste tramo hai que superar algunha zona de canchal, pero a subida non é complicada (nada que ver co tramo final da ascensión ó Capeloso). E por fin, alcanzamos o teito da provincia de Lugo, o Mustallar.










Na parte final e no cumio coincidimos cun numeroso grupo de sendeiristas chegados desde Arzúa para ascender o pico. Trátase da asociación Ratos Libres, cos que estivemos a falar un anaco.

A volta a Piornedo realizámola polo mesmo camiño. Só salientar, para rematar, que na baixada vimos nun penedo isto que nos pareceu un resto fósil, e que chamou a nosa atención.




Saúdos e ata a próxima.

Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com


No hay comentarios:

Publicar un comentario