Páginas del blog Ría de Ribadeo

jueves, 25 de febrero de 2021

Liberación dun lince ibérico chamado Ribadeo

Pois sí amigos, temos un lince ibérico en liberdade chamado Ribadeo, que se suma á poboación salvaxe desta emblemática especie. O pasado 15 de febreiro foi liberado, xunto con outro exemplar chamado Rea, en terras extremeñas. Concretamente no Valle de Matachel, provincia de Badaxoz. Os dous linces liberados proceden do centro de cría en cautividade ubicado na localidade de Zarza de Granadilla (Cáceres).

Liberación lince Ribadeo. Foto: juntaex.es

 

Liberación lince Ribadeo. Foto: juntaex.es

Pero non pensedes que me resultou sinxelo verificar esta información, xa que tódolos medios de comunicación nos que saíu a nova falaban de que os linces liberados se chamaban Rea e "Ribadeu", con "u". Eu vin a nova por primeira vez en Twitter, na conta da revista Quercus, e loxicamente chamou de inmediato a miña atención. ¿Ribadeu...? Non podía ser. Tiña que tratarse dun erro, e o seu nome sería Ribadeo, pensei. Pero por máis que busquei en diferentes medios (axencia EFE, 20 Minutos, El Periódico Extremadura, Cadena COPE...) todos poñían o mesmo nome, Ribadeu. Así que busquei a fonte da información, e atopeina nun comunicado da Junta de Extremadura. Pero co mesmo resultado. Segundo esta información, o lince chamábase Ribadeu: http://www.juntaex.es/comunicacion/noticia&idPub=32528

Como non acababa de fiarme, decidín seguir indagando. Así que contactei telefónicamente co Ayuntamiento de Zarza de Granadilla, municipio onde se atopa o centro de cría do que procedía o lince, a ver si conseguía información de primeira man. No concello atendéronme moi amablemente e facilitáronme o teléfono do centro de cría, pero advertíronme de que o teléfono non lles funcionaba moi ben. E efectivamente, tras varios días intentando contactar con eles, non fun capaz de que o teléfono dera ton. Así que tiven que optar por outra vía, e comecei a enviar correos electrónicos a diferentes organismos públicos. E por fin deste xeito conseguín obter información fidedigna, que a continuación comparto con vós.

Centro de cría Zarza de Granadilla. Foto: lynxexsitu.es

O centro de cría de lince ibérico de Zarza de Granadilla, xunto con outros tres existentes en España e un máis en Portugal, forman a rede de centros de cría do Programa de Conservación Ex-situ del Lince Ibérico. Administracións nacionais, rexionais e internacionais colaboran neste programa, que está implementado por unha Comisión Multilateral formada polos gobernos de España e Portugal, xunto cos gobernos autonómicos de Andalucía, Extremadura e Castela-A Mancha (web do programa). Gracias a este exitoso programa, hoxe en día podemos dicir que o lince ibérico salvou unha situación crítica, na que estivo a piques de desaparecer. Cando comezou o programa, no ano 2002, quedaban tan só 94 linces ibéricos en liberdade, sendo unha especie irremediablemente condenada á extinción. Pero tras moitos esforzos e importantísimas inversións económicas, logrouse por fin conseguir a cría en cautividade da especie. E tras isto, comezou unha carreira contra reloxo para lograr criar cada vez máis exemplares, e cunha metodoloxía científica e moi estudiada, poñelos en liberdade no medio natural. Deste xeito, coa experiencia acumulada ano tras ano, o número de linces liberados foi incrementándose cada tempada, chegando no ano 2020 a unha poboación de linces en liberdade superior ós 900 exemplares.

Espacio de adestramento de cachorros. Zarza de Granadilla. Foto: juntaex.es

O "noso" lince, Ribadeo, liberouse como dicía anteriormente o pasado 15 de febreiro. Trátase dun macho, que naceu o 16 de marzo de 2020. A nai, primeiriza, chámase Omeya, e o pai Gitano. Nesa camada naceron dous cachorros, pero un deles morreu tras unha pelexa entre irmáns. Parece que a morte foi provocada pola propia nai, accidentalmente. Este tipo de sucesos son habituais na especie. Aquí podedes ver a nova deste episodio en concreto: https://www.hoy.es/prov-caceres/muere-cachorro-lince-20200420123741-nt.html

Sobre o porque do nome de Ribadeo, cóntanme que ós cachorros nados cada ano, tanto os nados nos centros de cría como os nados en liberdade, póñenlles nomes que comezan todos pola mesma letra. Os do 2020 comezaban pola letra "R", mentres que os que nazan este ano 2021 comezarán polo "S". Hai unha serie de condicionantes, como que os nomes non deben repetirse, e non se poden poñer nomes de persoas. É habitual que usen nomes de países, ríos, pobos, etc. Así, temos linces chamados Odiel, Córdoba, Madagascar, Kilimanjaro..., e agora Ribadeo. Para dar nome ós linces que serán liberados, son os equipos de solta dos linces os que elaboran unha única lista de nomes para os cinco centros de cría. E unha vez elaborada, divídese a lista en cinco bloques de vinte nomes, outorgando por sorteo un bloque para cada centro. Así pois, ó centro de Zarza de Granadilla tocoulle para o ano pasado un listado de 20 nomes. E para elixir os nomes que utilizarían, posto que liberan moitos menos de 20, publicaron o listado que tiñan asignado nas redes sociais, deixando que a xente elixira os nomes que realmente se utilizarían. E por aí se chegou ó nome do "noso" lince, xa que Ribadeo foi un dos máis votados.

Liberación lince. Foto: juntaex.es

Neste pequeno vídeo podedes ver o centro de cría de Zarza de Granadilla e o traballo que alí fan cos linces:

https://www.canalextremadura.es/video/visitamos-el-centro-de-cria-en-cautividad-del-lince-iberico-en-zarza-de-granadilla


E para rematar, o meu agradecemento pola información aportada a:

Maite Ríos Noya, coordinadora técnica do Centro de Cría del Lince Ibérico de Zarza de Granadilla.

Juan Ignacio Montoya Oliver, director de programas do Organismo Autónomo Parques Nacionales.

Rubén Moreno-Opo, da Subdirección General de Biodiversidad Terrestre y Marina.

Servicio de información do programa de conservación Lynx Ex-situ (www.lynxexsitu.es).


Saúdos e ata a próxima.

Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons

Enrique Sampedro Miranda

Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com


4 comentarios:

  1. Vaia casualidade tamén! I maxino que agora xa terás que facerlle seguemento ao teu "fillo", haha..
    Con respeito ao do nome, dicir que técnicamente (por etimoloxía) debera ser "Ribadeu", igual que "europeu". Aínda que a norma oficial, moi españolizada, non o recoñeza.
    Apertas e parabéns polo baptizo.
    PD: O raro é que non lle puxeran "Ría del Eo", haha...

    ResponderEliminar
  2. Pois sí... HA, HA, HA!!!
    En canto ó da etimoloxía de Ribadeo, non é o mesmo caso que o que comentas de "europeu". Pensa que aquí o nome débese precisamente ó nome do río (ribeira do Eo). É o mesmo caso que outros topónimos galegos como Ribadavia ou Ribadulla.
    E en canto ó lince, pois haberá que facerlle seguemento, claro que sí :)
    Apertas Xabi.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Este comentario ha sido eliminado por el autor.

      Eliminar
    2. Obviamente o nome do río sería "Eu" segundo a norma AGAL. Pasa ao contrario que con "andorinha" vs "anduriña" (que é o que digo eu). Cousas dos filólogos...

      Eliminar