Fai pouco comentaba no blog a instalación dun novo observatorio de aves en Ribadeo, na zona do Muro de Lamas (ver). Pois ben, xunto con ese, instalouse outro mais, tamén no termo municipal de Ribadeo, nunha zona preto do lugar dos Guildeiros.
Igual que comentaba no caso do primeiro, esta ubicación paréceme tamén acertada, xa que se trata dunha zona da ría que non tiña un lugar apropiado para a observación de aves. Neste punto exacto en que se colocou, ó que se accede por un camiño, hay unha boa perspectiva da zona media da ría. Coa colocación do observatorio, temos agora un lugar cómodo e a cuberto no que instalarnos con todos os nosos pertrechos (trípodes, telescopios, prismáticos, cámaras...).
Casualmente, fai unhas semanas contactou comigo un dos responsables do proxecto de instalación dos observatorios para solicitarme permiso para usar o contido que no seu día elaborei para un folleto do Concello de Ribadeo (ver folleto). Queren colocar uns carteis nos novos observatorios con esta información. É de agradecer o detalle de que me contactara previamente, posto que como xa comentei noutras ocasións aquí no blog, hai xa uns cantos carteis colocados en varias zonas da ría, con ese contido, e sin facer ningunha referencia ó autor do mesmo, que son eu. Por suposto accedín a ceder o contido, sen ningunha contrapartida, quero deixalo claro, coa única condición de que no cartel figure a autoría e a ligazón a este blog, como é lóxico. E xa postos nisto, ofrecinme a actualizar o mapa que figuraba no folleto, agregando estes dous novos observatorios, de forma que aparezan tamén nos carteis. Como tiña que poñerlles nome, a un deles chameille observatorio do Muro de Lamas, aí estaba fácil a cousa. Pero para nomear o observatorio do que hoxe vos falo, non o tiña tan claro. Así que tras unha pequena "investigación" toponímica cos veciños das casas máis próximas do lugar dos Guildeiros, souben que a zona da pequena praia e enseada sobre a que se sitúa o observatorio chámase O Pernón. Polo que me parecía un nome apropiado para o observatorio. Comenteillo ó responsable do proxecto, e deume a súa aprobación para poñer ese nome no mapa que estaba actualizando para os carteis. Con esa mesma denominación actualicei tamén o mapa que teño en Google Maps cos principais puntos de observación de aves na ría. Aquí podedes consultalo, e ver así a ubicación exacta do novo observatorio do Pernón:
Mapa de Google Maps: puntos de observación de aves Ría de Ribadeo
Saúdos e ata a próxima.
Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com
Boas Quique! Qué tal vai? Noraboa polo recoñecemento. Unha aperta.
ResponderEliminarOla Adrián. Moitas grazas. Por certo, sei que che debo unha contestación. Escríboche por privado. Apertas
ResponderEliminar