Páginas del blog Ría de Ribadeo

domingo, 5 de febrero de 2012

Alca en Ribadeo

A pasada fin de semana fixemos dúas rutas ornitolóxias guiadas pola ría de Ribadeo para conmemorar o Día Internacional dos Humidais. Unha foi o sábado 22, e outra o domingo 23 de xaneiro. Nesta última tivemos a sorte de contar tamén coa axuda dun gran coñecedor das aves da zona, como é Pablo Fernández. Ámbolos días vimos especies interesantes, pero sempre hai unhas que destacan sobre as demáis debido á súa singularidade ou menor número. O sábado a estrela da xornada foi un carolo (alca torda), mentres que o domingo puidemos disfrutar contemplando o famoso exemplar de águia pescadora que dende o ano pasado inverna no estuario.

Alca na Ría de Ribadeo. Foto: Susana Martínez.

Nesta entrada quería centrarme na alca (ou carolo), xa que nos brindou unha fantástica observación a escasos metros de nós. Gracias a esta proximidade puidemos disfrutar coas súas habilidades buceadoras, que grabamos e fotografiamos a pracer. Este é un vídeo que grabou Manel Yáñez.




O carolo é un ave que mide uns 40 cm., e que se identifica por ter ás cortas e plumaxe coas partes inferiores de cor branca pura, que contrasta moito co negro da cabeza e partes superiores das ás e dorso. Ainda que en plumaxe invernal, de agosto a marzo, a gorxa e os lados da cabeza son brancos, como se pode apreciar perfectamente nas fotos que lle fixemos a este exemplar. Estas cores poden ser tamén mantidas fora desta época por xuvenís durante a seguinte primavera.

alca / alca torda / carolo. Foto: Susana Martínez

Unha estreita liña branca pódese apreciar ben de preto nas ás dos adultos, formada polas puntas brancas das secundarias. As patas e pés son de cor gris escura. Pero o detalle da súa estructura que máis chama a atención, constitúeo o extraño peteiro negro de forma ancha e aplastada verticalmente, rematado nunha especie de gancho. En plumaxe nupcial o peteiro loce dúas liñas brancas, unha que o cruza e outra que vai desde a base ata o mesmo ollo.

Peteiro. Foto: Grupo Ecologista C.A.N.S.


Nos seus lugares de reproducción son paxaros moi ruidosos e as súas actitudes seméllanse entón moito ós pingüins. Na Península Ibérica é visitante outonal e invernal, ainda que escaso, e abunda máis con temporais do Norte e olas de frío. Cando se ven de preto, pódense comprobar as súas habilidades para a pesca, incluso con peixes de gran tamaño. Bucean con gran facilidade e para elo axúdanse das ás, podendo baixar a moita profundidade. A partir de febreiro e marzo é raro xa contemplar aves desta especie nas costas da península, sendo os que se poidan ver probablemente inmaduros, xa que as colonias inglesas e bretonas están xa repletas de exemplares reproductores nos anoiteceres destes meses aínda invernais. 

As alcas, xunto cos araos, son unha das especies máis castigadas pola contínua contaminación das augas do mar con residuos petrolíferos e verquidos industriais tóxicos que chegan ó mar desde os grandes estuarios. Na catástrofe do Prestige, segundo os datos rexistrados pola Xunta de Galicia, recolléronse en Galicia 2.861 exemplares, 2.272 deles mortos, e só 589 vivos. Destes últimos, só puideron ser finalmente liberados trala súa recuperación 45 exemplares. E como se sabe, isto foi só a punta do iceberg, posto que moitas máis aves víronse afectadas sin que nunca chegaran a estar en ningún rexistro. No mes de novembro cumpriranse 10 anos daquela catástrofe, que agardemos non se volva producir NUNCA MÁIS. 

Agardo que con esta entrada tódolos que asistístedes á ruta guiada poidades coñecer un pouquiño máis desta fermosa ave, e que poidamos seguir observándoa pola ría de Ribadeo en vindeiras ocasións.


Imágenes y texto propiedad de:
Enrique Sampedro Miranda
Ría de Ribadeo: http://ria-de-ribadeo.blogspot.com

2 comentarios:

  1. Unha moi boa experiencia!!!. E unha oportunidade para comezar a distinguir todo o que a ría de Ribadeo ofrece de vida e natureza. Grazas Quique e ata outra.

    ResponderEliminar
  2. Un pracer Manel. E gracias a ti por pasarme tan rápidamente as fotos e o video.

    ResponderEliminar