Páginas del blog Ría de Ribadeo

domingo, 12 de febrero de 2012

Comunicado da SGO e a SGHN sobre os humidais galegos

Trala celebración do Día Internacional dos Humidais o pasado día 2 de Febreiro, a SGO e a SGHN fixeron público este comunicado, que paso a expoñer na súa integridade.


OS HUMIDAIS GALEGOS: PRESENTE E FUTURO

Comunicado de SGO e SGHN

A Sociedade Galega de Ornitoloxía e a Sociedade Galega de Historia Natural consideran que aprotección dos humidais galegos, en liñas xerais, é suficiente sobre o papel pero amosa eivas moi importantes no campo da súa aplicación real:

-Carencia (case) absoluta de plans de uso e xestión, mesmo para os humidais Ramsar de importancia internacional e a súa contorna (Ribadeo, Ortigueira, Valdoviño, Corrubedo e Umia-Grove-Carreirón).

-Urbanismo e acuicultura mal planificados, ou mesmo fóra de control, na beiramar.

-Contaminación agro-gandeira difusa, roturación de terras marxinais asolagables para "cazar primas" da UE e extracción excesiva de augas para regadío (A Limia, Terra Chá).

-Efectos directos e indirectos dos lumes sobre os humidais de montaña.

A nivel lexislativo é moi lamentable que a nova Lei de Augas de Galicia ignore as zonas húmidas e non adique nen un só artigo á restauración dos sistemas hidrolóxicos degradados na actualidade, nin siquera nas zonas de especial protección das rías (que acubillan os 5 humidais Ramsar galegos) onde, sexa boa ou mala a calidade das súas augas, confórmase con que non empeore.

A nivel executivo é igualmente lamentable que en Galicia a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a Confederación Hidrográfica do Duero (bacía do río Támega) non estean a exercer as súas competencias para garantir "a conservación e o uso racional dos humidais e os seus recursos", como establece a Convención de Ramsar, da que España forma parte.

Por outra banda, bótase en falla a necesaria colaboración entre administracións, universidades e entidades conservacionistas para avanzar na procura dos obxectivos da Convención de Ramsar en Galicia.

Malia esta problemática, os humidais galegos non son só fonte de auga e vida senón tamén de esperanza. Basta darlles unha oportunidade e devolven con creces o esforzo investido.
Hai 13 anos a biodiversidade da lagoa de Cospeito sobrevivía entre augas máis propias dunha alcantarilla. Despois dunha recuperación parcial hoxe é un humedal moi valioso dende o punto de vista botánico e de hábitats. ¿A qué agardamos para unha recuperación máis ampla, que devolva o funcionamento natural a súa contorna inmediata asolagable temporalmente? Unha intervención ben planificada e executada permitiríalle a Cospeito amosar todo o seu potencial faunístico, especialmente ornitolóxico, no caso de dúas aves coas poboacións reprodutoras ameazadas de extinción en Galicia: a avefría e o mazarico.

O éxito sería rotundo se se abordase tamén a recuperación do resto do mosaico de humedais da Terra Chá ... e, sen dúbida, de repercusións internacionais se se recuperase parcialmente Antela e o complexo húmido de A Limia.

Daquela os galegos poderíamonos gabar de que, dende un punto de vista ambiental, por fin Galicia entrou no século XXI.



Enrique Sampedro Miranda
Ría de Ribadeo: http://ria-de-ribadeo.blogspot.com


2 comentarios:

  1. Moito me temo que vamos seguir no século XX, Quique... Aínda que por boas palabras que non quede. Pero á hora de actuar a cagamos. Sempre. Temos un exemplo moi recente...

    A todo isto fíxate nesta frase da declaración (que comparto): "...unha intervención BEN PLANIFICADA E EXECUTADA permitiríalle a Cospeito amosar todo o seu potencial faunístico.."

    Alégrame ver escrito por fin o que é unha evidencia silenciosa. Tal coma comentaba onte mesmo no meu blogue, a actuación de restauración foi unha chapuza que destrozou as esperanzas que moitos tiñamos de ver unha lagoa de Cospeito próxima á versión orixinal.

    Ese vello sono agora semella imposíbel. Acaso van arrincar agora a tremenda masa de salgueiral que se permitiu medrar na "contorna" da lagoa? Van reformar a reforma (valga a redundancia) de hai dez anos? Vaise invertir agora (coa que está caendo!!) no que se puido facer hai dez anos, pero que non se fixo?

    Cospeito vai desaparecer. Será dentro de dez, vinte ou trinta anos... non o sei. Baixo a canaveira de Typha e os salgueirais que a afogan.

    Pero como dí a canción: La culpa fué del Cha-cha-cha... Cha-cha-cha!

    Unha aperta

    ResponderEliminar
  2. Qué pesimista te vexo Xabi. Hai que manter esperanzas, home. Ás veces as cousas sí teñen marcha atrás, e pódense recuperar espazos que parecen perdidos. Ainda que é certo que non estamos nun bo momento para todo isto. A falta de fondos onde primeiro se nota é en actuacións medioambientais. Agora hai outras "prioridades"... Mentres tanto, tentemos non escarallar máis o pouco que queda, e para iso nós podemos poñer o noso graniño, denunciando públicamente todo canto vexamos que atenta contra o medio ambiente.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar