Páginas del blog Ría de Ribadeo

miércoles, 22 de agosto de 2012

Sobre a posibilidade de regular o acceso á praia das Catedrais

Nestes últimos días estase a falar sobre unha posible restricción ou regulación do acceso á praia das Catedrais nun futuro, a propósito dunhas declaracións do alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez. O rexedor ribadense quéixase da escasa axuda prestada polas administracións autonómica e estatal neste asunto, e declara que no caso de que estas administracións non colaboren, será o propio Concello quen tomará medidas pola súa conta para xestionar o acceso á praia.

Así de concorrida está a praia das Catedrais, incluso nun día de choiva.


Non me gusta nada entrar en debates políticos, por evitar polémicas e etiquetaxes absurdas, pero neste caso, tratándose dun tema medioambiental de considerable importancia para Ribadeo, non podo máis que expresar a miña opinión ó respecto. Así pois, e desde un punto de vista estrictamente medioambiental, considero que é urxente tomar medidas para regular o uso que está sufrindo nos últimos anos esta zona de gran valor xeolóxico, ecolóxico e paisaxístico que é a praia de Augas Santas (ou As Catedrais, como máis se lle coñece agora).

Vista aérea da praia, con centos de visitantes no areal, e coches ocupando o contorno.


É incuestionable o impacto que provoca o desmesurado número de visitas que recibe este espazo natural desde fai anos, incrementándose cada vez máis. E recalco o de espazo natural, posto que toda a zona está incluida dentro da rede europea de espazos naturais, a famosa Rede Natura 2000, como LIC (Lugar de Importancia Comunitaria). E tamén forma parte da rede galega de espazos naturais na categoría de monumento natural. Así que, unha vez que a praia e a súa contorna foron incluidas nestas redes, é obriga das administracións públicas velar pola súa protección e correcta xestión. E aquí é onde nos atopamos a ausencia total de calquer plan de xestión, o que está a afectar negativamente á praia, ós cantís e a tódalas zonas colindantes. Un dato que me parece totalmente esclarecedor é o do número de visitantes que recibiu o punto de información turística das Catedrais nunha soa semana, a última, do 13 ó 19 de agosto, que foi de 7.000 persoas. E isto só é o número de persoas que pasaron polo punto de información no seu horario de apertura, que non as persoas que visitaron a praia, que eu penso pode tranquilamente duplicar esa cifra, como mínimo.

Polo tanto, urxe plantexar medidas que regulen non só o acceso á praia, senon a xestión integral de todo o espazo en diversos ámbitos como os accesos de vehículos, zonas máis sensibles que deben ser especialmente protexidas, saneamento, lixo, etc. E como medida que non se pode evitar, hai que plantexar claramente unhas restriccións de acceso, estudiando cal é o número máximo de persoas que poden visitar á vez a praia. Haberá que valorar si é viable ou non cobrar pola visita, si se establecen turnos exclusivos para visitas con guía, si se ten que solicitar con antelación praza, etc. Existen diversas posibilidades, podendo tomarse como modelo outros espazos de similares características.  Seguro que todo isto tamén xerará debate e polémica, pero o que está claro é que hai que actuar canto antes polo ben das Catedrais. E a pesares de informacións confusas, como a que sae hoxe mesmo na prensa, que falan de que a Lei de Costas impide regular este acceso, o certo é que sí se pode regular, e só hai que buscar o xeito de facelo e buscar as posibilidades que ofrece a lexislación para elo.

A praia na preamar, cando por fin o areal descansa, se libra dos visitantes, e se rexenera para o seguinte asalto de visitantes na próxima baixamar.


Os máis nostálxicos temos que pensar que a praia non volverá ser nunca máis aquel lugar pouco coñecido e pouco frecuentado que era fai xa bastantes anos, no que só era coñecida a nivel local e podíamos disfrutar dos arcos, das furnas, das pozas, case en soitario. Os tempos cambian, e o boom turístico sufrido polas Catedrais fixo cambiar tamén a praia. Agora é o momento de adaptarse a estes cambios, e facer o necesario para protexela da mellor maneira posible.


Imágenes y texto bajo licencia Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Ría de Ribadeo: http://ria-de-ribadeo.blogspot.com

4 comentarios:

  1. Coido que deberas pasar a facer algún comentario nas últimas novas dos xornais. O que eu vin é que están comentando só en clave de oportunismo político.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Sí Antonio, eu tamén vexo que o asunto se está politizando, e aí pérdese a obxetividade. Por iso eu quixen dar a miňa opinión, penso que obxetiva, desde un punto de vista estrictamente medioambiental. E desde esa óptica creo que non se pode plantexar outra solución que a de regular o acceso dalgún modo, como dicía, e non hai máis volta de folla.

      Eliminar
  2. Lamentablemente a estos lugares que tanto llaman la atención, sobre todo si se ponen de moda por un anuncio en la televisión o cualquier otra tontería por el estilo, hay un momento en que hay que filtrar el número de personas y vehículos que puedan acercarse.
    Saludos

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Me alegra saber que opinamos lo mismo Jesús. Un saludo.

      Eliminar