Páginas del blog Ría de Ribadeo

miércoles, 13 de febrero de 2013

As denuncias polos verquidos na ría de Ribadeo arquivadas pola Fiscalía


Desgraciadamente, acaba de facerse pública fai escasos días a decisión da Fiscalía de Medio Ambiente do Principado de Asturias sobre as denuncias de verquidos na ría. E digo desgraciadamente, porque a decisión consiste en arquivar as dilixencias. Así pois, as denuncias levadas a cabo pola Plataforma pola Defensa da Ría de Ribadeo e pola Coordinadora Ecoloxista D'Asturies, foron desestimadas. Esas denuncias foran feitas por ambas organizacións en outubro, cando a rotura do emisario de augas fecais sen depurar da marxe asturiana da ría, se fixera escandalosamente evidente (ver vídeo).

Lembremos que xa desde fai anos se veñen observando deficiencias en diversos puntos do emisario submarino que atravesa a ría pola beira asturiana, e que tiña coma propósito evacuar fora do estuario os residuos que directamente, sen depurar, saen dos sumidoiros dos municipios asturianos da Veiga e Castropol. Pero a pesares disto, a situación que se viviu a finais do pasado verán co famoso "geiser" do tesón, foi a gota que colmou o vaso. Isto levou, primeiro á Plataforma, e logo á Coordinadora, a presentar as súas respectivas denuncias. Eu tiven a ocasión de falar daquela tanto con Evaristo Lombardero, representante da primeira, coma con Fructuoso Pontigo, da segunda. Para ambos a situación era clara, o que os levou a presentar estas denuncias ante a Fiscalía. Pero xa entón, Fructuoso se mostraba moi escéptico ante o resultado das mesmas, xa que os precedentes desta Fiscalía con casos similares (verquidos na ría de Villaviciosa), eran negativos. E efectivamente, non lle faltaba razón, á vista dos resultados que agora coñecemos no caso da ría de Ribadeo.

Ría de Ribadeo


No medio de toda esta actividade de denuncias, investigacións por parte da Fiscalía, e agora a resolución, foron moitas as novas que sairon na prensa nos últimos meses sobre este asunto. E aínda que finalmente a Fiscalía opte por arquivar as dilixencias, o que non se pode negar é que ambas denuncias serviron para removela opinión pública sobre este tema, e consecuentemente, que os responsables políticos se viran tamén na obriga de, cando menos, tomar certas decisións que doutro xeito non terían tomado. Compre recordar que o novo goberno do Principado de Asturias prometera incluír nos presupostos de 2.013 a construción dunha depuradora, que tratara tódalas augas residuais dos municipios ribeiregos asturianos. Pero a pesares das promesas, estaba xa a elaborar o borrador de ditos presupostos sen destinar nin un só céntimo a este propósito. E cando saltou este asunto, víronse na obriga de modificalo borrador e incluír unha partida, aínda que pequena e destinada só á elaboración do proxecto, é polo menos algo, cousa que doutro xeito se tería ignorado. Ademais disto, o goberno asturiano anunciou tamén a construción dunha depuradora provisional na Veiga, para tratar en certa medida de paliar os verquidos desta poboación. Veremos si finalmente estes anuncios se confirman, pero como dicía, polo menos os responsables políticos se están sentindo presionados pola opinión pública para tomar cartas no asunto.

Estou seguro de que este tema irá para largo, e mentres tanto, seguiremos vendo como as augas residuais destas poboacións seguirán a verterse nun Humidal de Importancia Internacional da Convención RAMSAR, Reserva da Biosfera, espazo da Rede Natura 2000, Zona de Especial Protección dos Valores Naturais e Humidal Protexido pola Xunta de Galicia, Reserva Natural Parcial do Principado de Asturias, etc., etc., etc. Xa está ben de tanta etiqueta, é hora de actuar en consecuencia, e hai que dicilo alto e claro, aquí non hai outros culpables que os responsables políticos.

Nestes enlaces pódense ver as últimas novas aparecidas na prensa ó respecto da decisión da Fiscalía de Medio Ambiente do Principado de Asturias:

http://elprogreso.galiciae.com/nova/230485-fiscalia-asturias-ve-delito-vertidos-ria-ribadeo?lang=gl

http://elprogreso.galiciae.com/nova/230705-denunciantes-vertido-ria-ribadeo-ven-coherencia-fiscalia

Ría de Ribadeo


Imágenes y texto bajo licencia Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Ría de Ribadeo: http://ria-de-ribadeo.blogspot.com

5 comentarios:

  1. O das fecais nas rías é tremendo, Quique. En Ferrol hai unha liña de emisario feita desde hai moitos anos que aínda non funciona porque a depuradora non está operativa nesa zona. Contábame un colega de Bazán que cando comece a funcionar vai haber que rparar antes o enisario, que estará completamente enferruxado.

    E xa sabes como penso. Se nas épocas de "bonanza" non se fixo nada, agora.....

    Unha aperta e ánimos. Cun pouco de sorte o mar (que traballa máis do que pensamos) há limpar toda esa merda axiña.

    ResponderEliminar
  2. Pois sí, coma ben dices, si en época de vacas gordas non se fixo nada, agora que veñen fracas, estamos apañados. Pero seguiremos dando a lata para que se nos faga caso.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  3. Este comentario ha sido eliminado por el autor.

    ResponderEliminar
  4. Vuelvo a escribir, que cometí una errata.
    El hecho de que no prosperen las denuncias públicas ni las iniciativas parlamentarias populares hace que uno dude de la democracia que tenemos... aparte de otras cosas....
    Triste.
    Saludos

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Sí, porque como dicen los denunciantes, no parece muy justo que para dictaminar, el Fiscal se base en un informe del supuesto infractor, que es el propio Principado de Asturias.
      Un saludo Jesús.

      Eliminar