Páginas del blog Ría de Ribadeo

martes, 5 de marzo de 2013

Temporada alta na charca de Rinlo

Estamos comezando a época da migración prenupcial das aves. Nas próximas semanas e meses, as aves migradoras realizan os seus habituais desprazamentos entre as súas zonas de invernada e as de cría. Deste xeito, moitas das aves que pasaron o inverno na nosa costa, abandónannos para ir reproducirse a latitudes máis norteñas, mentres que outras especies que pasaron o inverno no Sur (principalmente África), veñen reproducirse a Europa. Moitas destas aves realizan as súas viaxes migratorias seguindo as liñas da costa, é dicir, bordeando o continente. E loxicamente, en viaxes deste tipo, de centos ou milleiros de quilómetros de distancia, as aves precisan de facer determinadas paradas para descansar e alimentarse. Un deses lugares é a ría de Ribadeo, na que, ó igual que noutras rías e humidais do Cantábrico, se poden observar especies que son difíciles de ver noutras épocas do ano. Pero ademais destes humidais de recoñecida importancia internacional, existen outros moitos lugares que, pasando máis desapercibidos, teñen tamén a súa importancia para as aves que os utilizan. E este é o caso da charca de Rinlo.

Gaivotas, zaconelas e lavancos na charca

A superficie atópase nestes momentos completamente inundada


Esta pequena zona húmida, pola súa estratéxica localización pegada totalmente ó mar, fai que sexa moi visible para as aves que pasan en migración pola costa, actuando coma unha auténtica "área de descanso", similar ás que os humanos utilizamos nas autoestradas, si se me permite a comparación. A súa situación actual, completamente chea debido ás persistentes choivas deste inverno, é óptima, polo que son xa moitas as aves que están a recalar nela. Así pois, non é de estrañar que este sexa un punto moi bo para observar rarezas, como xa contei noutras ocasións no blog. E un claro exemplo é a presenza estes días dunha cerceta do estío (cerceta carretona / Anas querquedula). Avisado por Pablo Miki García, o domingo fun con el a ver si seguía por alí, e efectivamente, alí estaba.

Cerceta do estío (dereita) xunto a un lavanco (esquerda)


Trátase da segunda que observo neste mesmo lugar, tras outra vista en abril do 2011 (ver entrada). Xunto coa cerceta, destacaba tamén a presenza dunha femia de pato cristado (porrón moñudo / Aythya fuligula), ademais de varios lavancos (ánade real / Anas platyrhynchos), patos culler (pato cuchara / Anas clypeata) e algún mergullón pequeno (zampullín chico / Tachybaptus ruficollis).

Femia de pato cristado

Cerceta do estío (esquerda) xunto co pato cristado (dereita).

Parella de lavancos


En canto a limícolas, observamos unha píllara real (chorlitejo grande / Charadrius hiaticula), 3 zaconelas (avefría / Vanellus vanellus), unha becacina (agachadiza común / Gallinago gallinago) e un bilurico bailón (andarríos chico / Actitis hypoleucos).

Píllara real

Zaconelas

Ainda que custe velos, aí hai unha becacina (esquerda) e un bilurico bailón (dereita)


Por último, había tamén coma é habitual gaivotas patiamarelas (gaviota patiamarilla / Larus michahellis) e escuras (gaviota sombría / Larus fuscus) e unha fermosa pica dos prados (bisbita pratense / Anthus pratensis).

Pica dos prados


Despois de ver todo o que había na charca, achegámonos ata a terceira cetárea para botar unha ollada á Pena Corveira, onde como non  podía ser doutra forma, estaban os habituais corvos mariños, tanto o grande (cormorán grande / Phalacrocorax carbo) coma o cristado (cormorán moñudo / Phalacrocorax aristotelis).

Pena Corveira

Corvo mariño grande (esquerda) e corvo mariño cristado (dereita) coas ás estendidas 


E nos penedos do lado, un nutrido grupo de píllaras cincentas (chorlito gris / Pluvialis squaratola) e algún virapedras (vuelvepiedras / Arenaria interpres).



Nesta mesma mañá ornitolóxica pola costa co amigo Pablo, posteriormente dirixímonos á zona asturiana da comarca. Pero para non estenderme demasiado e aburrir ó persoal, déixoo para a seguinte entrada.


Imágenes y texto bajo licencia Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda

4 comentarios:

  1. Estupenda jornada. Ya quisiera yo ver esas preciosas anátidas. Vaya gozada, ya me enseñarás esa charquita el próximo año si voy por allí en invierno. Un saludo, Gonzalo Criado.

    ResponderEliminar
  2. Ayer me pasé por Rinlo y en la charca ya no estaba la carretona. Seguía la hembra de moñudo y un grupo de unos 20 patos cuchara. Lo más interesante era una pareja de Barnacla carinegra que pastaban en una de las isletas, aqui te dejo un video
    http://youtu.be/yA3RUj3a9G4

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Hola David. Gracias por la información y por el vídeo. Es curioso lo de las barnaclas. Ya se había visto una hace unos meses ahí, y ahora estas dos. Parece que les gusta ese lugar en sus pasos, como a otras especies que también se dejan caer ahí. Un saludo.

      Eliminar