Páginas del blog Ría de Ribadeo

lunes, 26 de agosto de 2013

Paso de aves migratorias pola ría de Ribadeo

O mesmo día que estivemos en Rinlo, decidimos dar tamén unha volta pola ría para ver o que había. E non era pouco, xa que como dicía na anterior entrada, moitas aves están xa en plena migración posnupcial.

Pasamos primeiro polo Muro das Lamas, onde se acumulaban os mazaricos e biluricos, por estar a marea chea.



Estas son as cifras por especie que contamos nesta zona da ría:
- Mazarico real / Zarapito real / Numenius arquata: 55
- Mazarico chiador / Zarapito trinador / Numenius phaeopus: 47
- Bilurico pativerde / Archibebe claro / Tringa nebularia: 52
- Bilurico común / Archibebe común / Tringa totanus: 3
- Píllara real / Chorlitejo grande / Charadrius hiaticula: 8
- Pirlo común / Correlimos común / Calidris alpina: 2
- Garzota / Garceta / Egretta garzetta: 1



Posteriormente fomos á enseada da Lieira, en concreto, á praia de Salías. Alí puidemos observar sobre todo gaivotas: patiamarela (Larus michaellis), gaivotón (Larus marinus), chorona (Chroicocephalus ridibundus)... Pero entre elas, chamáronnos tamén a atención varias cabecinegras (Larus melanocephalus).



Tamén na Lieira puidemos observar a presenza dun mergullón cristado (Podiceps cristatus). Estaba bastante lonxe e as fotos non son nada boas, pero pódese identificar o animal.




Noutra zona da ría tamén puidemos ver ó exemplar de aguia pescadora (Pandion haliaetus) que leva todo o ano aquí. Como xa se contou neste blog en anteriores entradas, ademais da famosa "Panchita", que acaba de criar en Francia e agardamos volva outro ano máis a invernar ó noso estuario, pasaron este ano varios exemplares de pescadora pola ría. E unha delas, quedou con nosoutros a pasar a época estival, o que a fai especial. Pablo García mándame estas fotos sacadas a primeira o pasado inverno, e a segunda fai escasos días.

Foto: Pablo García, "Miki".


Imágenes y texto bajo licencia Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario