Corvos mariños cristados / Phalacrocorax aristotelis / Cormoranes moñudos |
O pasado domingo saín dar outra voltiña rápida pola costa de Ribadeo, aproveitando que non había día de praia. Como comentaba na anterior entrada, xa se poden ver aves en paso migratorio, e a nosa costa é un lugar ideal para a súa observación. Sen enbargo, ademáis destas aves "de tempada", existen tamén outras aves mariñas que se poden observar durante todo o ano por aquí, coma é o caso dos corvos mariños cristados (Phalacrocorax aristotelis). A Punta Corveira, en Piñeira (Ribadeo) é un lugar no que soen pousarse para secar as súas ás entre mergullo e mergullo.
Pena Corveira |
Os corvos mariños en Pena Corveira |
Neste grupiño deles, había un exemplar anelado. Leva, ademáis da correspondente anela metálica na pata dereita, unha anela vermella na esquerda co código H4 en branco. Trátase dun vello coñecido, un dos corvos mariños anelados na veciña colonia asturiana das Pantorgas por David Álvarez.
Exemplar coa anela H4 |
Xa lle pasei os datos desta observación a David, e a falta da súa resposta
cos últimos avistamentos do animal, pódovos deixalos datos da anterior
vez que o observara, á que habería que engadir esta nova observación. H4 foi anelado na Forcada, ó este de Tapia de Casariego, o 4 de maio do 2012, e observado nas seguintes ocasións:
Observación | Lugar Obs | Observador |
20/05/2012 | A Forcada | Ángeles Pastur |
18/06/2012 | A Forcada | Ángeles Pastur |
05/07/2012 | A Forcada | Ángeles Pastur |
15/07/2012 | A Forcada | Ángeles Pastur |
08/08/2012 | A Forcada | Ángeles Pastur |
12/03/2014 | Punta Feleiros (Ribadeo) | Carlos Murias |
17/04/2014 | Pta. Corveira, Rinlo (LU) | Enrique Sampedro |
Por alí andaba tamén unha gaivota patiamarela (Larus michahellis) adulta. Ainda que moi comúns, non deixan de ser fermosas, e ben merecen unhas fotos.
En canto ás aves en paso observadas este día, ademáis de mazcatos (Morus bassanus), gaivotas (Larus spp.), bandos de pentumeiros (Melanitta nigra) ou mazaricos (Numenius spp.), o máis interesante foi observar as primeiras pardelas baleares (Puffinus mauretanicus) deste verán. Trátase ésta da única especie endémica de pardela de España, e como o seu nome indica, cría únicamente nas Baleares. Despois do periodo de cría, dispérsanse polo Mediterráneo e tamén polo Atlántico e o Cantábrico, onde permanecerán alimentándose durante a muda da súa plumaxe. Unha vez finalizada esta etapa, regresan ás Baleares para pasalo inverno. Nesta viaxe de regreso atópanse xa algúns exemplares, que son os que se poden observar desde a nosa costa estes días, pasando en dirección oeste.
Mazaricos en paso |
Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com
No hay comentarios:
Publicar un comentario