Para despedir o ano traio ó blog as fotos da miña última saída neste 2013 pola ría de Ribadeo. Fíxena onte mesmo, só pola beira galega, xa que non dispuña de moito tempo. Estaba a marea chea, e comecei botando un vistazo polos muelles de Ribadeo. No espigón norte da escolleira da lonxa descansaba este grupo de corvos mariños (Phalacrocorax carbo) xunto con varias gaivotas patiamarelas (Larus michaellis) e gaivotóns (Larus marinus).
Na parte sur da escolleira fotografiei máis de preto dúas das especies citadas anteriormente. A primeira, unha gaivota patiamarela e a segunda un gaivotón, de segundo inverno si non me equivoco. Había tamén un corvo mariño grande pescando polo interior da dársena.
Desde aquí, tras pasar pola praia dos Bloques onde estaba o mar tan picado que era imposible ver nada, fun directo ó observatorio de Reme. Alí, tamén debido ó forte vento do sur e ás condicións do mar, non estaban os habituais bandos de anátidas.
Ría de Ribadeo desde o observatorio de Reme |
Así que tras uns breves minutos mirando polos prismáticos sin éxito, fun á desembocadura do Río Grande no Muro das Lamas. Por sorte, alí sí que había máis movemento, e puiden entreterme observando e fotografiando este bando mixto de biluricos pativerdes (Tringa nebularia) e patirrubios (Tringa totanus).
Entre os biluricos patirrubios apareceu este bilurico bailón (Actitis hypoleucos) que non vira nun primeiro momento.
Mirando cara ó norte do Muro das Lamas, puiden ver tamén que unha das aguias pescadoras da ría estaba polos arredores dun dos pousadoiros, e casualmente, nunha destas botou a voar en dirección sur, polo que me pasou por diante (ainda que a bastante distancia).
Máis tarde apareceu un bando de cercetas (Anas crecca), e entre elas, varios mazaricos reais (Numenius arquata) ademáis dos biluricos.
E para rematar esta entrada, e o ano 2013, esta foto da zona interior da ría, onde se aprecia o efecto do forte vento do sur (vendaval, como lle chamamos por aquí) sobre a superficie do mar.
Imágenes y texto bajo licencia Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com
No hay comentarios:
Publicar un comentario