Estamos en plena temporada invernal, e a ría de Ribadeo está a rebosar de aves por todas partes. Mires cara a onde mires, hai cousas interesantes, xa que son moitas as especies que se poden observar. Na miña última visita, din boa fe delo, e aquí vos traio un resumo.
Comecei a miña ruta pola enseada da Lieira. Desde a praia de Salías (Castropol) o primeiro que me chamou a atención foi o numeroso grupo de cullereiros (Platalea leucorodia) que había. Contei 16, un número nada modesto. Cada vez é máis abundante a presenza desta especie na nosa ría, podendo decirse xa que se trata dunha invernante habitual. Mentres estaba alí, apareceu o meu amigo Pablo García, co que estiven un rato falando, e me contou que facía uns días contaran ata 18 exemplares.
Entre este grupo de cullereiros había un anelado. Non conseguín velo ben nin collelo en ningunha foto (tampouco o intentei demasiado, a verdade). Pero polas características das anelas que se lle poden ver, atreveríame a dicir que se trata dun animal anelado en Holanda. Veremos si outro día consigo verlle mellor as anelas, o algún dos habituáis da ría (Pablo e compañía) o fan, e se confirma este dato.
Xunto cos cullereiros, o máis destacado por esta zona era a presenza dun bando de mazaricos reais e chiadores (Numenius spp.), 14 biluricos pativerdes (Tringa nebularia) e dous mazaricos rabinegros (Limosa limosa). Polo medio deles, ademáis de gaivotas patiamarelas (Larus michaellis), escuras (Larus fuscus) e choronas (Chroicocephalus ridibundus), había tamén varias garzotas (Egretta garzetta) e algúns pilros comúns (Calidris alpina).
Panorámica na que se aprecian 4 cullereiros, garzotas, gaivotas e o grupo de limícolas. |
Gaivotas, mazaricos, e os dous mazaricos rabinegros no medio. |
Un solitario pilro común no medio dos "xigantes" |
Nos penedos próximos á praia fixo acto de presencia un dos habituais desta zona, o martín pescador (Alcedo atthis).
E no interior da enseada, grandes bandos de patos asubiadores (Anas penelope), e lavancos (Anas platyrhynchos) andaban dun sitio para outro. Mentres, máis dunha decea de garzas reais (Ardea cinerea) estaban pousadas na beira oposta.
Pero non todo ía ser mirar ó mar, e encargouse de recordarmo un fermoso paxariño, que me fixo virarme ó ver algo moverse polo rabiño do ollo. Tratábase desta carriza dos xuncos (Cisticola juncidis) que se pousou nun silveiro mentres a retrataba.
Para finalizar esta primeira parte, citar tamén que na entrada da enseada puiden ver un par de pentumeiros (Melanitta nigra), pero demasiado lonxe como para sacarlles foto. A parte da mobella ártica (Gavia artica) da que falei na anterior entrada (ver entrada), e da que volvo colgar aquí dúas fotos.
Remata así esta primeira parte, aclarando que decidín facer dúas entradas coas observacións e fotos deste día, porque de facelo só nuhna, quedaría demasiado pesada. Así que vos emprazo a seguir atentos a "Ría de Ribadeo" para ver o que deparou o resto da xornada.
Enseada da Lieira |
Enrique Sampedro Miranda
Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com
Boas Enrique, moi boa observación a da Mobella ártica! O culleireiro anelado do que falas observeino o 1 de Novembro, e logrei lerlle o código de cores: a,B,L/Y,Yf,R. Efectivamente, está anelado en Holanda. Xa contactei hai varias semanas, e está en proceso de tramitación, aínda que me avisaron de que desta volta ía tardar, pois creo que o responsable do anelamento (un tal Otto) está enfermo. En canto seipa algo fareicho saber! Apertas.
ResponderEliminarOla Óscar! Pois mira, alégrome de que puideras ler a anela, así enterarémonos do historial da ave. Así que espero poder velo pronto no "Pailebote Branco" ; ) E qué mala sorte que Otto estea enfermo, porque si non, manda os datos dun día para outro.
ResponderEliminarVeňa Óscar, un abrazo e a ver si coincidimos nas navidades e paxareamos xuntos algún día.
Umm.. ¿non te confundirías de foto, Quique? Eses Mazaricos parecen talmente reais. Compara co tamaño das colinegras, que deberan ter unha talla semellante, ou coas gaivotas. Ademáis do ton pardusco máis "cálido" que parece que teñen (non tan cincento como o habitual nos phaeopus). Ademáis hai ún que non está a durmir e ten un bico apreciablemente longo. Demasiado para un chiador, creo.
ResponderEliminarUnha aperta.
Estou repasando a foto e si que é posíbel que haxa algún phaeopus polo medio,pero parece que maioritariamente son arquata. Cando están mesturados pode ser moi delicada a identificación certamente; sobre todo cando están descansando coa cabeza agochada.
ResponderEliminarBoa reportaxe, ¡¡que periodista se perdeo!! aunque ainda estas a tempo, dende logo e o teu, pra min que poderias haber posto todo nua soa entrada porque resulta de todo menos cansina, deixachenos ca mel nos beizos.En canto a os mazaricos estou con Xabi, son arquata, saudos!!!!
ResponderEliminarSí, sí, voume dedicar mellor ó periodismo, que igual se me da mellor que os páxaros... ja, ja, ja. Xa está correxido. Deixámolo logo en que hai das dúas especies, e así non quedo tan mal : )
ResponderEliminar