Despois de analizar polo miúdo o Plan de Conservación da Praia das Catedrais (ver Parte I), toca agora falar de como está sendo a súa posta en práctica, iniciada este verano. A mediados de xullo visitei en persoa a praia para coñecer de primeira man os cambios. Ademais das miñas propias impresións, quixen tamén coñecer as das persoas que traballan alí a diario, para obter diferentes puntos de vista. Pero comezarei polas miñas...
O primeiro que se ve ó chegar á zona é que seguen os problemas de aparcamento ante a enorme cantidade de xente que se achega en vehículo propio, que é a maioría. Os aparcadoiros máis próximos ó areal están sempre cheos nas horas punta (baixamar), e habilítanse outros en prados máis lonxanos, para os que se instala carteleiría e sendeiros que levan á xente ata a praia. Tamén os autobuses con excursións se ven obrigados a parar por aquí para deixar a xente, ante a saturación do aparcadoiro principal.
Xa no entorno da baixada, aínda que con moita xente, a miña impresión é que hai menos cantidade que en anos anteriores, na que se podían ver aglomeracións que realmente asustaban. Pódese deducir que moitas persoas que non teñen o acceso sacado, abstéñense de acudir sabendo que non van poder baixar. É dicir, hai unha maior planificación e distribución das visitas. Por certo, esta é a web na que se debe facela reserva para visitar As Catedrais: https://ascatedrais.xunta.es Aproveito para aclarar tamén que a reserva é totalmente gratuíta, xa que hai que ten dúbidas a este respecto.
Antes de baixar á praia, estiven vendo como está a parte superior dos cantís, que como dicía na primeira parte deste artigo (ver Parte I), é unha das zonas máis afectadas pola morea de visitantes que pasan por aquí. A pesares dalgúns carteis e balados que impiden o paso a determinados lugares, a maioría do espazo segue a estar sen ningún tipo de control, e a degradación é máis que evidente.
Nestas zonas é onde urxe agora actuar. No plan está previsto que así se faga, delimitando o acceso unicamente polos sendeiros que se habiliten, e rexenerando a cuberta vexetal orixinaria nas zonas que agora están degradadas. Proponse como solución facer unha pasarela elevada de madeira, como a existente na zona occidental deste mesmo espazo. Este método está a dar moi bos resultados, xa que nesa zona a conservación da cuberta vexetal é practicamente completa, posto que a xente non pode (aínda que sempre hai algún que outro túzaro) saírse da pasarela, e polo tanto non se pisotea o chan, persistindo a cuberta vexetal mesmo por debaixo da pasarela. Agardemos que estas medidas se apliquen pronto, si é que finalmente é o que se decide facer tamén aquí.
Tamén se contemplan no plan medidas para paliar o impacto visual do famoso restaurante. Como dicía no anterior artigo, hoxe en día, con este plan en vigor, non se podería facer este despropósito que unicamente serve a intereses privados. Por desgraza, o mal xa está feito, e agora o que propón o plan e tentar mitigar os seu impacto.
Aprézase por todas partes un aumento da sinalización vertical que advirte dos perigos de achegarse á beira dos cantís. Pero coma sempre, este tipo de indicacións non soen ser moi respectadas polos visitantes.
Aínda que hai veces que sería mellor non poñer nada. Fixádevos nesta sinal de perigo por desprendementos. ¿Non habería outra forma de poñela que non fora colgada do propio cantil? Desde logo, esta sinal é todo o contrario ó que debería ser unha correcta protección da praia. En primeiro lugar porque o seu impacto visual é tremendo. E en segundo lugar porque está pendurada na rocha. Catro furados de taladro sobre o substrato de lousa que precisamente se pretende protexer. Lamentable...
A pé de praia as medidas aplicadas trala entrada en vigor do Plan de Conservación (lembremos que a súa aplicación comezou o día 1 de xullo deste 2015) son máis evidentes. En primeiro lugar, como dicía, porque o límite de persoas permitidas diariamente fai que non se vexan as escandalosas aglomeracións de pasados anos.
E outra das diferencias que tamén se aprecian moi positivamente é que o persoal da Xunta non deixa subirse ós cantís, nin a determinados lugares, coma o famoso arco interior da praia. Por aquí antes gabeaban centos de persoas a diario, o que ademais de dar unha imaxe feísima desta formación rochosa, sen dúbida estaba danando a súa parte superior.
Outra medida que se aprecia a simple vista é a inexistencia de cans no areal, xa que o persoal de vixilancia ocúpase de que estes animais non poidan baixar. Lembremos que estamos nun espazo natural no que está prohibida a súa presenza, aínda que antes se fixese caso omiso á normativa.
A pesar de todas estas medidas positivas que se aprecian xa, a praia segue a acoller moitísimos visitantes, xa que as 4.812 persoas permitidas diariamente non deixa de ser un número elevado. Ainda que agora vos conto outra cousa sobre esta cifra... En calquera caso, na miña opinión nun futuro haberá que regular tamén determinados lugares polos que non se debería deixar pasar, xa que miles de persoas saltando diariamente polos penedos, evidentemente impactan moi negativamente sobre a fauna que vive nestes ecosistemas (lapas, percebes, mexillóns, chícaros...).
O tirón das Catedrais segue a ser incrible, como podemos ver a diario este verán coa presenza de novas nos medios de comunicación de todo tipo. Este día topeime cun dos periodistas televisivos de moda facendo unha reportaxe para a súa canle.
Por último, e como vos adiantaba anteriormente, grazas a esta visita in situ percateime dunha cousa da que non se ten falado moito. Resulta que o cupo de 4.812 persoas non é estrito, xa que existen, polo menos, e que eu saiba, tres modos de acceder á praia e que non están sendo contabilizados dentro deste cupo que debería de ser límite. Son estas:
1. A asociación de hostaleiros de Ribadeo chegou a un acordo coa Xunta de Galicia para que os turistas que se aloxen nos hoteis da vila, teñan garantida unha praza de acceso á praia no caso de que non teñan feito a reserva pola súa propia conta. Así que aquí hai un número extra e indeterminado de persoas que accederán á praia fora do cupo establecido.
2. Hai un servizo de bus turístico xestionado pola empresa Eocar que leva varias viaxes diarias de persoas desde Ribadeo ata a praia, e que inclúen o acceso á mesma. E tampouco se contabilizan dentro do cupo.
3. O Concello de Ribadeo organiza un servizo de rutas turísticas guiadas (Xeorutas), para a interpretación do litoral e das súas formacións. Son varios grupos diarios, e cando coinciden coa baixamar (ata 60 persoas), tamén inclúen a visita á praia.
En resumo, na práctica o número de persoas que acceden á praia calculo que poderá roldar as 5.000 persoas. Non creo que sexa algo moi determinante, pero é curioso que finalmente a famosa cifra das 4.812 visitas máximas diarias non é real.
E despois de ter a miña propia opinión sobre a aplicación práctica do Plan de Conservación do Monumento Natural da Praia das Catedrais, quixen tamén coñecer a opinión das persoas que están alí a diario. Estas son algunhas desas opinións, que recollín para traervos ó blog.
- Persoal de Tragsa contratado pola Xunta de Galicia para controlar os accesos á praia e vixiar o cumprimento da normativa: aprecian melloras trala entrada en vigor do plan, xa que poden tomar medidas coma non deixar subir á xente polos cantís, prohibir a entrada de cans, ademais de contar coa presenza e apoio diario durante varias horas de axentes medio-ambientais da Xunta, que antes non estaban tan constantemente alí. A súa percepción é que en xeral os visitantes entenden e aceptan as novas medidas.
- Guías das Xeorutas organizadas polo Concello. Son rutas guiadas e gratuítas, que consisten na interpretación do litoral, e na visita á praia cando é marea baixa. Os guías perciben que as rutas máis numerosas son precisamente as que coinciden coa baixamar. Din que a xente entende as medidas adoptadas, que lles parece ben o límite de accesos, a eco-taxa nos aseos, e que mesmo moitos se estrañan de que as rutas, o aparcamento e o acceso á praia sexan gratuítos.
- Socorristas contratados polo Concello de Ribadeo: igual que o persoal de Tragsa, notan a presenza dos axentes medio-ambientais, que vixían moito máis estritamente aspectos como que os visitantes non collan percebes dos cantís, que non se suban neles, que non entren con cans... Ven negativo que os ribadenses xa non poidan acudir a esta praia libremente a bañarse ou pasear, xa que a necesidade de reserva fará que na práctica a praia sexa exclusivamente un lugar de visita.
- Persoal do Concello de Ribadeo que xestiona o uso dos aseos públicos: os novos aseos construídos polo Concello fai uns anos, máis alonxados da beira da praia e con mellores instalacións e menor impacto, teñen unha eco-taxa de utilización de 50 céntimos. Segundo os traballadores do Concello, en xeral a eco-taxa é ben aceptada e comprendida polos visitantes. En poucas ocasións se atopan con protestas sobre este servizo. Tamén notan comprensión coas novas restricións de acceso á praia.
- Bus Praia: trátase dun servizo ofrecido pola empresa Eocar de Ribadeo. En principio iniciou o servizo facendo 3 viaxes diarias desde Ribadeo ás Catedrais, cun bus de 30 persoas. Pero prevese que se poida ampliar en momentos de maior afluencia, como pode ser o mes de agosto. A viaxe custa 2 euros para os adultos e 1 para os nenos, e inclúe o permiso de acceso á praia. O bus déixate alí e volve recollerte a unha hora predeterminada. Os seus clientes teñen o acceso garantido á praia, polo que non perciben moitas diferencias con temporadas anteriores.
- Enquisadores. A Xunta de Galicia contratou os servizos duna empresa externa que está a facer enquisas ós visitantes para coñecela súa opinión. Falando cun destes enquisadores, o resumo que me facía é que polo xeral a xente valora positivamente a situación xeral da praia, así como as restricións adoptadas este ano. Ven sen embargo falta de información dos visitantes sobre o sistema para a reserva de prazas, e moitos deles atópanse con isto ó chegar alí.
Remato aquí esta serie de dous artigos sobre a situación da Praia das Catedrais trala implantación do novo plan de conservación. Agardo que vos teña servido para facervos unha idea de como están a ser estes primeiros meses. Queda aínda moito por facer, e veremos se co paso do tempo se van afianzando as medidas adoptadas, e desenvolvendo outras novas que permitan mellorar o estado de conservación desta marabilla natural, e protexela de cara ó futuro.
Enlaces relacionados:
Plan de Conservación da Praia das Catedrais. Análise do plan (Parte I).
Imaxes e texto baixo licenza
Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com