Páginas del blog Ría de Ribadeo

domingo, 3 de abril de 2016

Observando aves pola costa galaico-asturiana

Como non podía ser doutra forma, durante a Semana Santa estiven en Ribadeo. E como tampouco podía ser doutro xeito, busquei o momento para sair dar unha voltiña cos prismáticos para observar aves. Desta vez, en lugar de centrarme na Ría de Ribadeo como fago noutras ocasións, decidín percorrer a costa, desde Rinlo ata Penarronda. Non vin moita cousa, nin nada digno de especial mención, pero non importa. O paseo en sí xa merece a pena, e poder gozar da beleza da nosa costa é xa de por sí suficiente satisfacción.





Comecei por Rinlo, como dicía. Na Pena do Corvo había uns cantos corvos mariños cristados (Phalacrocorax aristotelis) xunto cun lampareiro (Haematopus ostralegus).





A charca de Rinlo está chea de auga, despois das abundantes choivas destes últimos meses. Ainda que este día non había ninguha das rarezas que por alí se poden ver. Uns cantos lavancos (Anas platyrhynchos) e pouco máis.


Charca de Rinlo




De aquí fun directo á veciña Asturias, para botar unha ollada na praia de Penarronda. Pero os surfistas e paseantes do areal (cans incluídos) non debían ser unha grata compaña para as aves, xa que non había nin unha soa sobre a area. Así que me centrei en observar pequenos paseriformes na zona dos merendeiros. Así, estiven vendo paporrubios (Erithacus rubecula), chascos (Saxicola torquatus), reiseñor bravo (Cettia cetti), papuxa das amoras (Sylvia atricapilla), tordo (Turdus philomelos) ou esta tímida escribenta común (Emberiza cirlus).





Logo fun ata a área recreativa de Arnao. A charca está tamén chea de auga. Pero a parte dun mergullón pequeno (Tachybaptus ruficollis), unha lavandeira branca (Motacilla alba) e un par de andoriñas (Hirundo rustica), pouca cousa máis.



Mergullón pequeno



E para rematar a ruta collín camiño da Ría de Ribadeo. Antes, nos prados de Barres, puiden ver varios bandos de garzas boieiras (Bubulcus ibis) alimentándose xunto ó gando. De Barres fun ata a Castropol, xa na ría, onde vin mergullón de pescozo negro (Podiceps nigricollis), corvo mariño grande (Phalacrocorax carbo), gaivotas patiamarelas (Larus michahellis) e escuras (Larus fuscus), carrán cristado (Sterna sandvicensis), garzotas (Egretta garzetta) e garza real (Ardea cinerea).


A ría desde Castropol



Despídome con esta foto desde a beira galega da Ría de Ribadeo. Concretamente do Cargadeiro, onde recentemente instalaron un panel co folleto sobre a observación de aves na ría que elaborei para o Concello. Todo un orgullo ver nesta zona tan especial para min o panel co meu folleto. Espero que sirva para que moita da xente que pasa por alí poida descubrir parte da riqueza da nosa ría.




 
Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com