Páginas del blog Ría de Ribadeo

Mostrando entradas con la etiqueta phalacrocorax aristotelis. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta phalacrocorax aristotelis. Mostrar todas las entradas

lunes, 29 de junio de 2026

Calma chicha na costa

O remate de xuño deixou varias xornadas na costa de Ribadeo cunha imaxe máis propia de agosto que de San Xoán. O mar amencía practicamente en calma, cunha superficie apenas alterada por pequenas ondulacións e ceo completamente despexado. As condicións eran excelentes para percorrer a costa e deter a vista sobre os distintos penedos e illotes, xa que a ausencia de mar de fondo permitía observar con claridade recunchos que noutras ocasións permanecen ocultos entre a escuma das ondas.


Á tranquilidade do mar uníase unha temperatura sorprendentemente elevada para un mes de xuño na Mariña. Aínda que nos últimos anos os episodios cálidos son cada vez máis frecuentes, segue chamando a atención atopar valores propios de pleno verán nunha comarca caracterizada habitualmente pola influencia moderadora do Cantábrico. A ausencia de vento contribuía a aumentar esa sensación de calor, facendo que a paisaxe costeira ofrecese un aspecto case estival.

Con estas condicións a xornada resultou bastante tranquila tamén desde o punto de vista ornitolóxico. Sen grandes movementos ao longo da costa, algo relativamente frecuente nestas datas, cando xa remataron os pasos migratorios de primavera e aínda falta tempo para que comece a apreciarse o movemento posnupcial. Os individuos observados correspondían, na súa maior parte, ás especies habituais da zona, sen novidades dignas de mención.


O aspecto máis interesante atopábase no Penedo do Corvo. Alí permanecían varios corvos mariños cristados, descansando sobre as rochas aproveitando a completa calma do mar. A súa presenza sempre resulta atractiva, xa que se trata dunha especie estreitamente vencellada aos cantís e ás costas rochosas do litoral cantábrico e atlántico. Desde a distancia podían observarse alternando longos períodos de repouso con pequenos desprazamentos entre as distintas plataformas do penedo.






O corvo mariño cristado é unha ave perfectamente adaptada á vida mariña. Aliméntase fundamentalmente de peixes que captura mergullándose con gran habilidade, podendo permanecer baixo a auga durante un tempo considerable. Fóra dos momentos de alimentación é frecuente velo pousado nas rochas costeiras, onde descansa ou seca a plumaxe tras as inmersións. A silueta escura destes exemplares destacaba con nitidez sobre a cor clara da pedra, converténdose no principal foco de interese dun día sen demasiadas sorpresas.


A calma do mar permitía ademais apreciar os numerosos detalles da costa que ás veces pasan desapercibidos cando o estado da mar é máis bravo. A transparencia da auga e a ausencia de escuma ofrecían unha perspectiva diferente da habitual, mostrando un litoral sereno que contrastaba coa imaxe máis frecuente deste tramo costeiro durante o inverno ou nos días de temporal. Por exemplo, esta panorámica da costa de Rinlo, e ó fondo as praias dos Castros e As Illas. Como podedes apreciar, estas fotos parecen máis dun mes de agosto...



Non todas as saídas ao campo deixan observacións excepcionais nin especies pouco comúns. En moitas ocasións, o verdadeiro interese reside precisamente en comprobar como evoluciona o espazo natural nas diferentes épocas do ano e baixo distintas condicións meteorolóxicas. Xornadas como esta permiten gozar da paisaxe con calma, observar o comportamento das especies máis habituais e valorar a riqueza dun medio que, mesmo nos días aparentemente máis tranquilos, segue ofrecendo motivos para volver unha e outra vez.


Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons

Enrique Sampedro Miranda

Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com


domingo, 3 de abril de 2016

Observando aves pola costa galaico-asturiana

Como non podía ser doutra forma, durante a Semana Santa estiven en Ribadeo. E como tampouco podía ser doutro xeito, busquei o momento para sair dar unha voltiña cos prismáticos para observar aves. Desta vez, en lugar de centrarme na Ría de Ribadeo como fago noutras ocasións, decidín percorrer a costa, desde Rinlo ata Penarronda. Non vin moita cousa, nin nada digno de especial mención, pero non importa. O paseo en sí xa merece a pena, e poder gozar da beleza da nosa costa é xa de por sí suficiente satisfacción.





Comecei por Rinlo, como dicía. Na Pena do Corvo había uns cantos corvos mariños cristados (Phalacrocorax aristotelis) xunto cun lampareiro (Haematopus ostralegus).





A charca de Rinlo está chea de auga, despois das abundantes choivas destes últimos meses. Ainda que este día non había ninguha das rarezas que por alí se poden ver. Uns cantos lavancos (Anas platyrhynchos) e pouco máis.


Charca de Rinlo




De aquí fun directo á veciña Asturias, para botar unha ollada na praia de Penarronda. Pero os surfistas e paseantes do areal (cans incluídos) non debían ser unha grata compaña para as aves, xa que non había nin unha soa sobre a area. Así que me centrei en observar pequenos paseriformes na zona dos merendeiros. Así, estiven vendo paporrubios (Erithacus rubecula), chascos (Saxicola torquatus), reiseñor bravo (Cettia cetti), papuxa das amoras (Sylvia atricapilla), tordo (Turdus philomelos) ou esta tímida escribenta común (Emberiza cirlus).





Logo fun ata a área recreativa de Arnao. A charca está tamén chea de auga. Pero a parte dun mergullón pequeno (Tachybaptus ruficollis), unha lavandeira branca (Motacilla alba) e un par de andoriñas (Hirundo rustica), pouca cousa máis.



Mergullón pequeno



E para rematar a ruta collín camiño da Ría de Ribadeo. Antes, nos prados de Barres, puiden ver varios bandos de garzas boieiras (Bubulcus ibis) alimentándose xunto ó gando. De Barres fun ata a Castropol, xa na ría, onde vin mergullón de pescozo negro (Podiceps nigricollis), corvo mariño grande (Phalacrocorax carbo), gaivotas patiamarelas (Larus michahellis) e escuras (Larus fuscus), carrán cristado (Sterna sandvicensis), garzotas (Egretta garzetta) e garza real (Ardea cinerea).


A ría desde Castropol



Despídome con esta foto desde a beira galega da Ría de Ribadeo. Concretamente do Cargadeiro, onde recentemente instalaron un panel co folleto sobre a observación de aves na ría que elaborei para o Concello. Todo un orgullo ver nesta zona tan especial para min o panel co meu folleto. Espero que sirva para que moita da xente que pasa por alí poida descubrir parte da riqueza da nosa ría.




 
Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

domingo, 28 de febrero de 2016

Rematando a invernada na Ría de Ribadeo

A pasada fin de semana (20 de febreiro) estiven en Ribadeo. Fun entre outras cousas para dar unha charla sobre "As aves da ría de Ribadeo", invitado polo Clube de Piragüismo Altruán. Así que comezo dándolles as gracias, especialmente a Tito Rodríguez. E tamén quero dar as gracias ó Concello de Ribadeo, sobre todo a dúas persoas que están moi involucradas co turismo ornitolóxico na nosa ría, e sempre contan comigo para estes temas, como son a concelleira de turismo Ana Martínez e a técnico de turismo Begoña García.

Dito isto, aquí vos deixo unhas fotos de como está a ría nestes últimos días da invernada. Na praia de Salías, coma sempre gran cantidade de limícolas. Máis dun cento de pilros comúns (Calidris alpina), decenas de biluricos pativerdes (Tringa nebularia) e mazaricos reais (Numenius arquata), varios mazaricos rabinegros (Limosa limosa), unhas 10 píllaras reais (Charadrius hiaticula), garzas reais (Ardea cinerea), e garzotas (Egretta garzetta).



Pilros comúns e dous biluricos pativerdes

Biluricos pativerdes, pilros comúns e unha píllara real (arriba á dereita)



Mazaricos reais


Píllaras reais

Píllara real










Desde Castropol, nos penedos que se ven na enseada da Lieira puiden contar 13 cullereiros (Platalea leucorodia) entre as garzas reais, garzotas e corvos mariños grandes (Phalacrocorax carbo).



Tamén na Lieira se vía un grupo dunhas 70 gaivotas escuras (Larus fuscus), entre as que había unha cabecinegra (Larus melanocephalus).

Gaivotas escuras

Gaivota cabecinegra


Desde a Punta de Castropol, ademáis dunhas fermosas vistas da ría, e dos remeiros asturianos que entrenan pola zona, observei 4 mobellas (Gavia immer), e 3 mergullóns de pescozo negro (Podiceps nigricollis).



Mobella grande

Mobella grande


Xa desde a beira galega, fotografei este par de lampareiros (Haematopus ostralegus).




E estas fotos non son miñas, senon da miña irmá Carmen Sampedro, a quen parece que lle estou tamén metendo o gusaniño das aves. Os ribadenses coñeceredes ben este lugar da ría. É Penafurada, e pódense ver as dúas especies de corvos mariños, o grande (Phalacrocorax carbo) e o cristado (Phalacrocorax aristotelis).

Foto: Carmen Sampedro

Foto: Carmen Sampedro


E para rematar, déixovos tamén un par de fotos da charla da que vos falaba ó principio.






Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

viernes, 8 de agosto de 2014

Pardelas baleares, corvos mariños cristados e outras aves mariñas


Corvos mariños cristados / Phalacrocorax aristotelis / Cormoranes moñudos

O pasado domingo saín dar outra voltiña rápida pola costa de Ribadeo, aproveitando que non había día de praia. Como comentaba na anterior entrada, xa se poden ver aves en paso migratorio, e a nosa costa é un lugar ideal para a súa observación. Sen enbargo, ademáis destas aves "de tempada", existen tamén outras aves mariñas que se poden observar durante todo o ano por aquí, coma é o caso dos corvos mariños cristados (Phalacrocorax aristotelis). A Punta Corveira, en Piñeira (Ribadeo) é un lugar no que soen pousarse para secar as súas ás entre mergullo e mergullo.

Pena Corveira
Os corvos mariños en Pena Corveira

Neste grupiño deles, había un exemplar anelado. Leva, ademáis da correspondente anela metálica na pata dereita, unha anela vermella na esquerda co código H4 en branco. Trátase dun vello coñecido, un dos corvos mariños anelados na veciña colonia asturiana das Pantorgas por David Álvarez.

Exemplar coa anela H4
 
Xa lle pasei os datos desta observación a David, e a falta da súa resposta cos últimos avistamentos do animal, pódovos deixalos datos da anterior vez que o observara, á que habería que engadir esta nova observación. H4 foi anelado na Forcada, ó este de Tapia de Casariego, o 4 de maio do 2012, e observado nas seguintes ocasións:
Observación Lugar Obs Observador
20/05/2012 A Forcada Ángeles Pastur
18/06/2012 A Forcada Ángeles Pastur
05/07/2012 A Forcada Ángeles Pastur
15/07/2012 A Forcada Ángeles Pastur
08/08/2012 A Forcada Ángeles Pastur
12/03/2014 Punta Feleiros (Ribadeo) Carlos Murias
17/04/2014 Pta. Corveira, Rinlo (LU) Enrique Sampedro
 

Por alí andaba tamén unha gaivota patiamarela (Larus michahellis) adulta. Ainda que moi comúns, non deixan de ser fermosas, e ben merecen unhas fotos.


En canto ás aves en paso observadas este día, ademáis de mazcatos (Morus bassanus), gaivotas (Larus spp.), bandos de pentumeiros (Melanitta nigra) ou mazaricos (Numenius spp.), o máis interesante foi observar as primeiras pardelas baleares (Puffinus mauretanicus) deste verán. Trátase ésta da única especie endémica de pardela de España, e como o seu nome indica, cría únicamente nas Baleares. Despois do periodo de cría, dispérsanse polo Mediterráneo e tamén polo Atlántico e o Cantábrico, onde permanecerán alimentándose durante a muda da súa plumaxe. Unha vez finalizada esta etapa, regresan ás Baleares para pasalo inverno. Nesta viaxe de regreso atópanse xa algúns exemplares, que son os que se poden observar desde a nosa costa estes días, pasando en dirección oeste.

Mazaricos en paso








 
Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com