A pesares de que o verano a priori parece non ser das mellores épocas para a observación de aves na ría, o certo é que sí que resulta unha época interesante. E como mostra, aquí deixo algunhas observacións e fotos do pasado día 31 de xullo.
No Muro de Lamas, na preamar, congregábase un gran número de mazaricos. En torno ós 150 exemplares, entre mazaricos reais (Numenius arquata) e chiadores (Numenius phaeopus). Acompañados de 13 cullereiros (Platalea leucorodia), varias garzotas (Egretta garzetta), e ata un bilurico común (Tringa totanus).

Tamén na zona interior da ría destacaba a presenza dun pato branco (Tadorna tadorna), preto dun gran bando de gaivotas choronas (Chroicocephalus ridibundus).
E para rematar, pero non menos importante, nesta época podemos gozar do regreso da gran embaixadora da ría, a nosa querida aguia pescadora (Pandion haliaetus) Panchita. Que por décimo sexto ano consecutivo, volve pasar a época invernal con nós. Este ano foi observada por primeira vez por Carlos Sanjurjo o día 23 de Xullo. Últimamente parece que lle gusta vir para pasar a festividade de Santiago Apostol xa en Galicia, e celebralo patrón. Como teño falado con Carlos, o ano que non regrese botarémola moito de menos, e sentiremos un gran valeiro.
Saúdos e ata a próxima.
Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com











