Fai una semana celebramos en Ribadeo o Día Mundial dos Humidais, por terceiro ano consecutivo. Como xa ven sendo habitual, organizamos varias actividades para conmemorar esta data. Nela rememórase a firma do tratado internacional polo que os países firmantes se comprometeron á protección dos humidais acollidos a esta convención. A ría de Ribadeo entrou a formar parte do listado de humidais de importancia internacional amparados baixo o tratado en 1994, polo que é unha data importante para o noso estuario.
Centrándonos nas actividades realizadas este ano, comezamos cunha charla a cargo do naturalista ferrolán Xabier Prieto Espiñeira, gran coñecedor da ría, membro da Sociedade Galega de Historia Natural e autor do blog
Bichos de demais familia. Na súa presentación "A ría de Ribadeo, un refuxio para as aves migratorias" fixo un repaso polas diferentes especies de aves que usan a ría para invernar, e a importancia que o humidal ten para elas. Apoiándose nas súas fotografías de aves, durante algo máis de hora e media fíxonos unha interesantísima exposición sobre a riqueza da ría, que rematou cun pequeno coloquio entre asistentes e ponentes.
|
De esquerda a dereita: Xabier Prieto (ponente), Enrique Sampedro (blog Ría de Ribadeo) e Horacio Cupeiro (concelleiro de Medio Ambiente de Ribadeo). |
Xa pola tarde, a segunda das actividades, unha ruta guiada pola ría para observar aves. Debido á gran demanda de prazas, e para provocar o menor impacto posible na fauna, dividimos en dous grupos a visita, cada un deles levado por un minibus ós distintos puntos da ría óptimos para a observación de aves. Ambos grupos saímos á vez de Ribadeo, pero en sentidos opostos, un comezando pola beira galega da ría e outro pola asturiana.
|
Un dos grupos en plena observación de aves na praia de Salías (Castropol) |
Coma en anos anteriores, a variedade e cantidade de especies observadas non defraudou ós participantes, que aprenderon a identificar as diferentes aves coa axuda dos "guías" que participamos na ruta: Xabier Prieto (
Bichos e demais familia), Óscar Chao (
O Pailebote branco) e eu mesmo, Enrique Sampedro (
Ría de Ribadeo). Así, axudados de prismáticos e telescopios puidemos observar mazaricos reais (
Numenius arquata), biluricos pativerdes (
Tringa nebularia), lampareiros (
Haematopus ostralegus), pilros comúns (
Calidris alpina), garzas reais (
Ardea cinerea), garzotas (
Egretta garzetta), cullereiros (
Platalea leucorodia), patos rabilongos (
Anas acuta), patos asubiadores (
Anas penelope), mergullóns de pescozo negro (
Podiceps nigricollis), pentumeios (
Melanitta nigra), mobellas (
Gavia immer)... E cómo non, tamén unha das aves máis buscadas polos participantes, a aguia pescadora (
Pandion haliaetus), que non fallou á cita.
Ó día seguinte, domingo 2 de febreiro, fixemos a última das actividades, que consistiu en subir algunhas das fotos sacadas durante a ruta do sábado á plataforma
Biodiversidad Virtual. Foi así porque aproveitando o Día Mundial dos Humidais celebramos tamén o Primeiro Testing Fotográfico da Ría de Ribadeo, en colaboración coa citada plataforma, e este día realizamos a posta en común e subida de fotografías.
Así pois, foi unha fin de semana chea de actividades relacionadas coa ría, a natureza e as aves. Con elas pretendemos axudar a crear conciencia na poboación local sobre a importancia dun rico ecosistema como é a ría de Ribadeo. Agardamos que teñamos contribuido a elo, e que cada vez sexamos máis os amantes das aves e da ría, o que sen dúbida redundará na súa protección.
Imágenes y texto bajo licencia Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda