Páginas del blog Ría de Ribadeo

Mostrando entradas con la etiqueta Calidris alpina. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Calidris alpina. Mostrar todas las entradas

sábado, 10 de septiembre de 2016

Aguia pescadora, cisnes negros e limícolas

Tiña pendente redactar esta entrada da miña última visita á Ría de Ribadeo, do día 25 de agosto. Ademáis dos cisnes negros dos que xa falei anteriormente no blog (ver: http://ria-de-ribadeo.blogspot.com.es/2016/09/tres-cisnes-negros-na-ria-de-ribadeo.html) había máis cousas ese día pola ría, que é o que vos conto agora.



A mañá presentaba unhas condicións bastante malas para a observación de aves, por certo, xa que a brétema impedía unha boa visión. Pero a pesares diso, algo sempre se pode ver. Así, na lonxa, un bo lugar para a observación de gaivotas, había algun que outro gaivotón (Larus marinus) e uns cantos xuvenís de gaivota escura (Larus fuscus).

Gaivota escura (xuv.)

Gaivotón


Desde o porto dirixinme ó observatorio de Reme, que foi onde localicei os tres cisnes negros (Cygnus atratus), a sorpresa da xornada. Ata fai uns días aínda seguían por alí, por certo.

Cisnes negros








Xunto ós cisnes estaba tamén unha das dúas pescadoras (Pandion haliaetus) invernantes habituais, que resultou ser Virgilia (según confirmou Carlos Sanjurjo). A outra, Panchita, anda xa tamén por alí, pero nestas datas aínda non chegara. 



Á altura do Muro das Lamas puiden ver un grupiño duns 15 mazaricos reais (Numenius arquata) e un bando mixto de gaivotas escuras (Larus fuscus) e choronas (Chroicocephalus ridibundus).

Mazarico real



Xa pola beira asturiana, entre a Veiga e a enseada do Fondón apenas algúns exemplares de lavanco (Anas platyrhynchos), unha garzota (Egretta garzetta) e un miñato (Buteo buteo).

Garzota e lavanco

Miñato


E para finalizar a volta á ría, en Salías máis gaivotas, outra garzota e un reducido grupo de píllaras reais (Charadrius hiaticula) e pilros comúns (Calidris alpina).


Garzota e gaivotas choronas

Píllaras reais

Pilros comúns

Pilro común







Píllara real



Saúdos e ata a próxima.


Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

miércoles, 4 de mayo de 2016

Mobella grande, pilros, mazaricos e pouco máis na Ría de Ribadeo

O luns día 2 de maio saín dar unha volta a ver qué se movía pola ría. A pesar de adicarlle escasa hora e media, e de non coller a marea nas condicións que máis me gusta, sempre se ven cousas no estuario do Eo.

Comezo contando que na praia de Salías, co mar xa bastante lonxe, puiden observar un bando duns 50 pilros comúns (Calidris alpina) alimentándose na beira. Xunto cun par de mazaricos chiadores (Numenius phaeopus), abundantes gaivotas e algún lavanco (Anas platyrhynchos), pouco máis había por alí.


Pilros

Mazarico chiador


 

A seguinte parada fíxena no porto da Veiga, onde a sorpresa deuma esta mobella grande (Gavia immer) que buscaba alimento nesta zona interior da ría. É a primeira vez que vexo unha mobella nesta zona, e tamén a primeira vez que a vexo nesta época do ano, ben entrada xa a primavera, o que non é moi habitual. Ainda que tampouco é algo excepcional, está claro.








 
Por alí andaban tamén algúns lavancos e un par de biluricos bailóns (Actitis hypoleucos). 


Bilurico bailón

Lavancos


 
Pasando xa á beira galega, na ampla zona intermareal do Muro das Lamas, o máis destacado era a presenza dun grupiño de 15 mazaricos chiadores.





 
E entre o Muro das Lamas e o Puntal, apareceron tamén 2 biluricos pativerdes (Tringa nebularia), 1 garza real (Ardea cinerea), 1 garzota (Egretta garzetta) e varios corvos mariños grandes (Phalacrocorax carbo).

Isto é todo por esta vez. Graciñas por entrar no blog e ata a próxima.

Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

viernes, 17 de octubre de 2014

Chegan as invernantes á ría





Estamos xa inmersos en pleno outono, e a Ría de Ribadeo comeza a encherse de aves. Moitas delas están aínda de paso cara ós seus lugares de invernada, pero outras tantas ficarán con nós durante todo o inverno, xa que a ría é o seu destino definitivo. É o caso das aguias pescadoras (Pandion haliaetus), que coma ben sabedes os seguidores deste blog, levan desde fai uns anos quedándose aquí durante a época non reprodutora. Primeiro foi a famosa “Panchita”, logo “Virgilia” e quen sabe se este ano teremos outra invernante máis. Sabemos xa que as dúas primeiras están aquí desde comezos do mes de setembro. E sabemos tamén que ademais destas dúas, pasaron varios exemplares máis polo noso estuario. Agora mesmo hai tres individuos na ría, polo menos. E en concreto falo do domingo 12 de outubro, cando observei ó mesmo tempo estes tres exemplares. Dúas pescadoras estaban nos pousadoiros instalados fronte ó observatorio de Reme, e a terceira nun instalado na Xunqueira. 




Esta última cambiou logo de ubicación, para acomodarse no pousadoiro do niño artificial situado moi preto, e que recentemente foi instalado no lugar pola organización FAPAS. Esta vez si, fixérono tras solicita-lo correspondente permiso á Xunta de Galicia, xa que, aquí non hai dúbida, esa parte da ría pertence administrativamente a Galicia.



Pero non só de pescadoras vive a Ría de Ribadeo, nin moito menos. Por comezar polo menos habitual por aquí, observei tamén tres garzotas grandes (Egretta alba), primeiro unha soa na enseada da Lieira, e logo dúas xuntas fronte ó Puntal. Como foi en momentos distintos, non sei realmente se eran polo tanto dúas ou tres as que había na ría.




E seguindo coas garzas, non podían faltar as garzas reais (Ardea cinerea) e as garzotas (Egretta garzetta). Entre elas chamaban a atención os tamén habituais cullereiros (Platalea leucorodia), dos que puiden ver 10 exemplares.

Garzotas, xunto ós mazaricos

Cullereiros e unha garzota

En canto a limícolas, non vin demasiada variedade. O máis destacado un bando de 36 mazaricos reais (Numenius arquata), un par de pilros comúns (Calidris alpina), un mazarico rubio (Limosa lapponica) e dous biluricos bailóns (Actitis hypoleucos), todos eles na praia de Salías.

Mazaricos

Pilro común


Tamén alí había máis de 150 gaivotas choronas (Chroicocephalus ridibundus). En varias delas apreciábanse claramente uns tons rosados na súa plumaxe, especialmente na zona do peito. Sobre a orixe desta coloración das plumas xa falei aquí nalgunha ocasión, e parece estar causada pola dieta. Concretamente esta teoría o que di é que a cor rosada débese a un carotenoide presente en determinadas especies de cangrexos que comen. Este carotenoide deposítase posteriormente nas plumas das aves, dándolles esta cor rosada a determinados individuos. Así pois, a súa coloración máis ou menos rosada, depende da presenza destes cangrexos en maior ou menor medida na súa dieta.


Na foto non se aprecia moi ben, pero en varios destes exemplares víase claramente a coloración rosada

Seguindo coas gaivotas, ademais das choronas había tamén gaivotas escuras (Larus fuscus) e algunha patiamarela (Larus michaellis). E aínda que primeiramente me pasou desapercibida por asemellarse a súa plumaxe ó dunha chorona, había tamén entre elas unha cabecinegra (Larus melanocephalus), con plumaxe de primeiro inverno.

Gaivotas escuras

Gaivota patiamarela

Gaivota cabecinegra

Cambiando de rexistro, temos tamén xa a moitas das especies de anátidas habituais na Ría de Ribadeo durante o inverno. Así, están xa por aquí, ademais dos lavancos (Anas platyrhynchos), os rabilongos (Anas acuta), frisados (Anas strepera) e asubiadores (Anas penelope).

Anátidas
E para rematar esta entrada, citar tamén a observación de dous picapeixes (Alcedo athis), un miñato (Buteo buteo), un falcón peregrino (Falco peregrinus) que levaba unha presa nas garras -penso que un pilro-, numerosos corvos mariños grandes (Phalacrocorax carbo) e unha lavandeira branca (Motacilla alba) que captou a miña atención pousada no foraborda dun bote.




Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

jueves, 29 de mayo de 2014

Limícolas na Ría de Ribadeo



Da miña última visita a Ribadeo quedáronme pendentes por subir ó blog algunhas fotos dunha saída que fixen pola ría. Por alí, ó igual que en Rinlo, o máis destacado era a presenza de pequenas limícolas no apoxeo do paso migratorio prenupcial. Nada fora do común, senon todo o contrario, as especies habituais, que ó fin e ó cabo, son as que lle dan importancia ó noso estuario.  Son as que están sempre presentes, ano tras ano, e as que fan da ría un lugar importante para as aves. Estas fotos son de tres desas especies, que este día estaban na praia de Salías, en Castropol: pilro común (correlimos común / Calidris alpina), pilro tridáctilo (correlimos tridáctilo / Calidris alba) e píllara real (chorlitejo grande / Charadrius hiaticula). Sen máis, déixovos con as fotos.

Praia de Salías
Píllaras e pilros

Pilros comúns


Píllaras reais
Píllara real
Pilro tridáctilo

Pilro común
Ría de Ribadeo



Saúdos e graciñas por seguilo blog.

Imágenes y texto bajo licencia Creative Commons

Enrique Sampedro Miranda
Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com