Páginas del blog Ría de Ribadeo

lunes, 16 de agosto de 2010

Corvo mariño cristado / Phalacrocorax aristotelis / Cormorán moñudo

O xoves 13/08/2010 sain co telescopio dar unha volta polos acantilados da costa ribadense. Ainda que a moi pouca distancia xeográfica do interior da ría, trátase xa doutro ecosistema, diferente do que rexe o interior do esteiro, e lóxicamente con outra variedade tamén de especies animais e vexetais. Dende os acantilados poden observarse especies de aves que son máis raras de ver no interior das rías, como é o caso do corvo mariño cristado (phalacrocorax aristotelis).
No chamado penedo do corvo había 8 exemplares destas aves, estando 3 delas aneladas. Levaban nunha das patas unha anela vermella cun número en branco, e na outra das patas unha anela metálica. Grazas ó telescopio puiden anotar os números das anelas, tratándose dos exemplares 48, A3 e 43. Logo só tiven que buscar un pouco en Internet para conseguir identificar de qué animais se trataba. Son exemplares anelados na colonia das illas Pantorgas, no concello asturiano de Tapia de Casariego, moi próximo xeográficamente a Ribadeo. Precisamente no mes de maio fixen unha entrada neste blog con algunhas fotos de niños desa colonia.

Esta información conseguina grazas a unha estupenda web sobre o phalacrocorax aristotelis elaborada por David Ávarez, da Universidad de Oviedo:
https://sites.google.com/site/comoraniberico/
E precisamente David Álvarez é o coordinador do proxecto de anelamento do corvo mariño cristado en Asturias, polo que contactei con él para facilitarlle os datos da miña observación, e él amablemente cedeume tamén os seguintes datos sobre os exemplares citados:
- ex. 48: anelado de adulto nas illas Pantorgas o 7/05/2009 e observado noutras 5 ocasións, a última o 17/05/2010 criando nun niño nas Pantorgas.
- ex. A3: anelado de cría nas Pantorgas o 5/05/2003, e a última observación aniñando o 29/05/2010 de volta nas Pantorgas.
- ex. 43: anelado de cría o 26/05/2008 e observado só noutra ocasión máis ata o de agora, o 12/09/2009.
Pódese acceder ós resultados preliminares do proxecto de anelamento neste enlace:
https://docs.google.com/viewer?a=v&pid=sites&srcid=ZGVmYXVsdGRvbWFpbnxjb21vcmFuaWJlcmljb3xneDoyODFlOTBlNTA3ZGRiNDMw

Por último, mencionar como outras citas interesantes do 13/08/2010:
- mascato / morus bassanus / alcatraz atlántico: 1 ex. xuvenil dirección W-E.
- bilurico das rochas / actitis hypoleucos / andarríos chico: nunha zona de rochas da beiramar alimentándose entre as oucas

jueves, 12 de agosto de 2010

Pato branco / tadorna tadorna / tarro blanco

Entre as especies que puiden identificar hoxe nunha volta que din pola ría, destaca a presenza dun exemplar xuvenil de pato branco (nom. científico: tadorna tadorna; castelán: tarro blanco) alimentándose no intermareal da ría, no Muro das Lamas, moi perto xa da xunqueira. Tireille algunhas fotos de digiscoping que espero colgar pronto (agora mesmo non podo por “cuestións técnicas”). É unha especie que estou acostumado a ver nas miñas visitas a humidais interiores da meseta, como Villafáfila ou Fuentes de Nava, pero que constitue a miña primeira observación na ría de Ribadeo. De feito, existen poucas citas publicadas desta especie na ría, polo que considero apropiada a súa referencia destacada nesta entrada do blog.

Ademáis do pato branco, outras observacións destacadas de hoxe foron:
- picapeixe (alcedo athis; martín pescador): 1 ex. pousado sobre unhas rochas na enseada da Liñeira
- cullereiro (platalea leucorodia; espátula): seguen os 4 ex. na ría, hoxe alimentándose perto das plantacións de ostras entre Castropol e Figueiras. Un dos ex. está anelado na pata esquerda cunha anela de plástico de cor amarela e na dereita con anelas branca e vermella
- mazarico rabinegro (limosa limosa; aguja colinegra): 4 ex. no Muro das Lamas

- píllara dourada (pluvialis apricaria; chorlito dorado): varios ex. no Muro das Lamas

domingo, 8 de agosto de 2010

Boa xornada de observación

Onte tiven o pracer de compartir con Xabier Prieto unha estupenda xornada de observación pola ría de Ribadeo. O seu entusiasmo pola ornitoloxía levouno a viaxar a propósito desde Ferrol para achegarse a Ribadeo e compartir comigo unha mañá de paxareo pola ría. E o certo é que foi unha xornada moi produtiva no que a observacións se refire, xa que puidemos contar gran variedade e cantidade de aves. Este é o censo que fixemos según a boa técnica de conteo de Xabi:

platalea leucorodia – cullereiro – espátula: 3 ex. na enseada da Liñeira.
anas platyrhyncos – lavanco – ánade real/azulón: 463, en toda a ría. Según puntualiza Xabi, é habitual que se xunten moitos nas rías para mudar nos meses de verán, despois da cría.
numenius arquata – mazarico real – zarapito real: 82, censados en marea baixa.
numenius phaeopus – mazarico chiador – zarapito trinador: 45, en marea baixa.
limosa limosa – mazarico rabinegro – aguja colinegra: 1
tringa totanus – bilurico patirrubio – archibebe común: 4
tringa nebularia – bilurico claro – archibebe claro: 43
actitis hypoleucos – bilurico das rochas – andarríos chico: 2
calidris alpina – pilro común – correlimos común: 6
larus melanocephalus – gaivota cabecinegra – gaviota cabecinegra: 2
gallinula chloropus – galiñola/pita de auga – gallineta: 1 ex. na lagoa do aserradoiro de Villadún
Cito a continuación outras especies que tamén observamos pero non contamos:

larus michahellis – gaivota patiamarela – gaviota patiamarilla: centos de exemplares.
larus ridibundus – gaivota chorona - gaviota reidora
larus fuscus – gaivota escura – gaviota sombría
egretta garzetta – garzota – garceta: gran número de ex., na enseada da Liñeira, no Tarrón, e no Muro de Lamas.
ardea cinerea – garza real – garza real: tamén moi abondosa, como é habitual.
phalacrocorax carbo – corvo mariño – cormorán

E por último, case como anécdota, comentar o entusiasmo que sentiu Xabi ante a abondantísima presenza de lagartixa dos muros (podarcis muralis) nunha praia de cantos da enseada da Liñeira, que segundo as súas propias palabras “acababa de ver máis exemplares nese intre que ata o de agora en toda a súa vida”.

Podarcis muralis - Lagartixa dos muros. Foto: Cienciatk (CSIC)