Os pasados días 6 e 8 de xaneiro estiven facendo o meu particular censo de aves acuáticas invernantes na Ría de Ribadeo. O ano pasado non puiden facelo, debido as restriccións de mobilidade provocadas polo COVID, que impedían o paso a Asturias. Pero este ano por sorte a situación mellorou bastante, e xa non existen esas restriccións, así que me puiden mover libremente, coma sempre.
O que non acompañou demasiado foi o tempo neses días, con ceos toldados, chuvascos ocasionais, e unha mala visibilidade. Por iso tiven que ir en dous días diferentes, aproveitando ventás de certa melloría.
Sen mais, aquí vai o que conseguin ver e contar nestes dous días. Hai especies que, ainda que sei que están a invernar na ría, como non vin ningún destes dous días, pois loxicamente non aparecerán neste censo.
N. científico | N. común | N. galego | CONTEO |
Podiceps nigricollis | Zampullín Cuellinegro | Mergullón de pescozo negro | 12* |
Phalacrocorax carbo | Cormorán Grande | Corvo mariño | 25 |
Bubulcus ibis | Garcilla Bueyera | Garza boieira | 1 |
Egretta garzetta | Garceta Común | Garzota | 22 |
Ardea cinerea | Garza Real | Garza real | 30 |
Platalea leucorodia | Espátula Común | Cullereiro | 31 |
Plegadis falcinellus | Morito | Mazarico mouro | 33 |
Anser brachyrhynchus | Ánsar piquicorto | Ganso bicocurto | 3 |
Anser anser | Ansar Común | Ganso bravo | 1 |
Mareca penelope | Silbón Europeo | Pato asubiador | 434 |
Mareca strepera | Anade Friso | Pato frisado | 13 |
Anas crecca | Cerceta Común | Cerceta | 123 |
Anas platyrhynchos | Anade Azulón | Lavanco | 373 |
Anas acuta | Anade Rabudo | Pato rabilongo | 163 |
Aythya ferina | Porrón común | Pato chupón | 1 |
Aythya marila | Porrón Bastardo | Pato caribranco | 1 |
Melanitta nigra | Negrón Común | Pentumeiro | 1 |
Mergus serrator | Serreta Mediana | Mergo cristado | 5 |
Haematopus ostralegus | Ostrero Común | Lampareiro - Gabita | 6 |
Calidris alpina | Correlimos Común | Pilro común | 294 |
Limosa limosa | Aguja Colinegra | Mazarico rabinegro | 9 |
Numenius phaeopus | Zarapito Trinador | Mazarico chiador | 6 |
Numenius arquata | Zarapito Real | Mazarico real | 38 |
Tringa totanus | Archibebe Común | Bilurico común | 5 |
Tringa nebularia | Archibebe Claro | Bilurico pativerde | 37 |
Actitis hypoleucos | Andarríos Chico | Bilurico das rochas | 5 |
Chroicocephalus ridibundus | Gaviota Reidora | Gaivota chorona | x |
Larus fuscus | Gaviota Sombría | Gaivota escura | x |
Larus michahellis | Gaviota Patiamarilla | Gaivota patiamarela | x |
Larus marinus | Gavión | Gaivotón | x |
Thalasseus sandvicensis | Charrán Patinegro | Carrán cristado | 4 |
Buteo buteo | Busardo ranotero | Miñato | 1 |
Pandion haliaetus | Águila Pescadora | Aguia pescadora | 2 |
Pluvialis squatarola | Chorlito gris | Píllara cincenta | 17* |
Gavia immer | Colimbo grande | Mobella grande | 1* |
Alcedo atthis | Martín pescador | Picapeixe | 2* |
x - Especie observada pero non censada.
*- cifra modificada, con observacións de datas posteriores.
E tralos números, imos coma sempre con algúns pequenos comentarios de análise.
Comezo por un dos indicadores principais cos que medimos a importancia da nosa ría para a invernada de aves acutáticas, as anátidas. E entre elas, como especie que poderiamos dicir que é a abandeirada da ría, o pato rabilongo. Con 163 exemplares, remonta un pouquiño os números dos últimos dous anos, nos que foran cifras baixísimas (especialmente o 2019 con só 87 exemplares). E queda un número na liña da media dos censos da última década. Ainda que claramente por debaixo da media dos últimos 20 anos, e moito máis por debaixo da espectacular década dos 80.
Na mesma liña está o pato asubiador, con números na media da última década, e superando os dous últimos anos. Pero a cifra tamén queda por debaixo da media se temos en consideración os últimos 20 anos. E, a grandes rasgos, o mesmo ocorre no caso das cercetas.
Se miramos os datos das limícolas, vemos como no caso dos pilros, por exemplo, este é un bo ano para eles na ría. Temos que remontarnos ata o 2015 para atopar un número superior ó deste inverno, que está por riba da media dos últimos 20 anos.
Especialmente baixo é o número de mazaricos reais, pero penso que aquí se me escapou algún grupiño, xa que neste mesmo inverno teño contado sobre os 50 exemplares. Ainda que de igual xeito é unha cantidade moi baixa para o que era antes na ría, cunha media de 100 individuos na última década, e de en torno a 150 en décadas anteriores. E algo similar ocorre cos biluricos pativerdes, que mostran unha clara tendencia á baixa.
Outra das especies icónicas da ría nos últimos anos é a aguia pescadora, da que este ano só temos dous exemplares invernando (había 3 dende o ano 2017). A baixa foi unha vella coñecida, Virxilia, a quen este inverno botamos en falta. Todo apunta a que lle pasou algo, xa que as pescadoras son fieis ós seus lugares de invernada.
E por poñer unha nota positiva, a mesma dos últimos anos, está o caso dos cullereiros. Especie invernante de xeito ininterrompido no noso estuario dende o ano 2005, cada tempada comprobamos como vai aumentando o seu número. Pasou de só un ou dous exemplares nos primeiros anos, ata os máis de 30 deste inverno, o que o converte no rexistro máis alto de toda a serie histórica.
Para rematar, a nota exótica desta invernada póñena algúns exemplares de especies coma os gansos (1 bravo e 3 bicocurtos), ou os mazaricos negros, que coa asombrosa cifra de 33 exemplares, entran por primeiro ano nos rexistros dos censos da ría. Esta última cita adicada a Adrián, seguidor do blog que está sempre moi atento a esta especie.
E reseñar tamén a observación dunha lontra (Lutra lutra / nutria) nadando no medio da ría, observada dende o Muro de Lamas.
Mazaricos negros |
Ganso bravo e gansos bicocurtos |
Saúdos e ata a próxima.
Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com