A pasada fin de semana estiven pola costa. O mar estaba moi revolto, pero o tempo era seco e a temperatura agradable, nada que ver con cómo está o tempo agora mesmo en Galicia. Comecei por Rinlo, onde, coma sempre, estaban os corvos mariños no Penedo do Corvo (a simplicidade da toponimia...). Neste caso, corvos mariños cristados (Phalacrocorax aristotelis).
E con eles, este gaivotón (Larus marinus) coa base do bico que semellaba petroleada.
Nos cantís próximos, un pequeno bando de limícolas, composto de virapedras (Arenaria interpres), dous pilros comúns (Calidris alpina) e un pilro escuro (Calidris maritima).
A charca de Rinlo estaba casi baleira. Supoño que durante estes últimos días nos que ten chovido bastante, se enchería algo mais. Con esa situación, nada de limícolas, nin gaivotas sequera. Pero sí que había un picapeixe (Alcedo athis), un lagarteiro (Falco tinnunculus) e paseriformes coma chasco (Saxicola torquatus) ou pica dos prados (Anthus pratensis).
Na praia de Esteiro atopeime con outra habitual nesta época pola nosa costa, a lavandeira branca enlutada (Motacilla alba yarrellii). Tamén estaba a súa curmá lavandeira branca (Motacilla alba alba), así que unha boa oportunidade para poder velas xuntas.
En Arealonga, ademáis dun bando mixto de gaivotas patiamarelas (Larus michahellis) e escuras (Larus fuscus), tamén vin un grupo de pequenos limícolas. Pero os omnipresentes paseantes con cans levantáronos e non me deu tempo a mirar qué eran. Un verdadeiro problema para as aves a presenza dos cans nas nosas praias. Colegas coma Xabier Prieto non se cansan de denuncialo, pero hai moi pouca conciencia social das molestias que as mascotas causa á fauna salvaxe.
O meu paseo pola costa rematou na praia da Pasada, onde un enorme bando de pentumeiros (Melanitta nigra) me deu as boas tardes. Entre a velocidade do bando, e a escasa luz que quedaba, non fun quen de enfocalos, así que me quedei sen foto.
Saúdos e ata a próxima.
Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com