Tempos difíciles os que nos están tocando vivir nestes días de finais de marzo do ano 2020. Unha situación inaudita, e moi complicada a nivel sanitario, social e económico. Así como dificilmente imaxinable hata agora. Dubido moito que niguén de nós pensara fai tan só unhas semanas que poderiamos chegar a vivir un estado de alarma, co confinamento da cidadanía nos seus fogares, e a práctica paralización de calquer actividade social, mercantil, deportiva ou de calquer outra índole. Medramos coñecendo escenarios "apocalípticos" na ficción, plasmados en libros, películas ou videoxogos. Pero só iso, tratábase de ficción, e todos críamos que a realidade nunca chegaría a tal extremo... E sen embargo, qué equivocados estabamos. Porque sí, desgraciadamente, a realidade deunos unha labazada, e tróuxonos a este mal soño no que hoxe nos atopamos.
Praia de Arealonga (San Miguel de Reinante)
Tan só pretendía facer unha pequena reflexión, xa que non é este un blog de análises sociais, políticas ou de actualidade. Para iso hai moitas outras fontes onde se poder informar, ler opinións, ou discutir. Como sabedes, este é un espazo adicado á natureza, ás aves, á biodiversidade, ás rutas de sendeirismo, montaña, mar, etc. En definitiva, un blog no que plasmo a miña particular andaina pola natureza, alá por onde me movo. Andainas que por suposto agardo retomar en non moi longo prazo, en canto esta extrana situación na que todos nos vemos inmersos, remate. Que rematará. É cuestión tan só de ter paciencia, gardar a debida disciplina que o momento esixe, e mirar con optimismo cara ó futuro.
E hoxe, desde a miña residencia en Madrid, confinado no meu fogar coa miña falimia, quería traervos unhas poucas fotos do meu último paseo pola natureza. Foi fai exactamente unha semana, o domingo pasado, pola miña querida costa da Mariña de Lugo. E tan ignorante eu do que nos agardaba tan só uns días despois... Nesta ocasión o paseo non foi pola Ría de Ribadeo, senon que decidín dar unha volta polas praias do veciño concello de Barreiros. A tarde, ainda que un pouco ventosa, quedou cunha luz ben fermosa para gozar coas paisaxes costeiras.
Ornitoloxicamente falando, a cousa non deu para moito, a verdade. Apenas unhas gaivotas na Praia de Arealonga, mascatos pasando sobre o mar perto da costa, uns lavancos na desembocadura do Rego da Barranca, e un tímido reiseñor bravo na lagoa da Punta do Castro.
Pero o que sí me deixou a tarde foi unhas fermosas paisaxes na retina, así como algunas fotos na cámara que a continuación vos deixo. O fermoso Cantábrico batendo contra os penedos, o vento zoando nas dunas da praia, o sol xogando a esconderse tralas nubes. En definitiva, a natureza en estado puro, e a liberdade de poder deambular por ela ó meu antollo. Esa liberdade da que desgraciadamente hoxe carecemos. Pero como dicía antes, isto pasará, e pronto poderei, poderemos, gozar de novo dos nosos lugares favoritos na natureza.
Dunas naa praia de Arealonga
Punta do Castro
Praia das Pasadas
Saúdos, ánimo a todos, e ata a próxima.
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com