Páginas del blog Ría de Ribadeo

domingo, 15 de marzo de 2020

Tempos difíciles. O meu último paseo (por agora): praia de Arealonga e Punta do Castro

Tempos difíciles os que nos están tocando vivir nestes días de finais de marzo do ano 2020. Unha situación inaudita, e moi complicada a nivel sanitario, social e económico. Así como dificilmente imaxinable hata agora. Dubido moito que niguén de nós pensara fai tan só unhas semanas que poderiamos chegar a vivir un estado de alarma, co confinamento da cidadanía nos seus fogares, e a práctica paralización de calquer actividade social, mercantil, deportiva ou de calquer outra índole. Medramos coñecendo escenarios "apocalípticos" na ficción, plasmados en libros, películas ou videoxogos. Pero só iso, tratábase de ficción, e todos críamos que a realidade nunca chegaría a tal extremo... E sen embargo, qué equivocados estabamos. Porque sí, desgraciadamente, a realidade deunos unha labazada, e tróuxonos a este mal soño no que hoxe nos atopamos.

Praia de Arealonga (San Miguel de Reinante)


Tan só pretendía facer unha pequena reflexión, xa que non é este un blog de análises sociais, políticas ou de actualidade. Para iso hai moitas outras fontes onde se poder informar, ler opinións, ou discutir. Como sabedes, este é un espazo adicado á natureza, ás aves, á biodiversidade, ás rutas de sendeirismo, montaña, mar, etc. En definitiva, un blog no que plasmo a miña particular andaina pola natureza, alá por onde me movo. Andainas que por suposto agardo retomar en non moi longo prazo, en canto esta extrana situación na que todos nos vemos inmersos, remate. Que rematará. É cuestión tan só de ter paciencia, gardar a debida disciplina que o momento esixe, e mirar con optimismo cara ó futuro.

E hoxe, desde a miña residencia en Madrid, confinado no meu fogar coa miña falimia, quería traervos unhas poucas fotos do meu último paseo pola natureza. Foi fai exactamente unha semana, o domingo pasado, pola miña querida costa da Mariña de Lugo. E tan ignorante eu do que nos agardaba tan só uns días despois... Nesta ocasión o paseo non foi pola Ría de Ribadeo, senon que decidín dar unha volta polas praias do veciño concello de Barreiros. A tarde, ainda que un pouco ventosa, quedou cunha luz ben fermosa para gozar coas paisaxes costeiras.


Ornitoloxicamente falando, a cousa non deu para moito, a verdade. Apenas unhas gaivotas na Praia de Arealonga, mascatos pasando sobre o mar perto da costa, uns lavancos na desembocadura do Rego da Barranca, e un tímido reiseñor bravo na lagoa da Punta do Castro.











Pero o que sí me deixou a tarde foi unhas fermosas paisaxes na retina, así como algunas fotos na cámara que a continuación vos deixo. O fermoso Cantábrico batendo contra os penedos, o vento zoando nas dunas da praia, o sol xogando a esconderse tralas nubes. En definitiva, a natureza en estado puro, e a liberdade de poder deambular por ela ó meu antollo. Esa liberdade da que desgraciadamente hoxe carecemos. Pero como dicía antes, isto pasará, e pronto poderei, poderemos, gozar de novo dos nosos lugares favoritos na natureza.

Dunas naa praia de Arealonga
 


Punta do Castro
 



Praia das Pasadas
 




Saúdos, ánimo a todos, e ata a próxima.

Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

4 comentarios:

  1. Ten que ser duro para ti. Polo menos non fixeches como eses milleiros de madrileños que, de maneira absolutamente irresponsábel, fuxiron da cuarentena espallándose polos catro pontos cardeais da Península (e ben que poderías virte para a túa casa de Ribadeo).
    Moitas grazas por ser responsábel e cívico.
    Un forte abrazo, Quique.

    ResponderEliminar
  2. Ola Xabi. Grazas polas túas palabras. É o que hai que facer, seguir as indicacións. Indicacións que neste caso non son simples consellos, senon normas ben claras e de obrigado cumprimento. Así que é o que nos toca a cada un. E penso, sinceramente cho digo, que a maioría da xente así o fai. Ainda que sempre haberá casos irresponsables, que son os que máis chaman a atención, precisamente por sairse da "norma".

    E ó fío disto, aproveito para deixar unha reflexión. Porque notei certo desprezo nas redes ós madrileños por este tema. E penso que os madrileños non se merecen esta xeneralización que algúns fixeron (e non falo de ti, por suposto). Porque, de verdade, non coñezo outro lugar máis acolledor, con mentalidade máis aberta, e no que te poidas expresar tan libremente como en Madrid. Por iso penso que non é xusto xeneralizar. A irresponsabilidade foi duns milleiros, como ben dis, entre millóns, non o esquezamos. Igual que hai en Galicia milleiros de irresponsables: xente que se salta tamén as normas e anda polas rúas, praias ou montes coma se non pasar nada; xente que leva ós cans a pasear a espazos nos que está proibido (ben o padeces tí...); ou xente que bota residuos de todo tipo no monte, no mar ou en calquera parte. O que quero dicir con isto, é que a irresponsabilidade dase en todas partes, xa se sabe. E ese desprezo que notei en certos comentarios nas redes cara ós madrileños, como dicía, non me gustou nada.

    Dito isto, qué ben estaría eu na miña casiña en Ribadeo... ha, ha, ha. Pero en fin, éche o que hai amigo. O bo será que cando acabe todo isto, colleremos con moitas máis gañas os prismáticos e as cámaras, e sairemos a patear os nosos lugares preferidos valorándoos se cabe aínda máis.

    Un abrazo Xabi, e a coidarse por aí.

    ResponderEliminar
  3. Non sei onde pasas a corentena, mais espero que sexa onde sexa esteas ben.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  4. Ola Felix! Pois polos Madriles, pero todos ben, por sorte. Espero que vos tamén. Unha forte aperta

    ResponderEliminar