Páginas del blog Ría de Ribadeo

viernes, 10 de abril de 2020

X Aniversario Blog Ría de Ribadeo



Tal día coma hoxe, fai dez anos, nacía o blog Ría de Ribadeo. Aquel 10 de abril do ano 2010, cando iniciei esta andaina, o meu principal obxectivo era o de crear un espazo na rede onde compartir e difundir a riqueza natural da Ría de Ribadeo. E especialmente, a súa riqueza ornitolóxica. Sen maiores pretensións, tratábase de ir recollendo na web tódalas miñas observacións, fotografías, opinións..., pero tamén calquera información que chegase ás miñas mas e que considerase de interese. Deste xeito, co paso do tempo fun enchendo o sitio de contidos de moi diversa índole. Por poñer algúns exemplos, elaborando e colgando publicacións e guías para quen queira achegarse a observar aves á ría, facendo públicos cada ano os datos dos censos de aves invernantes que fago a nivel particular, divulgando novas recollidas na prensa que poidan aportar información interesante sobre o estuario, ou dando publicidade e colaborando na organización de actividades de educación ambiental na ría. Tamén están colgadas na web algunhas entrevistas que, ó fío destas actividades, me teñen feito en diversos medios de comunicación. E así, xunto coa relación de tódalas aves que levo observado na ría, e as fotografías e vídeos que fun sacando ó longo destes dez anos, o obxectivo principal do blog segue sendo o que comentaba ó principio.

Observando aves na Ría de Ribadeo


Sen embargo, a ninguén se lle escapa que, dada a miña particular situación persoal, con residencia habitual en Madrid, familia en Ribadeo, e a familia política na provincia de Ávila, as miñas idas e vidas entre estes tres lugares son constantes. O que evidentemente condiciona totalmente as miñas saídas ó campo, e polo tanto, o contido que aquí publico. Se a isto lle sumamos a miña paixón pola montaña (que debo en grande medida ó meu querido grupo de sendeirismo Elefante Rocoso), así como as viaxes que fago, xa sexa co grupo, en familia ou de modo individual, o resultado é que o blog Ría de Ribadeo acaba sendo unha especie de caderno de campo das miñas saídas pola natureza. Deste xeito, hai lugares que se repiten aquí con asiduidade, como as lagoas de El Oso (Ávila), a chaira cerealista castelá, a campiña sur madrileña, a reserva de Villafáfila, as Tablas de Daimiel... O que se complementa, como dicía antes, con todos aqueles outros lugares, menos repetidos, polos que me teño movido nestes dez anos. Por citar algúns de especial relevancia, os Pirineos, Monfragüe, Gallocanta, o Delta do Ebro, ou as marismas de Santoña. Pero estes son só algúns exemplos, xa que son moitos máis os lugares e espazos naturais que teño visitado durante esta última década, e dos que fielmente fun deixando relato na web.


 Observando aves nas Tablas de Daimiel


Desde aquel 10 de abril do ano 2010 teño publicado en riaderibadeo.com 386 artigos (387 con este), o que da unha media de case uns 40 ó ano, é dicir, máis de 3 ó mes. Como podedes imaxinar (e como ben saben os colegas que coma min teñen blog), isto supón un incalculable número de horas invertidas nesta teima. En primeiro lugar, de horas botadas no campo, que son moitísimas, podedes crerme. E en segundo lugar, e non menos importante, o número de horas invertidas en descargar tódalas fotografías que saco, revisalas, expurgalas, editalas... Mais o traballo de documentación e investigación que require publicar determinados contidos. Mais a posterior redacción e publicación dos artigos. Mais as labores de deseño e mellora do propio blog e o esforzo de reciclaxe continua que supón hoxe en día a publicación de calquera contido nas redes sociais... En fin, moitas, moitas horas. Pero, como se soe dicir, sarna con gusto non pica, e todo isto fágoo porque me gusta, e porque quero. E, ó fin e ó cabo, todas esas horas teñen redundado na miña propia mellora como observador da natureza, e no meu propio crecemento persoal, diso non me cabe dúbida.

O blog leva, desde a súa creación ata hoxe, unha cifra de case 287.000 visitas, o que da unha media de perto de 80 visitas diarias. Como era de esperar, a maior parte destas visitas proceden de España, unhas 112.000. Pero chama a atención que son seguidas, moi de perto, polas case 97.000 procedentes de EE.UU., e xa máis lonxe, de Rusia, Alemania e Italia, con máis de 10.000 visitas de cada país.

A carón do propio blog foron nacendo co tempo canles noutras redes sociais, para difundir o contido do blog, pero tamén para publicar contidos exclusivos que teñen mellor cabida nestas redes. Así, riaderibadeo.com conta con canles en YouTube, Twitter, Facebook, Scribd e Ivoox. De feito, moitos dos contidos chegan a moita máis xente a través desas canles que do propio blog. A canle de Facebook é sen dúbida a que máis visitas e visualizacións acapara, grazas ós seus perto de 4.000 seguidores. E en segundo lugar Twitter, con case 1.250 seguidores.





Para ir rematando, non podo facelo doutra forma que dando as grazas. Non o farei de xeito individual, para que ninguén se me esqueza. Así que todos os que vos sintades aludidos, non o dubidedes, vai por vós. Grazas en primeiro lugar a tódolos lectores, habituais ou esporádicos. Todo isto, fundamentalmente, é para vós. E moi especialmente a todos aqueles que, non limitándose a visitar e ver os contidos, que son a grandísima maioría, fan ademais un pequeno esforzo e deixan os seus comentarios ou suxestións, xa sexa aquí mesmo, ou nas outras redes sociais, onde sen dúbida resulta máis doado. Grazas tamén a todas aquelas persoas que teñen colaborado dun ou doutro xeito comigo para elaborar contidos. Refírome a todos cantos me teñen pasado citas, fotografías, avisos ou calquera outra información. Tamén ás persoas, amigos, que me acompañan en moitas das miñas saídas ó campo. Grazas tamén ós colegas blogueiros polos seus comentarios, consellos e intercambio de experiencias, coas que se aprende moito. Grazas ós medios de comunicación que teñen este blog coma un referente en canto á información medioambiental da Ría de Ribadeo, e que me contactan cando hai algunha nova na que consideran interesante coñecer a miña opinión. Grazas ó Concello de Ribadeo, pero sobre todo ás persoas coas que colaboro máis habitualmente, xa que buscamos un mesmo fin, facer educación ambiental e poñer en valor a nosa ría. E por último, pero máis importante, grazas á miña familia, que é extremadamente comprensiva con esta miña afección, por buscar sempre comigo o xeito de compatibilizala co resto de actividades e tarefas familiares.

E agora sí, para rematar, quero facelo cun recordo especial para o meu pai. El non chegou a coñecer o blog, xa que morreu un ano antes de que este nacera. Pero, no fondo, foi o seu principal impulsor, xa que el foi quen me inculcou desde neno o respecto e o amor pola natureza.

A por outros dez anos máis. Saúdos e ata a próxima.


Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

 

2 comentarios:

  1. Parabéns por este aniversario, Quique. Debe ser ún dos poucos blogues de Natureza que resisten activos desde entón, alomenos en Galiza. A min tócame o ano que vén.
    Non sabía que te movías en tantas plataformas ademáis do facebook. Recoñezo que é un mundo ao que aínda non me adaptei. De feito sigo pensando que os blogues deste tipo son para desfrutar en pantalla grande, non no teléfono. Tanto pola visualización de fotografías como polos comentarios (os feitos aquí fican para sempre e son os únicos que poden ler todo o mundo).
    Iso, felicidades e a por outros dez.
    Apertas.

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas Xabi. E ti eres unha desas persoas que se ten que sentir moi aludida polos agradecementos que facía antes, porque che afectan por varias partes, ha, ha, ha.
    Sí, somos dos blogues máis veteranos que aínda seguen activos. E iso ten moito mérito. Porque chegar chega calquera, pero poucos teñen a constancia de prevalecer coma os nosos ;) Un día temos que miralo en serio, para ver cántos hai.
    Unha aperta amigo!

    ResponderEliminar