Páginas del blog Ría de Ribadeo

martes, 28 de agosto de 2018

Subida ó Pico Capeloso (O Courel)

Sempre que vou camiño de Madrid, ó atravesar O Courel pola A-6, na fronteira entre Galicia e León, hai un pico que chama poderosamente a miña atención. Trátase do Pico Capeloso, que a pesares de non ser excesivamente alto (preto de 1.600 mts.), si que ten unha silueta impresionante. Isto débese a que desde As Ferrerías, “Las Herrerías” para os carteis, divísase un fermoso cordal que ascende casi 1.000 mts. de desnivel. Aclaro o de “As Ferrerías” porque como puiden comprobar in situ, nas aldeas galegas veciñas chámaselle así. Pois ben, dita silueta, como comentaba, resultou sempre coma un imán para os meus ollos, e desde as primeiras veces que o observei, sempre tiven a ilusión de ascender. 

Á esquerda, no inicio da ruta, As Ferrerías. Logo o cordal de ascensión, e o Pico Capeloso á dereita.


E si amigos, por fin chegou ese momento. Este verán, aproveitando as vacacións en Ribadeo, achegueime un día ata O Courel disposto a ascender o Capeloso. E fíxeno na compaña da miña irmá Carmen, quen desde que llo propuxen, non o dubidou nin un intre. Así que aló nos presentamos o 13 de agosto, dispostos a alcanzar o noso obxectivo, cousa que como veredes resultou máis complicada do esperado. 



A ascensión fixémola, como comentaba, desde As Ferrerías. Tratábase de seguir o cordal que se observa desde a autovía cando te achegas a esta zona, e que é a vista que me tiña cautivado desde fai tanto tempo. Sen dúbida esta é a cara máis complicada para ascender, xa que en apenas 7 km de percorrido, hai que salvar un desnivel de case 1.000 mts. Así que imaxinade as rampas. Teño subido co clube de montaña picos de bastante máis altitude e dificultade, desde Gredos, pasando pola Sierra de Guadarrama, os Pirineos ou os Picos de Europa. E podo asegurarvos que as rampas do Capeloso son bastante fortes.





Xa desde a saída comezan pronto as fortes rampas, primeiro entre unha frondosa vexetación, entre castiñeiros, faias e carballos, para máis adiante ir desaparecendo e ficando unicamente monte de matogueiras con xestas e vexetación rasa.

Cabe dicir, que en canto a fauna, pouca puidemos observar, pero si que vimos as súas pegadas por todas partes. Coma esta de lobo, se non me confundo. 




Como dicía, a primeira fortísima pendente levounos desde os seiscentos e pouco metros das Ferrerías ata a cima do cordal, preto da Pena do Couso, a 1.007 mts. Aproveito para aclarar que empregarei os topónimos que figuran no Sigpac, aínda que seguramente haberá erros, como sei por experiencia. 



Desde esa cota, seguimos gañando altura polo cortalumes que vai pola corda da montaña, ata unha zona nomeada coma Os Portaloes, na que un camiño rodea lixeiramente a cresta para seguir pola falda. Toda esta ascensión faise por territorio leonés. 







Ó chegar ós 1.252 mts. de altitude, volvemos subir por outro cortalumes, que será o tramo máis complicado. É a chamada Campa da Penada, onde a pendente é tan forte que parece que o sendeiro é case unha escaleira, dando a sensación de ir subindo chanzos. 

Panorámica do cordal ascendido, coas pontes da autovía A-6 ó fondo


En torno ós 1.450 mts de altura, o cortalume finaliza, tendo que facer un pequeno xiro á esquerda para subir monte a través, e chegar así á peor zona de toda a ascensión, e que a piques estivo de impedirnos alcanzar o cumio. É o tramo que marquei en cor púrpura no mapa. Xa puidera ler nalgunhas fontes que esta parte había que facela abríndose camiño entre xestas e vexetación arbustiva, pero non imaxinaba que fora tan complicada. Penso que pola época na que fixemos a ruta, e debido á chuviosísima primavera que tivemos, a vexetación estaba moitísimo máis alta e mesta do que outra xente a encontrou subindo por aquí no outono ou inverno. Así que si alguén decide facer esta ruta en primavera ou verán coma nós, que teña isto en conta, xa que como digo, resultounos moi dificultoso poder superar este tramo. Non hai senda marcada e a vexetación e pendente nalgúns puntos son tan fortes, que non se pode adiviñar nin o camiño a seguir, nin sequera saber con claridade onde está a cima. Os últimos metros tivemos que facelos literalmente por riba das xestas, agarrándonos e subíndonos a elas nalgúns puntos nos que non chegábamos ó chan. Pero por sorte para nós, tras case dúas horas de loita, algúns rasguños, e varias idas e vidas buscando a mellor vía, conseguimos alcanzar o camiño final que leva á cima.  



Aquí a foto de rigor no marco xeodésico, e unha parada para repor forzas no excelente refuxio libre que hai na cima, que por sorte está moi ben coidado. 





A baixada fixémola entrando en Galicia, dando moitísima máis volta, e por tanto con menor desnivel. Ademais, excepto un tramo de cortalumes, todo foi xa por pistas forestais, e incluso algúns tramos asfaltados, non por iso menos fermosos. Esta zona do Courel, como é a Serra da Escrita, mostra nesta época todo o seu verdor, e a auga tampouco falta en regatos e fontes, como puidemos comprobar.  E a sorpresa levámola ó atoparnos coa entrada a unha antiga mina, que supoñemos sería de Wolframio. Lembremos que este mineral foi moi cotizado polos nazis para a fabricación do seu armamento, e as minas galegas foron un dos seus principais fornecedores a nivel mundial. A mina está pouco antes de chegar ás Brañas, onde unha fresquísima fonte nos brindou a súa auga, e un amable paisano as súas indicacións para continuar o camiño, e unhas ricas ameixas para facelo máis doado. 






Desde As Brañas ata a Veiga de Brañas seguimos a estrada asfaltada, para logo coller na antiga escola a estrada que, tamén asfaltada, vai cara a Otero (seguramente Outeiro para os lugareños). Pero nunha curva, onde un marco de pedra de considerables dimensións sirve de novo como aviso de que abandonamos Galicia, deixamos o asfalto e collemos a pista forestal que sae á esquerda e nos levará a Lindoso. 



Desde aquí descendemos en zigzag por un fermoso souto de centenarios castiñeiros que baixa ata o rego da Ribeira. E seguíndoo, ata a pequena poboación de Hospital. Aquí o camiño de Santiago faise presente non só pola cantidade de peregrinos que nos cruzamos, senon tamén pola toponimia, como é o caso desta poboación de Hospital. De aquí ata as Ferrerías son apenas uns minutos, para gozar co frescor do val e o animado dos pequenos negocios rurais e camiñantes de todas as nacionalidades que hai no camiño francés. Un camiño ben diferente do que nós fixemos, pero que para os peregríns terá tamén a súa satisfacción. Similar á que nós tivemos neste fermoso día de verán no que alcanzamos o noso obxectivo, e gozamos non só coa cima, senon con todo o camiño.




Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com