O Camiño Natural da Ruta do Cantábrico é unha das rutas que o Ministerio de Medio Ambiente está a proxectar por todo o territorio. Pretenden ser rutas por entornos naturais que unan distintos puntos de interese, e dar así a coñecer o patrimonio natural español, que é moito e moi variado. Dentro da rede de Camiños Naturais, o do Cantábrico é un percorrido pola costa cantábrica galega, duns 133 km. de distancia, que une Ribadeo co cabo Ortegal.
A iniciativa paréceme interesantísima, pero non pretendo hoxe afondar nela. O propósito desta entrada é simplemente denunciar a pouca profesionalidade dos deseñadores de certa cartelería que se pode ver na ruta, polo menos no tramo ribadense. Fai meses que detectei a instalación deste cartel explicativo sobre as aves da Ría de Ribadeo na zona do Cargadeiro.
O cartel é unha copia exacta do texto, imaxes e ata o mapa que eu deseñei no seu momento para o Concello de Ribadeo (aquí podedes velo: https://es.scribd.com/user/191572371/Ria-de-Ribadeo-Enrique-Sampedro). Cando vin o cartel, pensei que o Ministerio lle pedira o material ó Concello para poder elaborar este cartel. E fai pouco chegoume noticia de que había outro igual instalado preto do Muiño das Aceas, que aquí podedes ver.
Pois ben. Como dicía, pensaba que o Ministerio lle pedira o contido ó Concello para poder elaborar os carteis, e que simplemente, se "esqueceran" ("olvidaran", para los lectores no gallegos) de poñer nos carteis o nome do autor. Pero estes días atopeime coa concelleira de Turismo de Ribadeo, Ana María Martínez, quen me sacou o tema, e me dixo que se quedara sorprendidísima ó ver os carteis. Díxome que se trataba dunha copia exacta dos folletos, pero que non sabía nada do tema, e que o Ministerio non contactou en ningún momento co Concello para pedirlles o material. Así que sacamos a conclusión de que simplemente o que fixeron foi plaxialo, nin máis nin menos.
Son consciente de que isto por desgracia está á orde do día. Pero non deixa de sorprenderme que por parte dun organismo oficial se realicen este tipo de prácticas, cando menos, pouco loables. Tamén sei que podería emprender algún tipo de acción legal contra este roubo da propiedade intelectual, pero polo momento non o considero pertinente. O que sí quería é que quedase constancia delo, e por iso decidín escribir esta entrada. Así que dito queda.
Saúdos e ata a próxima.
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com