Estamos en plena época de paso migratorio, e a charca de Rinlo tense convertido nos últimos anos nun lugar privilexiado para observar diferentes especies, que a utilizan como lugar de parada na súa viaxe. Así que aproveitando que estou en Ribadeo nunhas datas tan interesantes coma estas para os observadores de aves, estes días estou pasando por alí ver o que hai. E non ten desperdicio, a verdade. Parece incrible que nun humidal (sendo bondadoso na súa denominación) tan minúsculo e aparentemente insignificante, se poida observar tal cantidade e variedade de aves. Tanto na propia charca coma nos arredores e prados circundantes destacan sobre todo as limícolas, que se concentran en grandes bandos. Así, por alí véñense observando desde patudas (Himantopus himantopus) ata combatentes (Philomachus pugnax), pasando por pilros de diferentes especies, virapedras, píllaras, mazaricos, biluricos, etc.
|
A charca de Rinlo |
Onte, por exemplo, contei 35 píllaras reais (Charadrius hiaticula), pero esta mañá falando con Óscar Chao comentoume que ó mencer había aínda mais. E similares números para especies coma pilro común (Calidris alpina) ou pilros tridáctilos (Calidris alba). Tamén un número interesante de pilros gordos (Calidris canutus). Óscar comentoume que viu 7, ainda que eu só cheguei a ver 2.
|
Pilros gordos e píllaras reais |
|
Pilro gordo |
|
Bilurico patirrubio ou común, e pilros comúns |
|
Pilro común |
|
Pilro común |
|
Píllara real |
|
Píllara real |
|
Pilros tridáctilos |
|
Pilro pequeno no medio dos pilros tridáctilos |
|
Virapedras |
Outras que se poden ver son píllaras cincentas (Pluvialis squatarola) e douradas (Pluvialis apricaria), así coma biluricos patirrubios (Tringa totanus) e pativerdes (Tringa nebularia).
|
Píllara cincenta |
|
Píllara cincenta (esquerda) e píllaras douradas (dereita) |
|
Bilurico pativerde |
|
Bilurico pativerde e pilro común |
E do outro lado da charca, está o mar, onde podemos ver o espectáculo do paso migratorio “en vivo”. Cun pouco de paciencia e sorte, diante dos nosos ollos (prismáticos ou telescopio en ristre) pasan mascatos (Morus bassanus), gaivotas, carráns, pentumeiros (Melanitta nigra)... Todo un espectáculo.
|
Pentumeiros |
|
Mascato |
Para rematar esta entrada, gustaríame que esta fose a miña pequena homenaxe particular á lingua galega, neste 17 de maio, día das Letras Galegas. O galego é a miña lingua nai, coa que medrei e me eduquei, e que sempre me rodeou no meu entorno familiar e de amigos. Por iso para min o galego sempre será "a miña" lingua, ainda que como ben sabedes os asiduos do blog, non a única. Pero sempre seguirá ocupando un lugar especial neste espazo na rede.
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo