Páginas del blog Ría de Ribadeo

domingo, 6 de diciembre de 2020

Costeando

 

A pasada fin de semana estiven pola costa. O mar estaba moi revolto, pero o tempo era seco e a temperatura agradable, nada que ver con cómo está o tempo agora mesmo en Galicia. Comecei por Rinlo, onde, coma sempre, estaban os corvos mariños no Penedo do Corvo (a simplicidade da toponimia...). Neste caso, corvos mariños cristados (Phalacrocorax aristotelis).



E con eles, este gaivotón (Larus marinus) coa base do bico que semellaba petroleada.


Nos cantís próximos, un pequeno bando de limícolas, composto de virapedras (Arenaria interpres), dous pilros comúns (Calidris alpina) e un pilro escuro (Calidris maritima).







A charca de Rinlo estaba casi baleira. Supoño que durante estes últimos días nos que ten chovido bastante, se enchería algo mais. Con esa situación, nada de limícolas, nin gaivotas sequera. Pero sí que había un picapeixe (Alcedo athis), un lagarteiro (Falco tinnunculus) e paseriformes coma chasco (Saxicola torquatus) ou pica dos prados (Anthus pratensis).






Na praia de Esteiro atopeime con outra habitual nesta época pola nosa costa, a lavandeira branca enlutada (Motacilla alba yarrellii). Tamén estaba a súa curmá lavandeira branca (Motacilla alba alba), así que unha boa oportunidade para poder velas xuntas.




En Arealonga, ademáis dun bando mixto de gaivotas patiamarelas (Larus michahellis) e escuras (Larus fuscus), tamén vin un grupo de pequenos limícolas. Pero os omnipresentes paseantes con cans levantáronos e non me deu tempo a mirar qué eran. Un verdadeiro problema para as aves a presenza dos cans nas nosas praias. Colegas coma Xabier Prieto non se cansan de denuncialo, pero hai moi pouca conciencia social das molestias que as mascotas causa á fauna salvaxe.




O meu paseo pola costa rematou na praia da Pasada, onde un enorme bando de pentumeiros (Melanitta nigra) me deu as boas tardes. Entre a velocidade do bando, e a escasa luz que quedaba, non fun quen de enfocalos, así que me quedei sen foto.


Saúdos e ata a próxima.



Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons 

Enrique Sampedro Miranda

Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

3 comentarios:

  1. Eu non falaría de "pouca conciencia social", Quique, senón de neglixencia e connivencia por parte de TODAS as Administracións, toda vez que non falamos dunha práctica voluntaria ou altruista senón dunha manifesta ilegalidade nos espazos naturais.
    Por tanto cómpre sinalar ben aos culpábeis: as Administracións locais e da Xunta de Galiza (ou sexa, PP, PSOE, BNG e UP). O resto é palabraría baleira. O da educación e tal queda moi guai e serve para non enfadar aos nosos seguidores, pero é unha distracción do auténtico problema: que son uns putos delincuentes e contan con impunidade legal por medo a perder votos da manada mascoteira/animalista. Se non o dis ti xa o digo eu.

    Con respeito á entrada en si, encántanme as dúas primeiras fotos. Reflicten moi ben a forza do mar batendo contra as rochas. E parabéns polo pilro escuro (non é doado pillalo polo hábitat no que vive). Precisamente nesa zona observáramolo hai case vinte anos. Un bicho que mola.

    Apertas, Quique.

    ResponderEliminar
  2. Está clarísimo que moita parte da culpa a teñen as autoridades. Pero falo da conciencia social porque realmente creo que a maioría da xente que pasea os cans polas praias non é consciente do dano que causan ás aves. E creo que moita parte do problema se resolvería si esto fora máis coñecido pola poboación. E logo está a aplicación das normas e as debidas sancións que deberían imporse, por suposto.
    Sobre o pilro escuro, tés razón que non é sinxelo pillalo. De feito, cando quixen sacarlle unha foto a el sólo, xa non puiden...
    Unha aperta Xabi.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Quique, pois cando che cadre, fala con esa "maioría da xente que pasea cans polas praias" e explícalle o dano que fan. Logo lles contas o que di a lei ao respecto e depois, lóxicamente, invítalos amablemente a que aten o can. Xa me contarás qué ocorre (supoño que unha vez recibida a información todos eles atarán aos seus cans ou marcharán da praia). Bueno, é un chiste como calquera outro.

      Eliminar